_
_
_
_
Reportaje:SON GALEGO | LUCES

Virtuosos para minorías

Do Jimi Hendrix da zanfoña a un banjista de Valdeorras que gaña premios internacionais

Non venden tantos discos como os cantantes de Operación Triunfo, nin os aclaman en estadios como a El Canto del Loco, pero trátase de músicos cun enorme prestixio internacional, malia ser pouco menos que descoñecidos en Galicia. Tocan instrumentos como a guitarra clásica, o banjo ou a zanfoña, e obteñen premios a nivel internacional. Son algúns exemplos de cómo virtuosos de instrumentos minoritarios logran gran recoñecemento mundial, á marxe das institucións e dos grandes selos discográficos.

"Empecei estudiando guitarra, pero fixen un curso de zanfoña e vin que era un instrumento máxico", declara Germán Díaz, un virtuoso deste instrumento que naceu en Valladolid, e hai catro anos que vive en Santiago. Con só 27 anos, este licenciado en Filoloxía Clásica e sobriño do etnólogo Joaquín Díaz está considerado un dos maiores virtuosos do mundo neste instrumento de fonda raigame galega. Díaz abandonou os parámetros do son cansino e monótono da zanfoña para introducila polos carreiros da contemporaneidade, moi lonxe do uso que os cegos e os esmoleiros lle deron a este aparello a principios do século pasado. Este zanfoñista logra sacar increíbles riffs a golpe de manivela e consegue unhas sorprendentes distorsións que deixarían abraiado ó mesmo Faustino Santalices, o músico que recuperou e impulsou este instrumento a mediados do século XX.

Germán Díaz logra sacar incribles riffs e distorsións sonoras a golpe de manivela
Ángel Ruiz gañou un concurso nos EE UU con Taj Mahal e Macy Gray no xurado

"Cando por aí afora ven a un tipo dándolle a unha manivela e frotando cordas, á xente chámalle a atención, sobre todo cando saen sons que non esperaban", explica este músico que autoedita os seus traballos no seu selo Producciones Efímeras. Polo seu xeito peculiar de tocar a zanfoña, Germán Díaz é coñecido nos medios especializados como "o Jimi Hendrix da zanfoña". O músico vallisoletano afincado en Compostela é un alumno avantaxado do francés Pascal Lefevbre, considerado o maior virtuoso mundial deste instrumento, un músico que ata ten feito insólitas versións de Stockhausen con zanfoña e baixo eléctrico. Lefeuvbre incluso convidou a Germán Díaz a formar parte da Viellistic Orquestra, unha formación de zanfoñas asentada en Francia só reservada aos mellores do mundo.

"Aquí os programadores non o teñen claro", explica Díaz con humor, ao tempo que engade "nos escenarios folk din que é jazz, e nos de jazz din que iso non é jazz, e mentres tanto imos tirando polo estranxeiro, onde esta música funciona moi ben". De feito, este mes estará de xira por cinco cidades de Marrocos cos irmáns Pedro e Pablo Pascual. No ano anterior tocou co seu grupo, Rao Trío, en Noruega e Finlandia, convidados pola Unión Europea de Radiodifusión, e no 2005 no PopKorn de Alemaña, reclamados pola SGAE.

A zanfoña é un instrumento para minorías, pero que haxa unha certa tradición histórica sempre axuda, moi ao contrario que o banjo, que non ten público nin moito menos tradición. "Sei que toco un anaco de tripa cun aro de madeira, pero quero que sexa un instrumento atractivo", explica Ángel Ruíz, banjista do Barco de Valdeorras, que hai tres anos gañou, na súa modalidade, o prestixionso concurso International Newsletter Songwriter. Para facerse unha idea do que é este concurso bastaría con dicir que no xurado do ano no que gañou estaban músicos como Taj Majal, Macy Gray ou David Hidalgo, de Los Lobos, e este ano, só por citar algunha celebridade, un dos seus membros é nada menos que Tom Waits.

"Hai unha chea de prexuízos co banjo. A xente imaxínase que vou nun cabalo cun gorro de cowboy e dando berros como o home de Marlboro", ironiza Ruíz, que vive recluído en Gijón, como unha especie de anacoreta do banjo. Consciente da dificultade de vivir dando concertos en directo, o músico valdeorrés trata de buscar outros camiños, como a composición de música para series, películas e documentais, ao tempo que continúa gravando discos. "Sei que fago unha música moi persoal, pero intento chegar a todo o mundo, que escoiten a miña música o carniceiro e a peixeira, e que a xente se sinta atraída por un instrumento minoritario", afirma este músico ao que lle foi menos complicado penetrar no mercado americano que no español. De feito acaba de asinar un contrato coa compañía americana ACM Records, que distribúe os seus discos en Francia e Alemaña. "Co banjo teñoo claro en España. Nin siquera os grandes mestres do banjo se publican aquí, porque nin venden nin teñen mercado", explica Ruíz ao tempo que aporta un dato pouco alentador : "Nin siquera un grande como Bela Fléck se edita aquí".

En Nigrán vive desde hai 15 anos David Russell, nacido en Escocia e casado cunha galega. Russell é un dos mellores concertistas de guitarra clásica do mundo, como así o certifica o seu recoñecemento cun Grammy ao mellor solista de música clásica que recibiu hai dous anos. Malia ter acadado este galardón, Russell segue a tocar en salas que non rebasan as 500 persoas, porque explica que "de aí en diante xa sería preciso utilizar amplificación e eu prefiro tocar sen amplificador". Cada ano, Russell bota arredor de oito meses de xira por todo o mundo, e adoita actuar en países como Estados Unidos, Xapón, Corea, Alemaña ou Italia. E así desde hai 25 anos. Russell publica os seus discos na compañía Telarc, un selo prestixioso no mundo da música clásica, moi distanciado doutro tipo de estilos. "No clásico, os números están moi por debaixo do que é a música de masas como o rock, aínda que tamén é certo que os discos duran máis no mercado e seguen vendéndose durante anos, non coma noutros estilos nos que os discos caducan máis rápido", explica o músico escocés desde a súa casa nas Rías Baixas.

A concesión do Premio Grammy mudou a súa situación, sobre todo para os concertos. "O interese da televisión e dos medios en xeral subiu moito desde que me deron o premio. Hai que entender que é unha música minoritaria e é difícil que a xente se entere dos concertos, pero se pos ó lado que ese músico ten un Grammy, esperta moito máis interese", comenta Russell, que dá ó ano arredor de 40 concertos, algúns dos cales combina con master class en institucións ou entidades educativas.

Tanto David Russell como Germán Díaz ou Ángel Ruíz elixiron converterse en virtuosos para auditorios minoritarios, e amósanse orgullosos de seren libres tocando este tipo de instrumentos e de seguir unha evolución persoal. Algúns, como o zanfoñista Germán Díaz incluso desbordan optimismo: "¿Difícil ser profesional da zanfoña? ¡Que va! Mais difícil é ser profesional do piano ou da guitarra que hai un montón de xente moi boa, pero na zanfoña somos poucos".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_