“Cheguei a Galicia e o país enteiro curoume”
Este ano, Manu Chao (París, 1961) patexou kilómetros por Galicia. Visitou Ourense coa súa banda e logo paseou pola Terra Cha, de onde procede o seu pai. “Atopei as miñas razóns na terra galega”, asegura
A cita é no Barri Gòtic de Barcelona, no Bar Mariatchi do Carrer dels Codols. Manu acude puntual, acompañado de Jacek Wozniak, o coñecido pintor e ilustrador polaco, amigo e habitual colaborador do cantante. Tras varias cervexas, perdémonos pola Ciutat Vella e seguimos conversando no Passeig de Colom ata ben entrada a noite.
Pregunta. Que supuxo para vostede a recente estancia en Galicia, despois do Festival Reperkusión de Ourense e da túa visita a Vilalba?
Resposta. Vitalidade total. No barrio ourensán da Ponte teño moitos amigos e alí síntome como na casa. E Bemposta foi unha aposta importante, moi interesante e que vai tomar folgos para seguir; hai unha ferramenta extraordinaria, con xente moi válida. Fiquei impresionado polo lugar e as persoas, agardo sinceramente que continúen a facer cousas. Eu porei a miña enerxía. E a visita a Vilalba foi unha marabillosa viaxe con meu pai, que evocou mil lembranzas da infancia, pois ía moito coa familia cando era pequeno. Sempre é bo volver ao lugar de onde vés, non?
P. Fíxome graza a súa expresión cando probou o roscón de Vilalba, como se o invadira unha morea de sensacións.
R. A sensación de volver 40 anos atrás. Iluminoume a memoria con recordos do Hotel Chao e do propio lugar onde nos xuntamos esa tarde (a casa das Anduriñas). E o roscón lembroume mil cousas, co seu sabor inconfundíbel: as festas de San Ramón, as verbenas… Por algo saíu con Mano Negra a palabra patchanka. Polas festas que vivimos en Galicia na xuventude, e sobre todo as de San Ramón: verbena toda a noite, sensación de liberdade e a sabedoría das festas populares, que aínda mantén o norte do Estado español.
P. E moitas improvisadas.
R. Esas son as mellores. E son sanas, en calquera lugar. Nacín en París; as festas do meu barrio comezaban ás dez e remataban ás dez e media, con todo o mundo pelexando coa policía. A orquestra non tiña oportunidade de tocar. Agradezo enormemente que as culturas saiban tratar co alcol festeiro, porque en Francia —en París concretamente, pois Francia é ampla e diversa— non existía o alcol sen a pelexa. Reencontreime con iso nas miñas viaxes polos Balcáns. Aínda quedan tensións alí despois da guerra, e cando hai augardente respéctanse moito, e tamén son necesarias a música e a comida. Porque non hai festa sen xantar, é o que aprendín en Galicia de meniño.
P. Como foi a “conexión galega” con xente coma Pinto d’Herbón, Xosefa de Bastavales, Mercedes Peón, Xurxo Souto… Un novo descubrimento da terra?
R. Foi instintiva. Nun momento da miña vida souben que tiña que regresar; estaba moi perdido. Sempre traballei co instinto máis que coa cabeza, pero de súpeto perdera o instinto. Por múltiples causas: demasiadas viaxes, deixaramos a banda (Mano Negra), rematara o proxecto de Radio Bemba e todo o mundo dicíame “vaiche custar moito non subir de novo ao escenario”. Iso non foi problema para min, son tímido, e cando ía de festa non me importaba que outro subira a cantar. Por natureza, considérome máis un observador que outra cousa, non me gusta ser o centro de atención, porque dese xeito non podes observar a realidade. Foime moi difícil fincarme nun lugar, pois levaba cinco ou seis anos viaxando constantemente. Percorrín Europa e América Latina; pero non podía ficar máis de 15 días nun mesmo destino sen sentirme asfixiado. Pasei moito tempo sen ter casa propia; estaba a casa dos meus pais, as dos meus amigos… E ao final descontroleime e perdinme. A intuición deixou de funcionar e caín en depresión, nunha infinita tristeza —que está nas miñas cancións— e sentín que tiña que volver a Galicia, porque se alguén me podía curar atoparíao aquí. E así foi: cheguei a Galicia e o país enteiro curoume. Fun capaz de reencontrar o meu peso, esa é a palabra exacta. Levantábame sen razón e atopei as miñas razóns na terra galega. Axudoume moito a xente que coñecín, amigos para toda a vida —como Pinto, Xurxo, Teruca ou Mercedes Peón— que me acolleron e ensinaron todos os tipos de Galicia que existen.
