_
_
_
_
Entrevista:CAMILO NOGUEIRA | Ensaísta | Luces

"A UE significou a derrota do Estado xacobino"

Hai tres anos que Camilo Nogueira (Vigo, 1936) deixou a primeira liña da política convencional. Pasaran 40 tempadas do seu bautismo militante, nas fileiras da organización Galicia Socialista: "Soubemos ver que o proxecto da Unión Europea ía alén dun sistema económico determinado e se situaba a prol da paz e de recoñecer a diversidade cultural do continente, contra o que pensaba a outra póla do nacionalismo [a UPG]". Europeísta de vocación e lusista de convición, Camilo Nogueira reivindica a xínea pro UE do galeguismo histórico, "Castelao apoiou os movementos federalistas europeos após a II Guerra Mundial", e fala do libro Unha certa idea de Europa, de George Steiner, como central no seu pensamento último. A comezos de 2008 publicará en Galaxia os volumes Europa, o continente pensado e Galiza na Unión Europea. Erguida vontade.

"Galiza xa sufriu o que tiña que sufrir e a perspectiva de medre é enorme"
"Se nós queremos, a nosa lingua xa é oficial na Unión, polo portugués"
"Dicir que o BNG ten que ser de centro é mostra de incultura política"

Pregunta. Pódese ofrecer un balance da entrada de Galiza na Unión Europea?

Resposta. Dende 1986 en Galiza produciuse unha transformación económica extraordinaria. Houbo unha brutal conversión dos sectores económicos que levou canda si un gran sufrimento demográfico. En 1986, o 40% da poboación activa era agraria e hoxe en día non excede o 7%. Esa brutalidade da transformación foi responsabilidade, fundamentalmente, do Goberno do Estado español e do propio Goberno galego. Mais a sociedade galega tivo unha resposta magnífica a esas circunstancias negativas e, logo dun acelerado proceso de urbanizacíón, a industria galega é líder no automóbil, na confección, no granito, no leite ou na pesca. Todo o que Galiza tiña que sufrir xa o sufriu e arestora, se houbese un bo Goberno, que aínda non o hai, a pespectiva de crecemento é enorme.

P. As relacións con Portugal estreitáronse...

R. Estase a producir unha ósmose histórica entre as economías galega e portuguesa, que medrará no futuro. Galiza é o primeiro importador de produtos portugueses e o terceiro exportador a Portugal. E isto realizouse malia á ideoloxía do Estado español, á súa autoconciencia, que é de Estado mediterráneo. España negociou a entrada na UE como Estado mediterráneo e desprezou a faixa atlántica da Península, que suma 14 millóns de habitantes. Mais a entrada na UE eliminou as fronteiras e a realidade emerxeu dende a economía e eu agardo que cada vez máis tamén o faga dende o punto de vista cultural e lingüístico.

P. Pero como reciben Madrid esta realidade?

R. O normal sería que o Estado español considerase que no seu territorio se falan catro linguas e que dúas son universais. Pero estamos lonxe desa realidade. Amais, niso os galegos somos independentes. Se admitimos que falamos a mesma lingua que en Brasil, cousa evidente, iso é un factor de independencia política e cultural extraordinaria e sería un enriquecemento do propio Estado español.

P. A UE está a construír realmente unha alternativa a Estados Unidos?

R. Que países que saían dunha guerra mundial se puxesen de acordo e eliminanse barreiras políticas é unha revolución histórica, a derrota do Estado xacobino e un modelo de funcionamento interno. E a UE debe constituírse en factor de equilibrio e de paz, non en potencia hexemónica militar e ultraliberal e, nun mundo multipolar, ten que se apoiar na ONU. O que pasa é que dentro de Europa hai estados que privilexian a relación cos Estados Unidos e mudan en protagonistas e en antagonistas do proceso europeo ao mesmo tempo. E falta recoñcer as nacións sen Estado, claro.

P. Existen posibilidades de novos estados independentes na UE?

R. Dende o punto de vista da legalidade europea, totalmente. O problema é político, porque no Tratado Reformador de Lisboa asegúrase que a integridade territorial dos estados é responsabilidade dos estados. O mesmo acontece coas linguas: se o galego, o catalán e o vasco non son hoxe linguas oficiais na UE non é porque a UE o impida, senón porque o Estado español non as presenta como tal. No caso do galego, amais, se queremos xa somos oficiais, polo portugués.

P. Vostede sempre se adiantou a posicións que o nacionalismo tardou en aceptar...

R. No Partido Obreiro Galego aceptamos a autonomía non porque fósemos autonomistas, senón porque ese era o lugar onde crear un marco nacional galego naquela circunstancia histórica. Mesmo eramos máis avanzados nas solucións finais para a soberanía galega que outros que rexeitaban este marco democrático. O curioso é que a xente que se situaba contra a UE ou contra as institucións autonómicas, posibelmente carentes de ideoloxía coherente, deron en se acomodar máis a este sistema que outros que o asumimos pero queriamos mudalo. Aínda hoxe hai persoas que se integran totalmente no sistema político sen prescindir de posicións contraditorias con esa acomodación.

P. Existe espazo político na Galiza para un nacionalismo de dereitas?

R. O día que este sexa un país soberano poderá haber a variedade de partidos que hai noutra nación calquera. Outra cousa é que hoxe se dean as condicións para que iso ocorra. En todo caso, penso que o BNG debe desenvolver a súa acción e procurar a súa hexemonía dende posturas de esquerda democrática e que a esquerda, como a dereita, debe presentar un proxecto para toda a sociedade. Para ampliar o espazo político propio, o BNG non ten que se facer de centro, unha postura meliflua que non se sabe qué quere dicir. Dicir que o BNG debe facerse de centro é unha mostra da incultura política dominante e quen o fai non coñece como discorre o mundo.

P. Mais a relación co PSdeG resulta complexa de xestionar...

R. O BNG debe loitar por ser hexemónico na esquerda, como xa foi entre 1997 e 2005, durante oito anos. Pero se os resultados electorais obrigan a unha alianza, hai que facela, e o que non pode ser é que o BNG se desentenda do que se fai na educación, na sanidade, nas obras públicas, na lingua ou no medio ambiente. Se se goberna co PSOE hai que ter en conta que as consellerías socialistas resultan tan importantes para o proxecto nacional galego como as propias. Crer que o proxecto nacional galego son os departamentos do BNG non ten ningún sentido.

P. Cales son os obxectivos irrenunciábeis do nacionalismo galego?

R. Galiza é unha nación. É unha nación en si mesma, non unha nación no Estado español, que se desenvolve nun mundo globalizado e que está na UE como proxecto. E ten que deixar de ser, na ideoloxía, unha provincia do Estado español, como aínda a ven mesmo algúns nacionalistas. Neste intre o nacionalismo galego cre plenamente nun Estado plurinacional, pero non debe nin ten que prescindir, e moito menos ideoloxicamente, doutras maneiras de soberanía máis avanzada.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_