Galicia caníbal
O nacionalismo galego fracasou á hora de sumarse ao proceso modernizador de Galicia
O pasado verán asistín ao musical Galicia caníbal, ideado por Antón Reixa e dirixido por Quico Cadaval, e lin o volume A derrota de Galicia, de Antón Baamonde. Velaí tres dos maiores talentos do meu tempo, polo que non é de estrañar que me desen azo tanto para o deleite como para a reflexión. Como pano de fondo desta, o devir do país e o papel neste da miña xeración.
Adoro os musicais: gábome de ter visto desde Billy Elliot ata A pantasma da ópera. Como espectador máis ou menos connaisseur, podo asegurar que Galicia caníbal é un espectáculo magnífico. É así que non só me deleitou cos meles agridoces da nostalxia, senón que tamén me encheu de vento ao comprobar que este país era quen de producir unha obra de altísima calidade saída do estro dun grande amigo. Pola súa banda, o lúcido Baamonde recolle baixo un título contundente un monllo de ensaios tecidos arredor da idea de que Galicia constitúe un proxecto colectivo fracasado, probablemente de xeito irreversible. Segundo o autor, o tardío pero vertixinoso proceso de modernización que experimentou o noso país nas últimas décadas fraguou nunha sociedade carente de pulso propio, desconxuntada entre o localismo de miras curtas e a satelización provinciana. No fondo, a crise —que el considera case terminal—- do idioma e a cultura galegas constituirían outras tantas manifestacións dese fracaso.
Galicia caníbal ofrece unha mostra, todo o fragmentaria que se queira pero ben viva e expresiva, de tal proceso de modernización. No escenario comparece, previa a imprescindible estilización artística, un sector daquela mocidade urbana que acababa de rachar cos tabús impostos polo franquismo, unha mocidade que deixara atrás os patróns culturais tradicionais; o que, por certo, significou non só botar lastre fóra, senón tamén perder moitas cousas valiosas: así é a vida.
» A derrota de Galicia. Contemplando aquelas mozas e mozos mergullados na movida dos oitenta, non podía deixar de evocar as nosas contradicións, que xa sentiamos antano, pero sobre as que volvín hogano, á luz das reflexións de Baamonde e das miñas propias experiencias. A pesar de que me criei nunha vila diminuta, en aspectos fundamentais a miña cultura foi basicamente urbana e cosmopolita, pouco menos da que podía ser a dun Reixa, urbanita vigués ata os miolos. O vilalbés Baamonde asegura de si mesmo algo semellante. Pois ben, iso creounos, coma a moita outra xente de similar condición, serias dificultades para encaixar nun nacionalismo que daquela gurgullaba con forza e ao que nos aproximamos con parella paixón. Poño por caso, xa que falamos de música: eu aplaudía a Fuxan os Ventos e máis aínda a Milladoiro; gustaba de Paco Ibáñez e Lluís Llach tanto como dos Chieftains. Pero tanto ou máis nosos eran Lou Reed ou Lynyrd Skynyrd, como máis tarde foron Siniestro Total e Os Resentidos. Aquilo, unido a outros trazos do meu comportamento considerado “pequeno burgués” (os meus amigos de Muros mariñeiros e proletarios podían alucinar con isto), valeume unha difícil acollida nos círculos do nacionalismo, cuxos dirixentes me contemplaban con indisimulada desconfianza. Algún, mesmo, me quixo someter a un programa de “reeducación” (Mao estaba en voga).
» Nacionalismo terceiromundista. Agora salto, da man de Baamonde, do biográfico ao político e do anecdótico ao histórico. É que, segundo este, unha das causas non menores da derrota de Galicia foi o fracaso do nacionalismo como articulador dun proxecto de país moderno. No seu lúcido ensaio Baamonde non afonda nas razóns, pero apunta argumentos tocados noutras ocasións. Resumo a diagnose: o nacionalismo non soubo estar no cerne dese movemento modernizador, só conseguiu acompañalo a reboque, por cachos e con paso desigual. Esta incapacidade (por exemplo, comparada coa eficacia do galeguismo republicano), apunto eu, ten moito que ver co paradigma ideolóxico no que se fundou e do que, malia retoques de ocasión, non consegue ceibarse.
O construto ideolóxico dun nacionalismo coa idea de Galicia como colonia no seu centro, e por tanto cunha inevitable concepción terceiromundista do noso país, da que se seguen como corolarios a necesidade dunha fronte patriótica guiada por un partido de vangarda (marxista-leninista na versión clásica, caudillista e radical-populista na nova do trinque) ten demostrada ata a saciedade nas pasadas décadas a súa radical incompetencia para articular Galicia e dotala dun horizonte de futuro como nación moderna e progresiva. Segundo a miña experiencia, o nacionalismo de esquerda (o de centro ten outra historia, á que me confeso alleo) perdeu tres oportunidades históricas para ceibarse desa incapacitante lousa. A primeira arrinca co suceso de Unidade Galega nas eleccións municipais de 1979, continúa co esperanzador experimento de Esquerda Galega nos oitenta e remata coa desfeita desta en 1993 a mans do BNG. A segunda coincide co ascenso e caída do Bloque como proxecto común do nacionalismo baixo o liderado de Beiras, desde os primeiros noventa ata a fin da etapa Fraga, e culmina coa fanada traxectoria do bipartito (2005-2009). Nesta segunda fase, co nacionalismo de esquerda unido, púxeronse de vulto de xeito máis agudo as limitacións do construto ideolóxico anticolonialista, limitacións que nin sequera o carisma, habelencia e fascinante retórica de Beiras conseguiron obviar cando o BNG atinxiu un limiar electoral e político que tornaba imposible seguir disimulando. Por certo, en cada un deses episodios, este, un brillante intelectual e político de feitura inequivocamente europea (socialista e demócrata) se comportou como o mítico Cronos devorando os seus fillos.
» Unha xeración fracasada? Estamos vivindo o terceiro episodio. Sen dúbida, a brutal crise e a conseguinte polarización política impoñen esgrevias dificultades para a emerxencia dun novo galeguismo con capacidade de artellar un proxecto de nación moderna, un nacionalismo apto para arborar un modelo de sociedade aberta, avanzada e autogobernada, que permita manter —incrementar— as cotas de benestar e ofrecer oportunidades de futuro á nosa mocidade salvaxemente castigada. Ora, esta tarefa non se pode afrontar co crónico afán caníbal que tanto dano leva feito, pegando pinchacarneiros oportunistas, improvisando manobras electorais ou reiterando fórmulas de probada esterilidade. A Galicia úrxelle un proxecto de progreso á altura do século XXI, sólido e de longo percorrido. A miña xeración non pode resignarse a legar a triste diagnose da súa derrota, a constatación do seu amargo fracaso. E non serve a escusa (real) de que os maiores nos pecharon o camiño. Se temos algo que ofrecer —novas lecturas do país, outras propostas e visións do futuro—, é hora de que o poñamos sobre a mesa, guste ou non aos distintos establecementos ou ás vellas glorias. Mellor hoxe ca mañá, porque se está facendo tarde, demasiado tarde.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.