P. E así atopou de novo o teu camiño…
R. Saín de Galicia renovado… e volvín dar mil voltas. Logo chegou Clandestino, o final do proceso de curación. Gravei ese disco sen querelo. Estabamos na Feira das Mentiras en Compostela e cando rematou, saín en coche con Marta \[Pérez\] e vin os carteis de Clandestino na rúa; foi algo surrealista. Ese álbum comezou pouquiño a pouco e rematou dando a volta ao mundo. Como che dicía, atopei o meu peso en Galicia nesa época, \[do 96 ao 98\]. Débolle moito a Xosefa, unha boa mestra da vida, aos seus fillos, a Nina, a Manolo Rivas… Cada un amosábame a súa zona, foi apaixonante. E débolle moito a Galicia: as orixes, recordos fabulosos da infancia, a inspiración para as primeiras bandas, como Los Carayos… E volvo cada vez que podo. Desde hai 12 anos vivo en Barcelona, pero tamén paro pouco; regresei a unha vida nómada, con países novos e outras culturas.
P. Ancorado en Barcelona?
R. Ancorado non. Estou aquí por agora, pero con todos estes cambios… Cada vez é unha cidade máis europea e máis parva a nivel de leis. Parvas leis… diría. Aquí teño aos meus amigos, xa viches como vivimos; levamos unha vida de barrio e por iso permanezo. O día que perdamos esa pelexa voume, porque non quero vivir en lugares como fixen durante 25 anos, onde non había unión e ninguén se mesturaba. Falo de París, porque Francia é outra cousa.
P. Hai esperanza?
R. Hai resistencia.
P. Precisamente no teu álbum Próxima estación… Esperanza, O bixo do coco tamén garda relación con Xosefa de Bastavales.
R. Esa é unha frase que dixo Xosefa o día que a levamos a Fisterra, onde nunca estivera. No coche contounos unha morea de historias e falounos do “bixo do coco”, que a xente interpretou de mil maneiras: hai quen pensa que falo da cocaína. Ela referíase á depresión, e na miña canción é iso. Pero pode ser interpretado como a persoa que cae na cocaína ou no mundo das drogas.
P. “Levouse os cartos, levouse a muller, deixou tormenta, nada de comer…”.
R. Levou todo, encaixa perfectamente, como ves. Coido que é bo que cada un interprete as cancións ao seu xeito, e non me gusta desvelalas. O máis importante é que cada un faga a súa viaxe, non?
P. Cal foi a súa maior influencia musical desde as orixes con Hot Pants, Los Carayos, Mano Negra, Radio Bemba? Porque aí están Elvis, Ray Charles, a música africana…
R. Medrei en París e, na casa, os nosos pais deixábannos ao alcance os vinilos de Bola de Nieve; había unha conexión total con Cuba e a música latina. Tamén escoitabamos a Jacques Dutronc. Son os dous artistas que máis lembro. Despois estaba o barrio, en Sèvres, que era pura electricidade: o rock & roll, a cuadrilla… Era a gran época hippie, con moito rock progresivo, pero iso non me gustaba. Pola súa banda, o barrio dos malandros era puro rock & roll: eran todos rockabillies. Aí foi cando comecei realmente coa música. Naquelas cuadrillas estaba prohibido cantar temas de máis do 62. Podíaste salvar con James Brown, pero sen saír de Chuck Berry, Little Richard, Gene Vincent…
