O debate urbanístico chega ao cine
A nova fornada de documentalistas atopa na arquitectura unha fonte de inspiración
O debate sobre o feísmo, a desaparición da arquitectura industrial ou os xeitos alternativos de facerse cunha vivenda tamén chegaron este ano á nova fornada de documentalistas do audiovisual galego. Entre o máis de medio cento de curtas e documentais apoiados este ano pola Consellería de Cultura, varios deles abordan dun xeito crítico estes temas, algo pouco habitual ata o momento. "A xente sentiuse libre para tratar temas que ata o de agora semellaban intocables, e é un bo síntoma que os realizadores poidan ser críticos, neste caso provocando fondas reflexións sobre a paisaxe", explica Manolo González, director da Axencia Galega do Audiovisual.
"Fagamos barrios modernos, pero non perdamos as características dos lugares históricos e dos edificios emblemáticos, porque son irrecuperables", reflexiona Celestino García Braña, presidente do Colexio de Arquitectos, no documental de Miguel A. Romero A cidade perdida. Romero é un namorado da arquitectura racionalista, da Bauhaus e do estilo trazado por Walter Gropius, e decidiu facer un documental seguindo as pegadas do racionalismo nalgúns exemplos da arquitectura industrial de Vigo, como o edificio da Fábrica de Álvarez ou a emblemática Panificadora, que parecen te-los días contados. "Quixen deixar reflexado que estes edificios nos identifican como cidade, e teñen un enorme valor arquitectónico", explica este xove director.
Malia a diversidade de opinións recollidas no documental, como historiadores, arquitectos ou veciños, o director non agocha o delicado que foi tratar o tema: "Gustaríame ter sido máis incorrecto, pero outra vez será". Aínda así, Romero non dubida en plasmar algúns feitos que chaman a atención, coma os incendios no edificio da Panificadora e no Casa Mar, futuro auditorio de Vigo, en momentos nos que se estaba a debater o seu futuro. O traballo deste documentalista non pasou desapercibido, e o colectivo Outro Vigo é Posible, xa lle ven de encargar un novo filme sobre o deterioro do Casco Vello e as polémicas operacións urbanísticas que están en marcha nesta zona.
"Aquí xa non se ve o sol nin na estrada", sentencia un veciño de Sardiñeiro, en Fisterra, rodeado de edificios empapelados con nomes de inmobiliarias, nunha das imaxes d' A casa de Lola de Andrés. ""Quixen remover conciencias e provocar unha reflexión", explica Olaia Sendón, a directora deste documental, un traballo moi crítico arredor da especulación urbanística na Costa da Morte en xeral e na zona de Sardiñeiro en particular. A partir do derrubo dunha casa que era centro de reunión social, e a posterior construción de vivendas, a directora vai tecendo un panorama desalentador. "A hora de facer o documental descubrín que non había ninguén que estivese dacordo coa presión urbanística que sofre esta zona, pero ó mesmo tempo tampouco ninguén protestaba, que iso é o máis triste de todo". No documental recóllense opinións de todo tipo, desde o alcalde de Fisterra, que non tivo reparos en falar abertamente de cuestións urbanísticas, ata mariñeiros, albaneis, poetas, turistas ou pelegríns decepcionados que pensaban que Fisterra era un lugar completamente virxe. Malia ser o seu primeiro traballo, A casa de Lola de Andrés acaba de ser elixido para o Festival de Málaga, un dos máis importantes de España.
No punto contrario ás mareas de cemento de Sardiñeiro, está o lugar das Chozas, no concello pontevedrés da Lama. Os habitantes deste lugar, herdeiros das comunas hippies, tentan construir vivendas seguindo parámetros de desenvolvimento sostible e técnicas que denominan de "bioconstrución". Esta peculiar comunidade protagoniza unha parte importante d' Un metro cadrado, un documental da tamén directora debutante Beatriz Vázquez Campaña. Os habitantes da comunidade explican no documental que puxeron 3.000 euros cada un para mercar dúas hectáreas e media de terreo e unha aldea abandonada que están a rehabilitar.
"Quixen levar o tema da vivenda e os xeitos de construción un pouco máis alá, como reflexo da vida, e non só do urbanismo", explica a directora. Neste intento por reflexar esa actitude ante a vida están desde casas feitas con contenedores ata unhas singulares vivendas feitas con feixes de palla e barro, que "promoven un concepto novo en España, a autoconstrución", e que se están a desenvolver nun obradoiro pioneiro no concello de Barro. "Interésame reflexar como a xente busca a vida para ubicarse en espazos habitables, mais alá dos móbiles económicos", afonda Campaña. A autora ten claro o porqué da elección deste tema para o seu debú: "Teño 26 anos e vivo na casa dos meus pais, pero logo do visto, creo que non hai moitas esperanzas de que a cousa mude para os máis novos".
A nova fornada de documentalistas non lle trema o pulso nin siquera nun tema como a arquitectura e a paisaxe. E sobre todo, teñen claros os seus obxectivos: sementar o debate, espallar a crítica e provocar a reflexión.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.