Animados emprendedores
Unha nova xeración tenta seguir o camiño aberto polas grandes produtoras
Roque Cameselle ten só 26 anos e xa ten rematada a súa primeira longametraxe de animación, titulada O mago dubidoso. Malia súa xuventude, hai xa catro anos que Cameselle decidiu montar a súa propia produtora, Deboura, e buscar un oco no mundo da animación. Este director de Tui pertence a unha nova xeración de realizadores e produtores que crearon as súas propias empresas para sacar os seus proxectos adiante. "Cheguei á animación buscando outras vías para contar historias. De entrada estaba un pouco perdido, pero agora estou moi contento do traballo que temos feito", confesa Cameselle, logo de ter empregado tres anos de traballo na súa primeira longametraxe. O sacrificio terá finalmente recompensa, xa que O mago dubidoso estrearase en marzo de 2008 e sairá ó mercado con 180 copias, unha cifra considerable dentro do mundo do cine, ademais de ter asegurada xa a distribución en Canadá, Italia e Alemaña. "Para nós isto é todo un logro, porque custa moito vender algo nun mercado onde os xaponeses chegan cos seus filmes xa amortizados e venden a prezos moi baixos", explica.
O filme O mago dubidoso, de Roque Cameselle, estréase en Marzo de 2008
"Aínda hai carencias básicas como unha escola de animación"
Ademais do filme O mago dubidoso, a emerxente factoría de Deboura traballa tamén noutros proxectos a medio prazo, como Bala perdida, unha longametraxe de animación, baseada nun relato de Manuel Rivas, que está en fase de preprodución, ou O diario de Berto, unha serie para nenos. "Xusto esta semana acabamos de pechar un acordo coa Televisión de Galicia para facer 52 capítulos que estarán listos a mediados do vindeiro ano", adianta o responsable da produtora Deboura.
Outro dos emprendedores do novo panorama da animación en Galicia é Fernando Cortizo, un artesán da plastilina que acaba de lanzarse á aventura do audiovisual coa súa produtora Artefacto. Cortizo ten 34 anos e agocha unha curiosa historia, a dun veterinario que un día abandonou as visitas ós cortellos para pecharse nun estudio de animación. "Madrugaba moito para traballar coas vacas, pero procuraba acabar rápido para adicarme á animación polas tardes, moitos días ata as dúas da mañá. Era un ritmo estresante, e tiven que decidir entre as vacas ou o cinema", lembra este animador compostelano, que acaba de fundar Artefacto, unha empresa na que traballan sete persoas en diferentes proxectos.
O mais recente é a curtametraxe de animación en plastilina Leo, que se estreará o 29 de Nadal. "Leo é algo mais que unha curta, é case un piloto de Sombras na noite, unha serie que coproduciremos cos cataláns de In Vitro, e da que estamos negociando un acordo con TV-3 e posiblemente coa Forta", explica Cortizo. Sombras na noite é unha serie singular, con personaxes de plastilina cuxas esceas foron previamente interpretadas por actores. Caras como as de Carlos Blanco son fácilmente recoñecibles nos monecos de plastilina, que se moven por escenarios nos que se identifican cidades como Santiago, Granada ou Barcelona. Ademais deste traballo, Artefacto está desenvolvendo tamén a serie de animación para nenos Renata a araña, e a longametraxe O apóstolo, en fase de storyboard. "Antes só se falaba de Barcelona ou Valencia, pero agora fálase da animación galega, hai xente moi boa e temos que aproveitar o gran salto que estamos dando" reivindica Fernando Cortizo.
Case á par que Artefacto, naceu tamén Matriuska, unha nova produtora que "pretende canalizar o talento que hai en Galicia e traducilo en produtos que se poidan vender fóra", segundo explica Daniel Froiz, o seu produtor executivo. Froiz ten 29 anos e é a cabeza visible dunha empresa na que traballan media dúcia de persoas, e que prepara varios proxectos . O mais inmediato é a curtametraxe Don Señor y el hombre del sueño, unha mezcla de animación 2-D e 3-D dirixida por Nacho Abia, e que "pretende ser o xermolo dunha longametraxe", segundo Daniel Froiz. Matriuska prepara tamén as series de animación para televisión Romántica e Polacos, unha idea peculiar inspirada "no modelo das sit com tipo Siete Vidas, e pola que varias compañías se interesaron en coproducila", avanza o seu produtor.
Xunto con Matriuska, Artefacto ou Deboura, neceu tamén a compañía Perro Verde, que traballa no mundo das coproducións internacionais. Un dos seus socios, Manuel Cristóbal, procede de Dygra e conta cunha ampla traxectoria na animación. Coñecedor do sector, Cristóbal fai unha certeira observación: "Parece que aquí xa está todo feito, pero hai carencias básicas como unha escola de animación". A Cristóbal non lle falta razón, pero iso xa quedará para a vindeira xeración de emprendedores animados.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.