P. Unha boa base musical.
R. Unha base perfecta para aprender rock & roll, porque daquela non podiamos tocar outra cousa; pero estaba comezando o punk. Os rapaces do meu barrio saían cazar punks, pois había a tradición da pelexa que lle dicía antes. Eu asistía de espectador; levábanme de mascota. Tocaba o baixo, pero a eles custáballes atopar un cantante que o fixera máis ou menos ben; e poñían anuncios, pero non para darlles traballo senón tamén para pegarlles. Viña un de fóra, dábanlle catro golpes e mandábano á casa.
P. Ao final o cantante foi voestede…
R. Fixéronme cantante. Como era o máis pequeno e o máis feble, un día decidiron que o cantante sería eu. Puxéronme no meu camiño case á forza. Logo marchamos a París, que era outro mundo. Na cuadrilla había máis xente da miña idade, xa non era tanto da xeración anterior. Pola noite coincidiamos cos punkis. Un día metinme por casualidade nun concerto de Stiff Little Fingers e comprendín que era o mesmo que estabamos a facer nós. Por iso comezamos a introducir discos punk no meu barrio, arriscando a vida, pero co tempo integrámolos. Mandaba o rock & roll, pero existía xa unha mestura de música non francesa (portugués, español, árabe, armenio ou africano). Descubrín África negra en Francia; nos barrios periféricos atopabas unha cultura totalmente diferente. Non só a música, senón a comida e as tradicións. Se tomabas alcol na rúa e chegaba a nai dun polaco, non pasaba nada; pero chegaba a dun alxerino e agachabas a bebida por respecto, para que falara connosco sen sentir vergoña. Trátase de que uns aprendamos a cultura dos outros. Co tempo todas as músicas se mesturaron; e había moito reggae, porque nas comunidades africanas era o que máis pegaba.
P. De feito, Bob Marley foi sempre un dos teus ídolos.
R. Foi básico, porque daquela os norteafricanos eran máis de música disco que de rock & roll. Coincidiamos en James Brown, punto de encontro. Os demais eran rockabillies, sobre todo os españois e os portugueses. Os do outro lado do Mediterráneo estaban máis interesados en outras tendencias. Despois chegou o reggae de Xamaica e o de Costa de Marfil, con Alpha Blondy, un intocábel na periferia francesa, malia o hip hop das novas xeracións.
P. Regresa a Sèvres?
R. Poucas veces. Tivemos moitas experiencias despois de Mano Negra en outros lugares de Francia. Por exemplo, coa Caravane des Quartiers, que logo foron á Feira das Mentiras. Durante anos entrabamos nos barrios a facer espectáculos, nunha época en que as institucións non os promovían. En cada barrio instalabamos carpas para organizar semanas de festa. Ao rematar, tres ou catro seguíannos na próxima etapa e, ao final, a Caravane estaba formada por rapaces de moitos barrios. Todos colaboraban: montar o escenario, o son, o recinto, contratar a banda, que fallaba sempre pola escaseza de cartos… Entón faciamos unha cousa que montaban o escenario; cada un aprendía un instrumento, e outras veces había grupos que nos viñan apoiar. Eu viña de facer mil viaxes con Mano Negra e atopeime en Francia visitando cada día un barrio. Tampouco hai que ir tan lonxe para viaxar.
