_
_
_
_
GROUCHOS | LUCES
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Moncho es Mucho, o Ser e a Nada, e o Teu Tubo

Manuel Rivas

É moi probábel que mañá sábado, 16 de xuño do 2007, Ramón Rodríguez Ares, alcalde de Sada dende 1979, perda o trono da Perla das Mariñas. Nunha cerimonia estupenda, Moncho Ares tivo a arroutada napoleónica de autoproclamarse Moncho es Mucho. Se se produce a súa marcha, será unha perda antolóxica e ontolóxica, cun significado simbólico que transcende o ámbito local para enmarcarse no Global, a carón dun Berlusconi ou dun Aznar. O caso Moncho es Mucho pouco ten que ver, por exemplo, coa caída de Juncal en Ferrol, que responde á simple lei da gravidade. Juncal afundiu como se afunde o chumbo que tira da tanza na cana de pescar. Mais imaxinen un chumbo que non se afunde. Un chumbo pesado como é o chumbo, mais que flota como cortiza de sobreira. Velaí a natureza política de Moncho es Mucho. O chumbo flotante.

O célebre alcalde tamén foi moi celebrado como senador en Madrid. Naquel territorio ermo, na cámara adormecida, sempre se sabía, non obstante, onde estaba Ares. Alí onde se erguía a columna de fume. Sempre en actividade. Había senadores, os máis, ilocalizábeis, invisíbeis. Mais a Moncho Ares sempre se lle vía con destaque. Polo fume. Había algúns, poucos, senadores que presentaban propostas e emendas por escrito e que logo lían na tribuna. Había outros que non facían nada. Mais o noso home presentaba de seguido emendas en código de fume, como un Sitting Bull con habano.

Moncho es Mucho fixo toda a súa carreira política coa marca conservadora, xa dende aquel momento en que, cando era mozo de botica, a providencia enviouno en moto para subministrar analxésicos aos fantasmas do Pazo do Meirás. Mais Moncho Ares, como el mesmo ten declarado, nunca se sentiu cómodo coa etiqueta de conservador. Ten razón Quintana. En Galicia teríamos que inventar un vocabulario político diferente. Nin de esquerdas nin de dereitas. Nin progresista nin conservador. Moncho es Mucho é neste sentido un prototipo do contradictorio conservador galego: ese ser contradictorio que non gosta de conservar. Onde os demais ven un fermoso exemplo de arquitectura popular mariñá, pois Moncho vía cascallo do paleolítico inferior. Os nosos conservadores sonche uns constructivistas, uns feros vangardistas. Pola contra, os nosos progresistas, sonche máis ben saudosos amadores da natureza. Velaí Adolfo Domínguez que proxecta unha nova industria mergullada na vexetación e onde se escoite cantar a laverca. A iso, Moncho, gran mestre do tiro ao prato, diría: Mellor cantaba no papo!

Confeso que o meu interese por Moncho vai alén do ámbito político para adentrarse no filosófico. A súa traxectoria última é un auténtico desafío ás convencións ontolóxicas e á metafísica. Moncho era Monchiño para os votantes de confianza. En termos de Jean Paul Sartre, o diminutivo en galego sería unha estratexia do Ser para ser suficiente sen incomodar á Nada. Cando Ares decide proclamarse Moncho es Mucho (mesmo cunha web así chamada, www.monchoesmucho.es) estariamos asistindo a un exceso do Ser, a un desequilibrio eufórico do ser para-si fronte o ser en-si. Todo parecía ir ben ata que o Ser sentiu a ameaza da Nada. Moncho es Mucho tivo que afrontar o perigo da perda do poder cunha operación de compravenda política cun tránsfuga socialista: un caso típico de "enfermidade do ser", do que tamén falou Sartre n' O Ser e a Nada. A partir de aí todo se complicou metafisicamente. Nas últimas eleccións, Ares optou de novo á alcaldía coa intencionalidade de ser alcalde. Sen andrómenas ideolóxicas. Ser alcalde para-si e mais en-si. Ninguén lle oíu dicir: "Quero Ser para a Nada" (ou sexa, quero ser alcalde para deixar de selo).

