Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:LUCES

Cultura de ida e volta

Os creadores e as institucións galegas buscan xeitos de facerse visibles en España e no mundo

ABRINDO AS VENTÁS. "O escritor galego é rigorosamente invisible fóra de Galicia", dí con rotundidade Xosé Luís Méndez Ferrín. Loitar contra esa invisibilidade é un dos desafíos para os creadores e as institucións culturais. Algúns deles deitan aquí as súas propostas para rachar co aillamento. Desde fóra, outras voces do mundo artístico explican como nos ven

Non deixa de ser un paradoxo cruel que sexa moito máis doado exportar man de obra, seres humanos enteiros e concretos, ata sumar millóns de persoas, que os intanxibles e moito máis transportables productos culturais. Outros pobos tradicionalmente exportadores de xentes, como o irlandés, ou mesmo o italiano, conseguiron á vez difundir notablemente os seus productos culturais, pero no caso de Galicia o balance está escandalosamente desequilibrado. Todas as administracións teñen nas súas memorias de actividades experiencias de proxección exterior, pero os creadores, mesmo os que xa saltaron as fronteiras, non lle dan moito creto ós resultados. Por falta de costume, ou porque para promover algo hai que crer previa e firmemente no que se promove.

Obviamente, os productos que a priori son de máis difícil exportación, ou máis traballosa, son os literarios. A Consellería de Cultura duplicou este ano as axudas á tradución, que subirán dos 200.000 euros, e pensa incrementalas un 60% en 2008. Tamén presentou a web ReadGalicia (http://readgalicia.com/) na que se incluirán 175 obras literarias de distintos xéneros, publicadas nos últimos cinco anos, con fragmentos traducidos ó inglés e información para contactar con autores ou editores. "As estratexias de promoción hai que deseñalas de forma compartida entre a Administración e o sector", asegura un cualificado representante da edición, Manuel Bragado, director de Xerais. "Xa que non se acomete a creación do Instituto Rosalía de Castro que estaba no programa común de goberno da Xunta, polo menos facer unha oficina de promoción da literatura no exterior como a que hai en Irlanda, non son máis de tres ou catro funcionarios, que se preocupan de ter informados ós especialistas... Os editores estranxeiros non len o DOG para ver se hai axudas á tradución. Moitas das accións son máis publicitarias, de cara ó ámbito interno que de incidencia eficaz no mercado", critica o editor vigués, que recoñece que abrir camiños é difícil, "hai que engancharse a fenómenos como o de Manuel Rivas, porque ademais o que se vende, quitado un par de excepcións, son os autores, non as editoriais".

"Parece que se empeza a facer algo, pero dá a impresión que de forma voluntarista, ciscada", sinala Rivas, por alusións. "O primeiro é conseguir dar convertido a Galicia nun espazo cultural toda ela, por exemplo é imposible atopar un mapa da cultura castrexa. Pásanos como a aquel home do conto das Mil e unha noites que soñara que había un tesouro nunha cidade dun país afastado, e foi ata alí a procuralo, sen saber que onde realmente estaba enterrado era baixo da figueira do seu xardín. O tesouro está aquí, aínda que non o vemos", di o autor de Os libros arden mal, que sen embargo tamén renega do que chama síndrome da maleta, "pensar que hai que ir de viaxante co xénero, cando ó mellor hai que atraer, promover encontros, aproveitar tesouros enterrados como Valle Inclán ou Dieste". Con todo, xa postos fóra, Rivas reflexiona sobre "a estendida sona de raros que temos, sen facer nada por merecela. Iso de ser unha especie de bárbaros cultos é interesante porque ese tipo de síntese pode ser a nosa mellor cualidade, sobre todo se nos quitamos ese complexo de negar parte da nosa identidade, esa Galicia chamémoslle profunda e pensar que soamente hai esa Galicia de deseño que é igual que en todas partes".

Para outro dos afeitos ó import/export, Suso de Toro, as dificultades de atravesar fronteiras reside sobre de todo "no sistema cultural español, que pasou de negar a existencia doutros a permitilos, pero como se fosen espacios pechados". "Eu non escoito nas radios de Madrid nada en galego desde Andrés Dobarro. Podemos vivir dentro do universo cultural galego, coas nosas editoriais, unha canle de TV, pero para saír, o mundo da cultura española é un filtro, unha alfándega. Os cataláns afrontárono creando institucións nacionais e un sistema propio que ignora ó español, por iso espertan máis hostilidade ca nós", afirma De Toro, que, dentro do escuro panorama que describe, ve claros: "Nós non temos o fenómeno dos provincianos, como consideran en Madrid a alguén que vive en Burgos". Un autor novo que comeza a asomar no exterior, Marcos S. Calveiro, recente gañador do prestixioso premio Ala Delta de literatura infantil con O carteiro de Karrada, achaca parte da culpa ó que denomina culturismo (cultura + turismo): "¿Cantos galegos coñecen a Ribera Maya e non foron xamais á Ribeira Sacra?, ¿por que eu podo ler a un novelista finés en galego e eles non poden ler a un novelista galego?" pregúntase retoricamente. "Quizais ninguén nos ve o suficientemente exóticos para vendernos", respóndese.

