Un fío oculto na lírica dos 80
Helena de Carlos publica 'Vigo', o seu cuarto libro de poemas, e Carlos Quiroga regresa con outra obra entre o dietario e o verso
En paralelo ás estéticas hexemónicas adoitan circular correntes subterráneas, propostas alternativas, literaturas que escapan do consenso. A obra poética de Helena de Carlos, coetánea en certo xeito á da xeración dos anos 80, axústase aos espazos menos alumados do seu tempo. De facturación delongada, a poesía de Helena de Carlos vén de materializarse no seu cuarto libro, Vigo. Logo de Alta casa, 1999 e Aracne 3, De Carlos achega un mergullo acougado e sen nostalxia na propia memoria de mocidade, no que desfilan lugares, personaxes e paisaxes exteriores e interiores. Publica Galaxia.
Da mesma man editorial chega Teatriños ou aturuxos calados, un dos últimos libros da poeta canadense Erín Moure. Produto en certa maneira da súa amizade con Chus Pato, anfitriona da casa onde comezou a escrita dos poemas, Teatriños... procura unha poesía que rexeite a lingua dominante. Con Correntes do esquecemento, Andrea Núñez tira á luz o seu primeiro libro. Prologado pola poeta da Coruña Lucía Aldao, a canle de publicación corresponde á Aturuxo, a federación de asociacións de lesbianas, gais e transexuais de Galiza.
A viguesa Iolanda Zúñiga presenta o seu debut en formato libro con Vidas post-it. O volume recolle pequenos relatos, maiormente de ambiente urbano, onde a violencia estrutural das sociedades opulentas e a súa existencia rutineira marcan as vidas e as historias de personaxes perfilados con crueza extrema. Vidas post-it e Aquel lugar, de Antía Nara, resucitan a colección Abismos, de Edicións Xerais de Galicia, aquela serie que deu a coñecer, entre outros, a narradores como Samuel Solleiro, Mario Regueira, Kiko Neves ou Xesús Fraga. Aquel lugar narra unha historia en escenarios galegos e paquistanís. Tamén en Xerais aparece O señor Lugrís e a negra sombra, de Luís Rei Núñez, premio Xerais por Expediente Artieda, que recrea a existencia do pintor Urbano Lugrís nunha novela cualificada de "cervantina e rigorosamente contemporánea" na nota editorial.
Un dos máis conspicuos cultivadores da chamada poesía da experiencia na Galiza, Manuel Pereira Valcárcel, recunca na prosa dous anos despois de Traxectos curtos. En Días do final, que se publica no selo Illa Nova de Galaxia, Pereira Valcárcel aborda unha relación entre pai e fillo perante a raia da morte. A editora viguesa ofrece, asemade, a última novela de Alfredo Conde. María das Batallas, que segundo afirma o autor "tivo outros títulos previos ao actual, a saber: María Pita, Patria escura, Este lado do vento, Cidade Alta, Cidade Baixa, A patria escura o lector descontento co que figura na capa poderá substituílo por calquera deles" traza o relato de María Pita "e a defensa da cidade da Coruña fronte ao ataque das tropas de sir Francis Drake".
Edicións Leas, localizada en Santiago de Compostela, achega a estrea en novela do xornalista Miguel Boó. Abreviatura (Abreviatura autista de Deus) céntrase nas "complexas e tormentosas relacións de parella e o poder subversivo do sexo". Na mesma marca editorial saen os contos de Alberto G. Aneiros, Relatos desvelados, que recupera "vellas historias ignoradas ou pouco coñecidas".
Inclasificábel
Na marxe do campo poético galego manéxanse os libros de Carlos Quiroga. Decote entre o poema, o dietario e a narración, sempre a carón do libro obxecto que fai do deseño do mesmo un valor estético engadido, Quiroga leva anos realizando un traballo literario inclasificábel en títulos como O regresso a arder, G.O.N.G. ou Viagem ao cabo nom. Venezianas. Uma viagem a Pordenome volve transitar os camiños heteroxéneos e híbridos dun Carlos Quiroga que mesmo recolle a Rimbaud para dubidar se "cómpre escribir menos ou mesmo deixar de escribir". Edita a portuguesa Quasi, de Vila Nova de Famalicão.
Galaxia leva ás librarías, na súa activa colección de ensaio, as actas do III Encontro de Mondariz Balneario. So o nome de Violencia e conflitos bélicos no novo século, Xosé Fortes, Felipe Fernández-Armesto ou o director xeral de Le Monde Diplomatique, Bernard Cassen contribúen con reflexións arredor da guerra, dos medios de comunicación ou das civilizacións. Liberdade relixiosa e asentamento dos protestantes en Galicia, de María del Salvador González Raposo e de Benito González Raposo, pescudan na "xénese e irradiación do protestantismo en Galicia, desde 1868 até 1931" e súmase a outras pescudas nas relixións non hexemónicas do países.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.