Un fogar para o teatro alternativo
O Ensalle de Vigo logra aumentar o público da escea experimental no seu quinto aniversario
Esta noite é noite de estrea no Teatro Ensalle de Vigo. Ou sexa, tensión, présas de última hora, certo nerviosismo. Iso tamén quere dicir que na sala van celebrar o seu quinto aniversario traballando arreo, xusto o que desexaron Raquel Hernández e Pedro Fresneda cando, o 2 de outubro de 2003, abriron as portas do Teatro Ensalle como resultado de vender unha casa no centro de Madrid, deixar traballos como o de Pedro no Teatro Real e empeñarse ata as cellas para convertir un antigo garaxe de 400 metros cadrados na rúa Chile de Vigo nunha sala de artes escénicas con capacidade para algo menos dun cento de espectadores. Cando estaban a piques de conseguilo, dous dos catro socios botáronse atrás. Teimudos, Hernández e Fresneda seguiron adiante.
"As salas alternativas ofrecen máis funcións que as institucións públicas"
Os fundadores establecéronse en Vigo tras unha década en Madrid
"Está claro que ter sala propia non é aconsellábel en absoluto para unha compañía de teatro, porque che resta tempo para as túas propias obras", indica Raquel. A compañía do Ensalle non figura na programación da sala para este trimestre e no semestre pasado estrearon función no mes de xuño. "O peor", segundo os directores, "pero non tivemos máis remedio porque eran as únicas datas que quedaban libres". "O mellor de ter unha sala é a oportunidade que nós, como actores e directores, temos para ver o teatro que fan os demais e para crear sinerxias coas compañías que pasan por aquí; non sería bo que só nos programasemos a nós mesmos", puntualiza Pedro.
Logo de case unha década na escea madrileña, decidiron saír cara ao norte na procura de aire fresco. Buscaban un espazo singular, unha cidade na que tiveran algo diferente que dicir. Percorreron San Sebastián, Santander, Santiago e Vigo, onde decidiron crear este oco para as producións deseñadas cun formato as máis das veces experimental e que permite unha meirande proximidade co espectador . "O noso encontro con Ana Vallés e Baltasar Patiño, da desaparecida Sala Galán de Compostela, foi decisivo. Agora que a Galán xa non existe, en certo modo, nos sentimos baixo a responsabilidade de ser os seus herdeiros", afirman.
Contan xa con 186 funcións ás súas costas, 48 delas estreas absolutas e 66 presentacións en Galicia. Hoxe por hoxe, a súa sala é o principal polo de atración ao país das compañías de todo o Estado ao abeiro do denominado "teatro alternativo". Manteñen ligazóns estables con agrupacións como Provisional Danza e Carmen Werner ou Cambaleo Teatro, que crean os desexados vínculos creativos. Ademais, Teatro Ensalle forma parte da Coordenadora Estatal de Salas, unha entidade que agrupa a 36 empresas e que ten intención de celebrar en Vigo algunha das súas mostras anuais.
Naquela ocasión inaugural, e cun grupo electróxeno, Sintalento Teatro de Madrid poñían en escea La Pecera, unha obra que versaba sobre o éxito e o fracaso. Cinco anos despois, estrea unha compañía galega de danza. Desde as 10 desta noite, e durante toda a fin de semana, Pisando Ovos darán a primicia aos vigueses da súa última produción, Menos 1, un solo a cargo da bailarina Rut Balbís. É casualidade que sexan eles os convidados especiais á festa de aniversario pero non é culpa só do azar. Pódese dicir que o Ensalle foi o descubridor desta agrupación sorprendente que acada recoñecementos alá onde vai. Dous espectáculos destes galegos obtiveron, en 2006 e neste 2008, as mellores calificacións nas votacións que fan os integrantes da Coordenadora Estatal, o que garante a difusión da montaxe.
"É moi significativa a nosa evolución natural cara á danza, que cada vez programamos máis. A razón é que neste eido é onde están xurdindo as ideas máis potentes e o noso traballo contribúe enormemente a que o rego non seque. Se poñemos as cousas na balanza, as salas alternativas ofrecen máis funcións cás institucións públicas", reflexionan. Desde que eles abriron, o telón virtual do Ensalle sobe cada venres, sábado e domingo. Mesmo cando a compañía residente está de xira levando o nome de Vigo por toda España e por Arxentina.
Teatro, danza, música (contan cunha banda residente, Es un árbol), exposicións de escultura, fotografía... son parte dos seus intereses, compartidos cos máis de 19.000 espectadores contabilizados ata xuño de 2008. E teñen boas perspectivas. "Podemos constatar que o público da sala medrou este ano un 15% con respecto ao anterior e tamén son boas noticias que o Ministerio de Cultura dobrase a contía da subvención e que aumentasen tamén as achegas da consellería", confirman. "Con ou sen ellas, teriamolo feito igual. Sería máis difícil, pero sen risco nesta profesión non existe nada".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.