_
_
_
_
LUCES

"A poesía galega é mellor cá castelá"

O novo premio Cervantes explica a súa paixón pola lírica de Galicia, que "conecta cun entendemento progresista da tradición"

Lévao dicindo desde hai moito tempo Antonio Gamoneda, aínda que doia no Norte, na Meseta e sobre todo no Sur: "De 20 ou 25 anos para acá, a poesía portuguesa e a galega son moito mellores e teñen máis nivel que a poesía que se escribe en España". O novo Premio Cervantes considera, por exemplo, que "Herberto Helder é o poeta vivo máis importante de Europa". Cita entre os lusos a Ramos Rosas e aos recén falecidos Cesariny e Eugénio de Andrade. Entre os galegos nomea, en primeiro lugar, a Méndez Ferrín. Logo xorden Baixeras, Álvarez Cáccamo, Fernán-Vello, Xoán Abeleira, Olga Novo, Rodríguez Fer, Manuel Outeiriño, Chus Pato ... "Prescindindo de Rosalía, Curros Enríquez e algún máis, a lingua galega foi asociada cunha sociedade e unha cultura rural. Pero en Galicia, ao contrario que en España, e cos precedentes non afastados de Pimentel ou Taramancos, os poetas, probablemente encabezados por Méndez Ferrín -non na tendencia, senón na estimación do poder desa lingua- chegaron a unha verdadeira impregnación da palabra poética".

"A lingua galega foi dinamizada polos escritores dun xeito exemplar"

Antonio Gamoneda (Oviedo, 1931) reside en León dende neno e nesa cidade desenvolveu, en solitario, a traxectoria poética que o pasado 30 novembro - o mesmo día en que recollía o Premio Reina Sofía de Poesía - viu recompensada co Cervantes. Insiste en que a poesía "emana da vida" e ten que ver coa "busca do oculto", coa "revelación" entendida como ese "un non saber sabendo" do que falaba Juan de la Cruz. E afirma sen ambaxes que en España se produciu un entendemento equivocado de como estar na tradición poética: "A poesía española hexemónica quixo fundamentarse no que eles chaman a palabra normalizada, é dicir, a palabra coloquial, denotativa, informativa. E iso é colocarse na tradición dun xeito regresivo e formalmente reaccionario".

Remóntase á Idade Media, "cando a poesía era un elemento mediático realmente necesario", para explicar que a partir de aí -e cita a Garcilaso- ao tempo que xorde a tipografía e a posibilidade de multiplicar a escritura, a poesía deixa de ser unha necesidade social en termos informativos para empezar a ser unha linguaxe anormal no mellor sentido da palabra. Nese sentido considera Gamoneda que "a lingua galega foi dinamizada polos escritores dun xeito exemplar, dando como resultado un número elevado de poetas que se sitúan dende unha dignidade poética para arriba. ¿Por que? Porque conectaron a súa escritura cun entendemento progresista da tradición". Pola contra, os poetas figurativos casteláns "desgrazadamente -e cunha actitude que respecto pero que de ningún xeito comparto- levaron á poesía a palabra normalizada, o realismo, o contido explícito, en ocasións ligado a trivialidades e noutras a unha expresión relacionada con feitos sociais, mesmo con ideoloxías avanzadas. Pero levárona na mesma linguaxe que se utiliza para conversar ou para a televisión. ¿E que función é esa para a poesía? Cando existen outros medios poderosísimos, tecnificados, que poden realmente transportar opinión, e ata subversión, na linguaxe de cada día... ¿Que falta fai que o faga a poesía?", cuestiona.

En definitiva, e con independencia de que nalgúns casos esa poesía denominada figurativa, ou da experiencia, poida levar consigo unha vontade de loita social xusta, o vehículo é equivocado. "Esa tendencia converteuse en hexemónica en España - non en Iberoamérica, ollo- pero deu un baixón fortísimo ao grao cualitativo da poesía en castelán". Ademais, "en orde ao seu enfrontamento coas formas de poder coas que hai que enfrontarse, a poesía galega resulta máis eficaz que a hexemónica castelá, por dúas razóns: unha, porque a lingua presuntamente rural leva consigo unha especie de compoñente subversivo, por non ser, dentro de España, a lingua oficialmente principal. E dous, porque realmente os que fan poesía en galego conectaron con formas progresistas, co máis válido das vangardas, co simbolismo francés... E porque non se limitaron á simpleza do realismo".

Gamoneda, vello loitador antifascista, recoñece ademais unha especie de afinidade con Méndez Ferrín. Resulta significativo, por exemplo, que en 1976 aparezan dous libros emblemáticos para ambos os dous, Descripción de la mentira e Con pólvora e magnolias. "Si, creo que houbo unha serie de simultaneidades entre Ferrín e eu, mesmo antes de coñecernos. As respostas individuais, ideolóxicas, de Ferrín e miñas suscitaron poemarios que quizais non estaban próximos, pero a orientación da cal non se contradicía. Ao contrario, harmonizaba"

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_