Para os que regresan
O Museo de Arte Contemporánea de Vigo cumpre cinco anos en metamorfose constante
A primeira directora do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco), Carlota Álvarez Basso, acuñou o lema Non queremos que veñan, queremos que volten. A frase condensa toda unha praxe que, cinco anos despois, segue estando vixente nun centro cultural que, malia a súa curta andaina, xa é un referente peninsular no eido da creación actual e un catalizador de inquedanzas e movementos artísticos que trascende o panorama galego.
O Marco é a demostración real de que os feitos cambiantes tamén deixan pegada. Todo cambia nel: renóvanse as exposicións, que sempre son de carácter temporal, os eventos no salón de actos, os obradoiros de artista, a programación didáctica e multiplícanse os libros nunha biblioteca cuxo fondo supera os 5.000 volumes e que aspira a converterse en centro de documentación, tamén dixital, do século XXI. O seu espírito aperturista reflíctese en colaboracións estreitas con colectivos sociais e culturais de toda Galicia para acoller toda caste de actividades. Desde a organización do seminario Arte e medio ambiente, promovido polo Parlamento galego, ou o Festival Sinsal ata a programación audiovisual do festival Artfutura, do que o Marco é a única sede no país. Polo camiño, o Marco concentra fotógrafos, cineastas, pintores, poetas, músicos, investigadores sonoros, artistas que mesturan danza, teatro e performance nunha espiral que semella non ter fin.
A primeira directora, Carlota Álvarez Basso, acuñou o lema 'Non queremos que veñan, queremos que volten'
Ata mediados de setembro, visitaron o museo nun lustro 300.000 persoas, delas 43.000 neste ano
Nun contexto global no que os cidadáns somos tratados como consumidores, o museo reformula esa circunstancia para o seu beneficio e introduce un elemento inédito, o hábito de consumir cultura atraídos pola novidade dunhas ofertas que nunca son iguais. A falta dunha colección permanente libera de ataduras ao orzamento do museo, valorado para o presente ano en 1.671.700 euros, e concédelle carta de versatilidade. Flexible pero consecuente cunhas liñas de actuación adaptables a soportes, materiais e intencións. Unha está centrada na produción artística actual de ámbito nacional e internacional e outra fomenta as exposicións de produción propia sobre o pasado recente da cultura de vangarda en Galicia que serven, de paso, de campo de formación para investigadores e profesionais da arte. A apertura do Espazo Anexo, en 2004, cunha exposición de Ángela de la Cruz, abríu unha terceira vía consagrada ós artistas galegos.
Na invención de fórmulas para fornecer contidos ó museo cómpre salientar o concurso para novos comisarios que xa vai pola súa segunda edición. A maiores da recompensa económica, o galardón premia ó proxecto gañador coa produción dunha exposición. A primeira en conseguilo, a mexicana Montserrat Albores, ideou a mostra Doppelgänger. O dobre da realidade que acaba de clausurarse no Marco. En definitiva, neste deseño de museo é posible inserir actividades paralelas como o concerto inaugural da mostra Switch on the power!, a edición musical que soaba nun dos espazos dedicados á exitosa retrospectiva do grupo Atlántica ou o mural grafiti que acompañou aos talentos galegos emerxentes que participaron en Urbanitas.
Na presentación do proxecto, en 2002, Álvarez Basso xustificaba un "novo xeito de entender a xestión cultural, establecendo vías de contacto coa cidadanía e potenciando o papel da cultura desta cidade" nos novos vieiros artísticos que creban os xéneros e as categorías convencionais. Multiculturalismo e pluridisciplinariedade que pasan, necesariamente, pola participación na era da comunicación interactiva. Á directora viguesa correspondeulle poñer en marcha unha idea respaldada por algunhas das entidades máis importantes con presenza na cidade: o Concello, a Xunta, a Deputación e Caixanova, que constituíron, en outubro de 2002, a Fundación Marco. O Ministerio de Cultura entrou a formar parte do Padroado da Fundación en xaneiro de 2006, o que reforzou a súa viabilidade económica. Nese momento xa se producira o relevo na dirección, ocasionada pola marcha de Álvarez Basso cara a outras responsabilidades.
Desde xuño de 2005, a institución está en mans do compostelán Iñaki Martínez Antelo, quen se ocupara das exposicións desde o nacemento do Marco e que, por tanto, coñecía o funcionamento da casa desde dentro. O cambio foi continuísta coa liña de atender ó máis amplo abano de tendencias, pero algúns dos máximos compromisos de Martínez Antelo residen nas tarefas de consolidar un museo de rápido crecemento e procurar o seu avance, sobre todo no exterior. Se chegar non é doado, máis difícil é aínda manterse. En 2006, o Marco foi escollido, cabo doutros centros de arte contemporánea, para participar nas actividades de apertura da nova sede chinesa do Instituto Cervantes, presenza que vén de fructificar na recente intervención da artista Carme Nogueira nese país. Colaboracións con outros museos galegos como o Proxecto Edición ou a itinerancia dalgunhas mostras ata, por exemplo, o Museo de Arte Contemporáneo Sofía Imber de Caracas onde viaxou a mostra monográfica sobre o arquitecto César Portela, confirman a senda pola que se encamiñan os pasos.
A gran conquista do Marco resúmese axiña cos números. As cifras de visitantes non fixeron outra cousa que medrar exponencialmente. Asemade, é previsible que o establecemento da entrada gratuíta desde o verán provoque un aumento espectacular das visitas. Ata mediados de setembro, 300.000 persoas pasaron polo museo nestre lustro; delas, 43.868 fixérono no que levamos de ano. Segundo Martínez Antelo, o seu traballo e o do equipo humano que o acompaña é "conseguir que cada un deles atope motivos para acudir ao Marco", o edificio que foi cárcere e que a modernidade convertíu en museo.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.