P. É vasco pola nai. Como viviu o rock radical dos oitenta?
R. A miña primeira referencia de Euskadi foi o meu avó Tomás \[Ortega\], un gran mestre de honestidade intelectual. Como a xente do norte, era de ideas claras e definidas, e asumía as consecuencias. Era republicano, marchou coa guerra e foi coherente até o final. Non quixo regresar coa democracia e morreu en Francia. Dicía que sen a República non volvía. Nós queriamos que regresara a Euskadi e que nos levara a camiñar polo monte Gorbea. Ao final levamos alí as súas cinzas. Logo está a referencia do rock radical, con Kortatu e aqueles grupos. E o encontro con Fermín Muguruza, grande amigo. Parécese ao meu avó na constancia das ideas, na honestidade e no valor da palabra. Coincidimos no punk en París, onde unha banda como Kortatu chegou a ser importantísima. Máis tarde, Mano Negra e Negu Gorriak \[o segundo grupo dos Muguruza\] xiramos xuntos por Euskadi. De Bilbo gardo poucos recordos de infancia. As lembranzas son de Murguía —a carón de Gasteiz— onde iamos ver os primos. O encontro real con Bilbo foi hai seis ou sete anos, cando estivemos embarcados no proxecto de Jai-Alai Catumbi Express, con Fermín e algún compañeiro de Mano Negra. Era practicamente Radio Bemba Sound System, engadido Fermín, e demos unha volta polo Estado. Veu connosco a miña nai e chegamos a Bilbo; ela quería ir a Artxanda, a ver se atopaba a casa familiar. Esa historia está escrita nun conto de Eduardo Galeano, La trama del tiempo. Miña nai atopou outra casa sobre as ruínas da súa, que fora bombardeada. Chamou á porta e abriulle unha señora, unha amiga da infancia que a recoñeceu e díxolle: “Teño algo para ti”. E tróuxolle unha fonte de porcelana branca. A miña nai lembrábase da peza. Elena atopouna, intacta, entre os cascallos, e gardoulla durante 58 anos. Que xesto más fermoso, non? A miña nai emocionouse.
P. Que foi de Óscar Tramor, o seu alter ego?
R. Está aquí sentado. Óscar Tramor é froito máis dunha broma que outra cousa. En Los Carayos colliamos cancións de outros para interpretar á nosa maneira. Había unha de Irma Serrano: “Busca otro amor / que te quiera más que yo…”. Cambieille a letra e puxen: “Óscar Tramor, torero matador”. E inventamos unha ranchera dun toureiro borracho que reza a Deus para que o touro chegue máis borracho ca el. E a cuadrilla chamoume Óscar Tramor. Asinei algúns discos de Mano Negra con ese alcume. Daquela tiña o concepto de banda, non de solista. Despois de Mano Negra, unha vez rematado Clandestino, tardei en sacalo á rúa porque non concibía facelo en solitario. Algunha xente pensa que Manu Chao é o nome dun grupo. E pregúntame: “Ti tocas en Manu Chao?”. Eu dígo: “De toda a vida”. Incluso hai quen cre que o meu nome artístico é Manu Chao e o auténtico, Óscar Tramor.
P. En que proxectos anda embarcado?
R. No día a día do meu barrio. Hoxe tocamos no cárcere de mulleres e na escola. Cando estou aquí pretendo darlle vida ao barrio: festa o sábado, organizada sen permiso, pero contando con todo o mundo, mozos e vellos, de esquerdas e de dereitas. Todos xuntos na mesma mesa: os africanos, os paquistanís e os do barrio de sempre. Nun par de días vou de xira coa banda por Europa: Francia, Italia, Noruega e o Ártico, a unha illiña perdida que seguramente coñecen os mariñeiros galegos. Chámase Træna. Organizan un festival. Son cinco horas até o destino, vía Oslo e Bodø, onde collemos un barco. Este ano celébrano por última vez, porque non queren rutina. Ven que se masifica. Despois, non sei que faremos.
P. Haberá unha Feira das Mentiras en Vilalba?
R. Encantado!! Que non sexa por ganas. Unha Feira das Mentiras con Corte Miragreira. Ou grandilocuente, con carpas para dez mil, ou ben unha romaría preto do río. Non ten por que ser masificada. Trátase de implicar a xente de boa vontade e con liberdade de pensamento.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.