Non todo é literatura. A música é das artes máis viaxeiras, aínda que hai dúas vías distintas: "as músicas que entran nas radiofórmulas -Hevia, Carlos Núñez ou Luar na Lubre- que teñen xa unha difusión industrializada, e os que andamos con ideas de bombeiro, que temos que buscarnos a vida", distingue Mercedes Peón. Ela, ademais de intérprete, compositora e arranxista, fíxose empresaria e mesmo promotora. Acaba de recibir a primeira subvención da súa carreira musical/empresarial, gracias a que os organizadores de concertos si deben ler o DOG. "Os do festival Rio Loco de Toulouse solicitaron unha das axudas que ten a Xunta para concertos no estranxeiro, e ó principio púxenme como tola: '¡como vos atrevedes a chamar ó meu goberno para pedirlle cartos!", ri Peón. Nos seus concertos polo mundo, o feito de ser muller e a orixe céltica "fai que esperen algo máis clásico e de voz máis suave, pero son públicos moi afeitos a escoitar. A vantaxe que nós temos é que somos unha cultura milenaria cunha tradición contemporánea, que está viva aínda. Calquera músico que faga algo auténtico, en calquera xénero, vaille ir ben", di con toda rotundidade Mercedes Peón.

O factor industrial

As dificultades multiplícanse cando se inclúe o factor industrial, e con carácter decisivo. "Comercializar desde Galicia productos audiovisuais, cunha infraestructura industrial e empresarial tan feble e nun sector onde ata o español pinta case nada internacionalmente, é practicamente imposible", comenta Pancho Casal, que é o máis parecido a un tycoon? un magnate do sector da pantalla, que hai por aquí. "En todo caso, sería preciso promocionar Galicia desde un punto de vista culturalmente global, desde a poesía á moda, pasando polas películas e o Camiño de Santiago, e a través dun organismo como un Instituto de Industrias Culturais, unha especie de Instituto de Comercio Exterior, que é o camiño que colleron en Andalucía", propón o director do Grupo Continental. Casal recoñece que tamén é un problema de autores: "Os buques insignia son necesarios, pero tamén en España hai dous contados, ou mellor un e medio".

"O máis exportable da cultura galega sempre é o que xurde da reinvención da idea de Galicia, desde a Xeración Nós á movida dos 80, e en todos os casos, producidas pola acción de guerrilla de catro gatos, por sorpresa", concorda o pintor Antón Patiño, que prepara unha exposición para Stuttgart que coincidirá, na mesma cidade, cunha mostra colectiva na que participa a súa muller, Menchu Lamas. "¿Por que non houbo relevo?, Por un lado, a industria cultural é feble porque para as institucións, políticas e financeiras, a cultura, sobre todo a galega, é unha maría. Por outro, porque as propostas posteriores foron descafeinadas. Se vendes a túa alma ó demo, abandonas a túa propia cultura, non tes nada que propoñer. Hoxe o mundo é multicultural, pero feito de moitas identidades reforzadas. O emigrante defende unha cultura que mesmo desaparece no lugar de orixe".

Cadaquén fala das feiras ...

Estes días comeza unha actividade realmente frenética no mundo da edición, ou polo menos no planeta das feiras, no que a Consellería de Cultura organizou un auténtico desembarco. No Líber de Barcelona que se desenvolve estes días, o espazo organizado pola Xunta acolle a once editoriais. Logo, ata mediados do ano que vén, o libro galego estará presente noutras seis feiras internacionais. Na de Montevideo, que tamén se celebra estes días, Galicia é o único país non americano que conta cun stand propio. Na de Francfort, a vindeira semana, presentarase ReadGalicia e tamén unha antoloxía bilingüe galego-alemán de poesía. A finais de novembro haberá presenza institucional de Galicia por vez primeira, en Guadalajara (México). O 2008 comezará tamén na outra beira do Atlántico, na feira de La Habana, onde Galicia será o país invitado. A comezos de abril, haberá libros en galego na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña e un mes despois na de Buenos Aires.

Xosé Ballesteros leva anos xa neses certames, pero sen apoio ningún, "pateando moito, procurando información, viaxando e non tendo complexos nin reparos". Ballesteros é o director de Kalandraka, a editorial infantil que xa é unha grande do sector, con libros traducidos ata ó coreano. Xunto con OQO (tamén infantil) e Nova Galicia (arte) son as empresas galegas habituais nas feiras internacionais con pavillóns propios. "Sentímonos moi sós ata o de agora, a cultura non son soamente os creadores, as empresas son as que levan a cultura ós mercados, de motu proprio, sen que houbese unha reflexión de como facelo. Apóianse as accións conxuntas, pero non as iniciativas concretas", comenta desde o Líber, onde o seu libro Pucho, o habitador de tellados recibiu o terceiro premio de Literatura Infantil (outra editorial galega, Faktoría K, recibiu o primeiro de Arte por Animalario: Arte de la India). "De todos os xeitos, é mellor evitar os choros. Se fas un producto competitivo, é posible exportalo"

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 5 de octubre de 2007

Más información