_
_
_
_
Entrevista:Teresa Moure | Escritora | LUCES

"Hai historias, non hai xéneros"

Tras obter o Premio Xerais de novela 2005, Herba moura de Teresa Moure fíxose merecente doutros galardóns que a converteron na obra máis premiada da literatura galega. Axiña chegará ao público Benquerida catástrofe que, malia non ser a segunda novela da escritora (pois xa publicara no 2004 A xeira das árbores), sí esperta as típicas expectativas de toda segunda obra dun artista consagrado. Ela confesa non ser moi consciente de tales expectativas, pero di que non lle importan porque Benquerida catástrofe "non é máis que algo que forma parte do proxecto xeral das cousas" que quere escribir. Preguntada por como viviu todo aquel rebumbio, a escritora retruca: "Vivino pouco, porque manteño unha certa distancia cos medios, o que fai que moitas veces non me entere do que se di ou do que me fan dicir; houbo algúns incidentes desagradables e coido que non sempre ben intencionados pero penso que malia tanto valor como lle damos á opinión que crean os medios, a xente non lle fai tanto caso e cando fala comigo fala da obra, nunca do que din os medios". Sentiuse utilizada Teresa Moure e, pola contra, cre que ela non foi quen de utilizar a peaxe mediática que implicaba o éxito en beneficio de determinadas causas coas que está comprometida "aínda que a certos colectivos máis alonxados do poder como o das mulleres o simple feito de que unha muller coñecida puxese voz ás súas ideas, xa lles parecía abondo". "Pero eu non tiven unha sensación tan positiva, senón máis ben a dunha buguina que se arrecunchaba sentíndose atacada polo que dicía ou non dicía, facía ou non facía", di.

"Voltarei ao ensaio, e seguramente axiña. É probable que sexa o próximo que faga, xa levo un tempo pensándoo"
"Os medios non son un bo lugar para alguén que quere escribir. Son máis un ámbito de limitacións que de liberdade"
"Quería provocar en quen me lea o afán de buscar o transexual que todos levamos dentro, ese outro sexo que sempre está aí"
"O que me interesan son as ideas, e cando novelas non traballas só con personaxes, senón que estes teñen un sustento de ideas"

Teresa Moure está convencida de que as persoas que a len "vano facer sen prexuízos e sen preconceptos". "O que si me interesa é rachar con ese estereotipo de que eu son unha escritora que trata temas de muller, dende unha perspectiva determinada que se repite, e que é a que o público quere". A súa nova novela ten unha xenealoxía complexa, que confirma esa idea de que Benquerida catástrofe é unha sorte de capítulo do libro que Moure quere escribir ao longo da súa vida literaria: "Este texto empeceino antes de saber que gañara o Xerais, e interrumpino tras a que se montou daquela. Despois foi rescrito, non retomado e modificado senón rescrito por completo; xa que logo, agora cústame definir cales eran as miñas metas naquel momento, en todo caso si teño claro que non quería redundar nun certo tipo de personaxe, para min era moi importante partir de cero porque esta novela non é para nada Herba moura II".

Que é logo Benquerida catástrofe?: "Pois un texto co que pretendo animar aos lectores e lectoras a preguntarse pola súa identidade sexual, porque en literatura o tema da orientación sexual é relativamente frecuente, pero o da identidade non o é tanto. Quería provocar en quen me lea o afán de buscar o transexual que todos levamos dentro, ese outro sexo que sempre está aí e que ás veces se materializa máis cando estabelecemos relacións amorosas cunha nova persoa. O proxecto inspírase en determinadas correntes filosóficas, como Judith Butler e o pensamento queer, e nesa fermosa idea de que todas somos raras e de que, fronte á obriga de vivir consonte os roles de muller ou de home, pode haber tantas identidades sexuais como individuos".

Unha vez máis na obra de Moure, a reivindicación da alteridade, que seguro está a percibir na súa condición de escritora galega no resto do Estado, onde tanto éxito está a ter, e onde parece que o feito de verse singularizada primeiro como escritora e logo como feminista fai que fique nun segundo plano a súa identidade galega. Quizais iso lle permita beirear o risco de verse adscrita a ese cupo autonómico no que parecen estar encadrados outros coñecidos escritores galegos. Secomasí, a escritora confesa cunha prudente satisfacción: "Non apreciei nos lectores de fóra un grao de coñecemento do que estamos a facer os escritores galegos inferior ao que teñen do que fan os escritores do resto do Estado ou a que teñen os propios lectores galegos, é dicir, que si está ben contado por aí adiante o que nós estamos a facer".

