_
_
_
_
_
Reportaje:LUCES

Namorarse en San Simón

A viúva do caricaturista do presidio lembra a historia de amor e guerra no embarcadoiro da illa

Charo Hermida ten 88 anos, e desde 1940 non volvera á illa de San Simón. Por iso cando a pasada primavera, foi convidada, como viúva dun preso, a visitar de novo a illa, unha manchea de emocións se apoderaron dela. San Simón supón para ela algo máis que lembranzas dun presidio franquista, porque aquí viviu a historia de amor da súa vida. Aquí coñeceu e se namorou de Alfredo Bautista Alconero Rey, o caricaturista dos presos.

En canto puxo o pé no embarcadoiro, os seus fillos observaban como Charo, moi inqueda, trataba de localizar algo, e preguntáronlle que estaba buscando. "O banco, pero non o dou atopado", contestoulles con tristura. O que buscaba era un banco do embarcadoiro onde Charo se deixaba namorar por Rey, nunha historia de amor digna do cinema.

Nos anos en que a illa foi convertida en presidio, entre 1936 e 1943, unha barca viaxaba a diario para levar víveres. Algúns dos presos máis influíntes tiñan un permiso para que lles trouxeran comida desde terra, e Charo, cuxa familia tiña unha fonda en Redondela, ía case a diario para levar comida. Rey era o encargado do economato, e de tomar nota do que entraba desde terra, e alí, no banco do embarcadoiro, foise tecendo unha historia de amor, que parece inspirada na célebre Cantiga de Amigo de Mendinho.

Rey era daquela un tipo popular no seu pobo, Ponteareas, onde facía caricaturas e debuxaba os cartaces do cine. Tiña unha moza formal, era afeccionado ó ciclismo e ó fútbol, e militaba nas Xuventudes Socialistas. O 21 de Xullo de 1936 foi detido, xunto co seu irmán Manuel Bautista Piruel, e trasladado a San Simón, onde foi condenado a morte. Catro días despois conmutáronlle a pena por 30 anos de cárcere. "Según eles, prendéronme porque tiña un soldo de Rusia", lembra Rey no documental Aillados, de Antonio Caeiro. O veredicto de 30 anos fixo que a moza do seu pobo o abandonara e coñecese a Charo, que se entregou ó amor sen importarlle a condena, porque, como confesa agora cun sorriso nostálxico, "era nova, estaba namorada e nunca quixen pensar niso, só deixarme levar".

Nas libretas do economato, Rey facía caricaturas dos presos. Das case 30 que posuía a familia, tan só lles quedan media dúcia. Entre elas hai unha na que Rey, vestido de presidiario e cunha bola amarrada no pe coa lenda "30 anos", olla con devoción unha gran caricatura de Charo. Logo de catro anos presos, Rey e o seu irmán foron xulgados e postos en libertade, pero a ledicia acaba provocando unha traxedia. O mesmo día en que quedaron libres, camiño de Ponteareas, o seu pai morreu dun ataque ó corazón.

Piruel faleceu recentemente e Rey hai seis anos no Porriño, a onde chegou en 1940 despois de casar. No final dos seus días, Rey, enfermo, perdeu a memoria e non coñecía a ninguén. Pero Charo confesa emocionada que houbo un xesto que nunca esqueceu: "Estaba sentado e achegábame os beizos para que lle dese bicos e lle fixese aloumiños". Como naquel banco do embarcadoiro da Illa no que se namoraron.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_