Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:Luces

A outra música dos anos da movida

O 50º aniversario de Enrique Macías tenta rescatar a obra dun compositor recoñecido en toda Europa

Nos rebuldeiros anos 80 en Vigo e ata a súa morte, Enrique X. Macías (1958-1995) viviu a súa paixón pola música entre a súa cidade natal e Europa. O compositor percorreu o continente dando concertos, foi bolseiro de importantes centros de estudos musicais en Finlandia, Holanda, Alemaña e Italia, entre outros países; Radio Nacional de España, a RAI ou Radio France gravaron obras súas e organismos como a Academia de Música de Cracovia solicitáronno como compositor convidado. Non lle faltaron premios como o da Joven Orquesta Nacional (1984) ou o Cristóbal Halffter (1983) e foi asiduo de programacións como o Festival Antidogma de Turín e o de Música Experimental de Bourges, pero a súa proxección social en España e en Galicia foi escasa. O seu falecemento antes de cumprir os 40 anos interrompeu abruptamente unha carreira que aínda non acadara a súa máxima expresión e deitou un elo de silencio sobre a súa figura.

Foi premio Cristóbal Halffter e asiduo en festivais como o Antidogma de Turín

Julián Hernández e Miguel Costas tocaron con el nun grupo de cámara

MÁS INFORMACIÓN

"Foi, sen dúbida, o máis moderno dos músicos galegos e está na vangarda dos españois; aínda hoxe as correntes que el abriu están moi paradas", explica o director do Conservatorio Superior de Vigo, Roberto Relova, amigo persoal do compositor. Relova lembra como un fito cando conseguíu que Macías participase en audicións e charlas cos alumnos do Conservatorio, un lugar pouco grato ao músico autodidacta que odiaba os academicismos. "Estaba máis preocupado por investigar os procesos creativos como espazos de coñecemento e foi un gran estudoso, moi metódico", afirma o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, quen mantivo un estreito contacto con Macías na última década de vida do músico e, desde o seu blog, exerce o activismo a prol da divulgación dun traballo que foi obxecto de iradas manifestacións. Os seus achegados evocan a súa compostura elegante fronte as críticas, que recibía cun grande sentido do humor "porque proviñan da caverna", indica Bragado.

Os ataques intensificáronse da parte dos sectores máis conservadores logo de que a Deputación de Pontevedra organizara catro concertos arredor da obra de Macías cun avultado desembolso. Nas páxinas de Faro de Vigo, o 6 de febreiro de 1983 políticos, músicos e críticos asinan unha declaración na que cualifican o acontecemento de "escarnio para a música baixo as etiquetas de vangarda e contemporánea". A ardorosa reacción alude a unha obra "caracterizada polas súas vaguedades" e sobre o autor di: "Resulta incrible que facendo ostentación da súa ignorancia musical e carecendo de estudos desta Arte, xurdan maxicamente unha serie de obras que di ter reflectado sobre o pentagrama". Mesmo a participación de Macías na comunidade musical lusa é vista como un demérito: "Endexamais teñen merecido gabanza da crítica autorizada, polo que lle cumpriu apadriñarse en Portugal".

O profesor de Historia da Música da Universidade de Valladolid, o compostelán Carlos Villar Taboada, considera que estes argumentos proviñan do descoñecemento: "Era posuidor dunha escrita complicada que os tradicionalistas non sabían comprender". Na súa tese de doutoramento, aínda inédita e centrada nas músicas contemporáneas en Galicia, salienta do compositor vigués "a súa visión universalista do feito musical e o seu afán por se apropiar de técnicas e de recursos compositivos plenamente vangardistas, o que o une ideoloxicamente aos artistas plásticos galegos da súa xeración, igualmente revolucionarios". Entre os seus coetáneos figuran os colectivos artísticos Rompente e Atlántica, nos que Macías colaborou activamente desde finais dos anos 70 e ata mediados dos 80. Foi na casa do compositor onde se coñeceron o escritor Manuel R. Romón, membro de Rompente, e o músico Julián Hernández. Romón e Hernández, ademais, viaxaban no Renault 12 familiar cuxo accidente en Bouzas deu orixe a Siniestro Total. Daquela Romón quedou sen bazo pero xuntos iniciaron unha aventura musical e un regueiro de colaboracións que aínda segue dando froitos. Macías enrolouse canda eles no artellamento de performances e singraduras diversas.

Romón atesoura abondosa documentación que proba a curiosidade ilimitada de Macías e a súa inclinación por se adentrar noutros eidos artísticos. Hernández e o ex Siniestro Miguel Costas eran membros habituais dos conxuntos de cámara que interpretaban as súas obras; Macías mesmo daba un concerto en 1982 como actividade paralela á exposición colectiva de Ánxel Huete, Menchu Lamas, Alonso Monroy e Antón Patiño, como musicaba o poemario Anaí (1983) de Romón. "Era un gran divulgador cultural, porque tiña un coñecemento amplísimo das correntes musicais europeas. Organizaba audicións e conferencias que nos axudaban a todos a ampliar horizontes", lembra. Durante os tres anos nos que as Xuventudes Musicais de Vigo conseguiron sacar adiante un festival de verán sobre música contemporánea, Macías traballou na selección do programa, especialmente na edición de 1980, da que foi director musical.

No catálogo da exposición Atlántica 1980-1986 coa que se inaugurou o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, coordinado por Rai Iglesias, a presenza constante de Macías revela a súa condición activa na efervescencia cultural que fixo de Vigo un referente da modernidade. Antes de que cadaquén emprendese novos rumbos, Macías tomou parte da loucura colectiva que se desatou en Santander en agosto de 1986, cando a Universidade Internacional Menéndez Pelayo propuxo aos Rompente e a artistas como o escultor Francisco Leiro, o poeta Lois Pereiro ou o pintor Antón Lamazares participar nas actividades do ciclo Galicia: chove sobre mollado. Semana de las Fuerzas Atroces del Noroeste.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 23 de mayo de 2008