_
_
_
_
EPISODIOS GALEGOS | MANUEL RIVAS

Clint Eastwood e a ‘batalla’ de Galicia

Estamos tan abraiados que mesmo rezamos para que os gobernos non “tomen medidas”

Manuel Rivas

Na convención do Partido Republicano, o protagonista final non foi o candidato Mitt Romney, nin sequera o novo vidente da dereita en USA, Paul Ryan, senón o actor e director Clint Eastwood, de oitenta anos. Este mito vivo do cinema, a quen lembramos dende o spaguetti-western (A morte tiña un prezo) á sutileza, en casos maxistral, de obras máis recentes como Mystic River. Na súa comprometida intervención, Clint Eastwood interpelou en ton crítico a unha cadeira na que non había ninguén sentado. A cadeira baleira. Todos os analistas deron por certo que esa cadeira representaba a Barack Obama. A cadeira baleira, símbolo do poder baleiro. Mais depende do lugar onde se mire. Eu a quen vin na cadeira baleira foi ao presidente da Xunta de Galicia.

É dicir. Alí non había ninguén. Mesmo podía estar Núñez Feijóo. Non o digo por faltar. Do político laborista británico Clement Attlee, comentou o seu adversario Churchill: “Vin parar un taxi baleiro e del baixou Attlee”. Non tiña moito carisma, polo visto, mais tampouco era un desastre. O mesmo Churchill, de lingua afiada como navalla de barbeiro, dixo que era unha ovella “con pel de ovella”, o que non deixaba de ser un mérito. Xa me gustaría, na zoo-política, que todos as ovellas tivesen pel de ovella.

O mellor que lle pode pasar a un político nestes intres é non estar visíbel de máis e practicar unha política invisíbel. Levamos unha tempada en que o anuncio de medidas por parte do Goberno central provoca unha corrente de pánico. Tomar medidas neste intre é un eufemismo fúnebre. Mesmo no sentido literal, como demostra a suba impositiva aos cadaleitos. Volvendo ao clásico de Eastwood, A morte tiña un prezo (antes do IVE de Rajoy). Cando se comunica a “toma de medidas” a xente fica temerosa, á espreita, mentres o omnipresente zunido ambiente é o dunha motoserra intimidatoria. Por iso o Goberno da Xunta leva un tempo quedo, sen facer nada, invisíbel. Por que? Porque iso dá votos. Os cidadáns estamos tan abraiados que mesmo rezamos para que os gobernos non “tomen medidas”.

Un dos grandes poemas do realismo español do século XX é Noite triste de outubro de 1959, de Gil de Biedma. Ese que di na primeira estrofa: “Definitivamente / parece confirmarse que este invierno / que viene, será duro. / Adelantaron / las lluvias, y el Gobierno, / reunido en consejo de ministros, / no se sabe si estudia a estas horas / el subsidio de paro / o el derecho al despido, / o si sencillamente, aislado en un océano, / se limita a esperar que la tormenta pase / y llegue el día, el día en que, por fin, / las cosas dejen de venir mal dadas”. Se esquecemos a data, podía ser lido nun noticiario e calquera de nós pensaría que está escrito para este venres.

A decisión de adiantar as eleccións ao 21 de outubro encaixa ao milímetro nesta política do Stand By Galicien. Antes de que o churrasco se estenda ás pensións, a primeira industria de Galicia, o Goberno aínda pode proclamar de xeito triunfal: “Nós, facer, non fixemos nada! Limitámonos a esperar que a tormenta pase. Vótenos”. E até hai pouco, con mellor ou peor disimulo, esa posición de Stand By semellaba a máis cómoda non só para o Goberno senón tamén para a oposición maioritaria, co Partido Socialista en crise existencial despois do seu derrube sísmico e co Bloque escangallado, como aquel que berra na verbena: “A quen me dea un pau, doulle cinco pesos!”.

Xosé Manuel Pereiro, neste mesmo xornal, nun artigo soberbio, expuña así as cousas: “Quen quere gañar, e para que, tal como están as cousas?”. Poderíamos falar a partir de agora da conxectura Pereiro, e estudala nas facultades de Comunicación e Ciencias Políticas. Talvez os partidos, todos, queren gañar, ou gañar o maior espazo posíbel, pero o que non está claro é que pretendan gañar para gobernar. Entre outras cousas porque até o de agora semellaba moi pouco verosímil unha nova maioría no Parlamento e unha mudanza política no Goberno da Xunta. Resistir, manter as posicións, penso que era unha lóxica aspiración polos principais protagonistas.

Mais hai factores novos que poden facer da vindeira batalla de Galicia un escenario de inflexión histórica, con efectos alén da linde autonómica. A dereita galega e española xa non pode dar por feita a brisca galega, para só concentrarse no tremendo mus de Euskadi. Aquí tamén vai haber partida, e de alta tensión e complexidade. Xa ninguén pode ir de farol. Aínda que se adíe a “toma de medidas” para manter no Far-West un estado de somnolencia, a realidade, esa roncha, non acouga. Por suposto que hai lousas chantadas como lápidas, pero xa non serve a vella xeoloxía conservadora. O comportamento electoral en Galicia, nas autonómicas, non adoita ser o dunha provincia previsíbel. E desta vez vaino ser aínda menos. Malia as inercias, o clientelismo e os topes legais, podemos encontrarnos cunha paisaxe sorprendente. Mesmo a presión dende o centro dos medios de comunicación pro-gubernamentais pode ter un alto efecto de rebote. Os comentaristas e expertos en demoscopia xa poden ir revisando os fondos de tópicos e a caixa das ferramentas.

E tamén vai ser un laboratorio moi interesante para os deseñadores e creadores de imaxe. Xa poden ir enterrando a iconografía balorenta, o estilo mofento de solemnes monstros con gravata. Hai imaxes que teñen un efecto revolucionario na ollada, que mudan de súpeto a iconografía tradicional. Que poñen á luz un novo país até o de agora oculto. Nas coordenadas da política en Galicia, ten esa pulsión simbólica a fotografía de Iolanda Díaz entrando coa súa filliña no colo a unha xuntanza do consello de Esquerda Unida. De confirmarse, o acordo desta forza coa Irmandade beirista pode mobilizar moita esquerda abstencionista. E Partido Socialista e Bloque teñen a oportunidade de quitarse sen complexos o meigallo do bipartito: Non se goberna en coalición en toda Europa? Non é un bipartito o da señoras Merkel?

Había unhas contas feitas que xa non serven. A mínima marxe da dereita pode evaporarse en días con erros do estilo do deputado que as pasaba “canutas” a fin de mes. Con todo, Núñez Feijóo é a súa mellor baza. Claro que xa non pode competir con cadeira baleira nin como político invisíbel. Gañará puntos se acepta e acode aos debates. Se non, outros debaterán por el. E como dixo Clint Eastwood, en Poder absoluto, “o mañá non está asegurado para ninguén”.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_