A banda sonora do pasado
O catedrático de Musicoloxía Carlos Villanueva realiza o estudo crítico do 'Cancionero gallego' de Torner e Bal
Cando en 1973 o musicólogo lucense Jesús Bal recibíu o encargo da Fundación Barrié de editar o cancioneiro que recompilara co historiador Enrique Martínez Torner houbo que poñer orde nun quebracabezas descomposto desde había décadas. Torner xa morrera no exilio, onde seguramente levara con el moitos materiais que os dous investigadores recolleran nos cinco veráns entre 1928 e 1932 nos que peneiraron aldeas, arquivos de coros e museos e todo tipo de repertorios buscando as músicas que soaban no país. O director do proxecto fora o asturiano e Bal o seu axudante, becado polo Centro de Estudios Históricos integrado na Junta de Ampliación de Estudios, organismo semellante ao CSIC actual. A historia deulle ao galego a responsabilidade final.
"O Cancionero Gallego é a ponte que conecta a Xeración Nós co grupo de Os Novos"
Traballaron xuntos durante cinco anos cun calendario preciso pero, xa nos últimos tempos, a distancia entrambos era insalvable. Aínda que non deu con documento algún que probase a existencia de enfrontamentos directos, o musicólogo Carlos Villanueva atopa diferenzas nos sistemas de transcripción e na concepción que cada un deles tiña sobre o senso daquelas partituras. Mentres que Bal era máis ideólogo do galeguismo e se centraba na esencialidade da música, Torner exercía de espírito práctico e divulgativo, en comuñón coas Misiones Pedagógicas e o Instituto Libre de Enseñanza aos que pertencía. Polo motivo que fose, o Cancionero non se publicou no seu momento e o estourido da Guerra Civil e o posterior exilio dos dous investigadores interromperon o proxecto.
Ata que Bal regresou de México e se atopou co encargo de Filgueira Valverde, que asesoraba á Fundación Barrié. Trinta anos despois de concluír o traballo, Bal tivo que buscar os materiais que cría perdidos, ordenalos ao seu xeito e publicalos. Fixo engadidos e eliminou partituras. Esta é a historia de como o cancioneiro que ideara Torner se converteu, por azares do destino, no de Bal. Aquela edición, en dous volumes, de 1973 ía acompañada dunha información metodolóxica moi sucinta e dunha presentación de Filgueira. A obra foi un éxito comercial e actualmente estaba esgotada.
Co gallo do centenario de Bal, en 2005, de novo a Fundación Barrié pensou en reeditalo. Pero esta vez encargoulle a Carlos Villanueva a confección dun estudo crítico. E a peripecia volve a empezar. Villanueva rastrexou arquivos da propia Fundación así como doutras institucións galegas, como o Museo de Pontevedra, o fondo Bal y Gay depositado por el mesmo na Residencia de Estudiantes de Madrid e os papeis que se conservan na Universidade Autónoma de México, onde o lucense proseguíu coa súa actividade de investigador do folclore. Villanueva cifra a importancia do Cancionero Gallego no contexto do rexeneracionismo cultural dos anos 30 en Galicia. "É a ponte que conecta á Xeración Nós de Cuevillas e Otero Pedrayo, que participaban no Seminario de Estudos Galegos co grupo de Os Novos, os primeiros buscaban a esencia do ser galego na pureza do rural, mentres cós segundos situábanse nunha liña de vangarda. Bal miraba cara á Europa, era un avanzado que pensaba que esta compilación lle ía interesar aos compositores contemporáneos seus como fonte de inspiración", explica Villanueva.
A reedición facsimilar do texto forma parte do proxecto Cancioneiros co que a Fundación Barrié está a celebrar o 40 aniversario do seu nacemento. A finais deste mesmo ano, está prevista a presentación doutra reedición moi esperada, a do Cancioneiro Musical de Galicia de Casto Sampedro e Folgar, igualmente precedida dun estudo crítico coordinado por Carlos Villanueva. En paralelo, esta institución convoca a primeira edición dun Festival Folk Cancioneiros para estimular o coñecemento da tradición musical galega, xa que os grupos e solistas que participen deben basear, alomenos nun 25%, o seu repertorio nas composicións recollidas námbolos dous volumes. Os concertos terán lugar en marzo de 2008 nas sedes da Fundación Barrié en Vigo e na Coruña.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.