Como ensaísta, Teresa Moure aborda temas de máxima actualidade e consegue chegar a públicos que non le ensaio habitualmente. Finalista do Premio Ramón Piñeiro con Outro idioma é posible, faríase co galardón grazas a A palabra das fillas de Eva, aínda que a escritora confesa "non crer moito nos xéneros". "Cando escribo móvome con comodidade entre eles como alguén que simplemente escribe. A min o ensaio gústame moito porque penso que é necesario, nun país que está vivo, que haxa persoas que expresan ideas novas. Por outra banda, o que me interesa son as ideas e, cando novelas, non traballas só con fición ou con personaxes, senón que estes teñen un sustento de ideas detrás, polo tanto entendo que escribir novela ou ensaio non son oficios moi distintos. Dende logo, voltarei ao ensaio, e seguramente axiña. É probable que sexa o próximo que faga, xa levo un tempo pensándoo".

Unha relación tan promiscua cos xéneros tiña que levar á escritora a explorar outros territorios: rematou nestes días "un guión cinematográfico que podería converterse nunha obra de teatro", un xénero que tamén lle interesa. "Xa che digo que non fago distincións, vexo os xéneros como medios para chegar, e esta historia que acabo de crear véxoa máis en movemento, no cine ou no teatro. Hai historias, non xéneros".

Tamén hai lectores. Para quen escribe hoxe, que xa ten tantos lectores, Teresa Moure?: "Nin siquera agora podo escribir para os meus lectores porque, aínda que os coñezo, coñézoos como lectores doutro texto, aínda que si que o fago para un Ti ideal co que en certa maneira me identifico, pero non hai algo así como un público abstracto e global que sexa o meu público". Endebén, a escritora vive decote experiencias que revelan lectores cada vez máis identificados con ela: "O outro día nun relatorio que pronunciei, un home que asistía entre o público interveu ao final para dicir que se sentía moi ben representado por min, que era a voz da súa disidencia. Engaioloume esa sensación de poder chegar a alguén a través da escrita".

Como lectora, confesa que lle sucedeu: "Algo curioso: a medida que os críticos me iades etiquetando, eu aprofundaba no que había detrás desas etiquetas e cada vez lía máis mulleres feministas porque tentaba formarme unha opinión sobre todo iso, xa que foi un proceso que se iniciou desde fóra. Sempre fun unha lectora voraz e agora leo con máis ansia, aínda que de maneira distinta dende que son alguén que publica, percibo matices e sinto que podo comprender mellor á autora, porque leo preferentemente autoras e literaturas reivindicativas. Agás cando estou concentrada na escrita: entón non podo ler porque son unha esponxa e o absorbo todo; ademais, se leo cando escribo, non estou moi concentrada, non son unha boa lectora".

Eses ciclos creativos teñen que ver "cunha cuestión profesional e de ritmo de vida, de se teño moitas obrigas.... Nesas etapas fago cousas pero non podo abordar un proxecto porque ese proxecto me arrastra e podo esquecelo todo, horarios, todo. E aínda que cando escribo procuro levar unha vida normal, si se me vai moita enerxía na escrita e a literatura non me permite facer en condicións outras cousas como dar unha clase".

Moi solicitada polos medios de comunicación, sorprende que Teresa Moure rexeite as ofertas que se lle fan para colaborar neles: "Non son un bo lugar para alguén que quere escribir, xa que son máis un ámbito de limitacións que de liberdade, aínda que permiten manter moi viva a relación cos lectores. Pero eu teño pouco tempo para escribir, teño moitas obrigas e prefiro mergullarme en proxectos de máis amplo alento ca malbaratar ese tempo en textos funxibles como os que demandan os medios".

Teresa Moure sabe que o discurso dos medios, reducionista de seu, vai argallar un eslogan para definir Benquerida catástrofe que é "unha teoría sobre o amor verdadeiro". A ela gustaríalle que ese eslogan fose, nada máis e nada menos, "Tes que lela".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_