Mais todo cambiou despois das eleccións. Rodríguez Ares non acadou a maioría absoluta. A súa nin sequera foi a lista máis votada. O decoro, por non falar xa da moral, debería dar paso a unha nova etapa para a vila de Sada, fermosísimo lugar do que se podería dicir o que dalgúns heroes mitolóxicos: "Os deuses castigan a quen máis queren". Parecía que todo ía cara a unha certa harmonía e que Moncho, á fin, chegaba ao núcleo d' O Ser e Nada: "O ser polo que o porqué chega ao ser ten dereito de plantexarse o seu propio porqué, posto que el mesmo é unha interrogación, un porqué". Mais sorprendentemente ou non, o chumbo flotante atopou nese tránsito de novo un exemplar tocado pola "enfermidade do ser". Ares ofreceulle a alcaldía ao novo traidor da traxicomedia con tal de que non fora alcalde quen lle gañou en boa lide as eleccións. Mesmo está disposto a deixar o concello e ir plantar á casa "cebolas e tomates" e outros eufemismos (xa se sabe, a economía "sustentábel"!).

E así nos atopamos coa fábula que lle dá sentido metafísico a esta historia. Temos a Galicia hamletiana do "Ser ou non ser". A Galicia ciclotímica do "Ser e máis non ser". E agora podemos formular un caso claro do máximo nihilismo identatario: "Ser para a Nada". Ou sexa, non ser para que o Outro tampouco poida ser. A xenerosidade destructiva. Moncho es Mucho, dixo a Nada.

ALAUDO DO TEU TUBO E DENUNCIA DA ESQUIZOFRENIA AUDIOVISUAL

Un YouTube galego? Non exactamente. O que ofrece a Axencia Audiovisual Galega coa orixinal iniciativa do Teu Tubo (a ironía é o mellor comezo) é un espazo que sirva á vez para o encontro, o auto-coñecemento, e para a proxección internacional das curtametraxes, documentais, animacións, e as creacións xeradas no eido da imaxe, nese grande camposanto civil que un día chamamos cinematografía. Así, o Teu Tubo (ou Teutubo) fai de hábitat local, de mediateca, e máis tamén de lanzadeira cara ao You Tube.

Grande parte das curtas galegas, realizadas por xente moi nova, teñen como trazo común o humor. Esa transgresión dos que fan da cámara unha ferramenta libertaria. Hai neste cinema que agroma unha comunidade de outro I + D (Ironía + Deconstrución), compartida coa música, a literatura e o cómic emerxentes, en resposta talvez á grandilocuencia retórica con que ás veces se moveu a cultura galega oficial nos últimos anos. Por exemplo, o discurso verbo da industrial cultural. O fornecemento desa industria é imprescindíbel, mais os zapatos non poden ir por diante dos pés nin o ser humano saltar fóra da súa sombra. Explícome: o esencial, mesmo para desenvolver a industria, é a creación. Crear as mellores condicións para a creación. Fan falta ferramentas, si, pero para poñelas ao servizo da imaxinación. Unha cultura pode sobrevivir con amorodos silvestres, mais non sobrevive sen creadores.

Onetti dicía que unha cousa era "querer ser escritor" e outra moi distinta "querer escribir". O que necesitamos é xente que queira escribir, que queira pintar, que queira facer música. Que queira filmar.

Hai ducias de mozos e mozas que teñen esa enerxía do desexo. Saídos das escolas de imaxe e son, de facultades, mais tamén da escuridade. O Teu Tubo é un magnífico mostrario do que Galicia pode dar de si. E pode ser moito. Sen fanfurriñadas.

Os mozos están a moverse. Os menos mozos están atrancados nun absurdo institucional. Do asunto falouse, e despois deixouse como se deixan os caprichos. En ningunha parte do mundo existe a esquizofrenia verbo do audiovisual que hai hoxe na Administración galega. Que clase de potencia somos para que este eido estea esgazado e repartido entre a Secretaría de Comunicación e a Consellería de Cultura? O máis incríbel, e puiden comprobalo, é que non hai ningunha ponte, ningunha posta en común, ningunha ligazón, ningún encontro ou coordenación entre o chamado Consorcio do Audiovisual e a Axencia Audiovisual Galega. Mesmo algún destes organismos ignora adrede a existencia do outro. Non aparecen nin a información sobre as convocatorias de axudas para guións, adaptacións e realización de curtas e longametraxes dixitais para autores novos, que é onde se sementa o futuro. O futuro posíbel. Canto tempo vai durar este infantilismo, este sectarismo, este estéril despropósito? Ou estaremos ante outro caso para estudar co prisma do Ser e a Nada?

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_