_
_
_
_

“Non hai nada externo á poesía”

Once anos logo d’A vella peneira a noite, Xabier Cordal enfróntase de novo á escrita. Desta volta, para axustar contas coa perda

O poeta Xabier Cordal, nun bar de Lugo ao pé do río Miño.
O poeta Xabier Cordal, nun bar de Lugo ao pé do río Miño.XOSÉ MARRA

Once anos logo d’A vella peneira a noite, Xabier Cordal (A Coruña, 1965) enfróntase de novo á escrita. Desta volta, para axustar contas coa perda. O loito orixina os poemas de transmuta (Xerais, 2012), pero o libro expándese en todas as direccións. “É imperdoábel que a subxectividade anule o discurso político, ou ao revés. É unha falsa dialéctica”, anota, a xeito de poética provisional.

Pregunta. Que muda entre A vella peneira... e transmuta?

Resposta. As circunstancias persoais. Escribo poesía rara vez, non diariamente. Ata ese momento sempre escribira por pracer. Este libro obrigueime a escribilo. Ao principio foi desagradable, precisaba dicir algo pero non sabía o que. Fago pouca reflexión teórica sobre a escrita, o meu é máis instintivo. Non sei se é bo ou é malo: admiro moito á xente que é capaz de formalizar sobre a escrita. Pero conservo da xuventude un xesto moi inmediato.

P. Que foi distinto na experiencia de escribir transmuta?

R. Expresar o loito era para min descoñecido. Había algo aí tupido, bloqueado. Resúltame difícil falar de poesía porque, dicía Borges, falar é incorrer en tautoloxías. Cando falamos de poesía, o problema é que non hai nada externo a ela. A poesía é o núcleo do significado. E fracasouse sempre que se intentou formalizar. Porque non hai un punto alleo para falar sobre o significado. Limítaste ao formal. Neste libro simplemente pensei que había contas sen saldar. E recordo a dor, para min algo bastante descoñecido na escrita.

P. Canto demorou na escrita?

R. Moito. Os textos iniciais, o núcleo do libro, foron saíndo moi lentos. Non era algo fácil, tampouco a nivel teórico. Porque ao final a expresión da dor, enfrontarse á morte, é unha das raíces do que chamamos cultura, algo demasiado profundo como para poder facer un plan de obra. Non tiña nin idea. Pero repito que en parte escribo poemas porque non sei falar sobre poemas.

P. O libro agrupa materiais moi diversos: poesía visual, textos minimalistas, versículo, panfleto no bo sentido... A que responde esta estratexia?

R. A construción da subxectividade e diso que chamamos discurso político non sei se son a mesma cousa, pero é imperdoábel que un dos dicursos anule o outro. Porque é unha falsa dialéctica. Aparecen os textos máis obxectivos dun xeito tan natural como os outros. E parcelalo parecíame moi pouco moderno. Acordeime de Rosalía de Castro, que si era moi moderna. O outro día preguntábanme os alumnos que por que estaba o poema A xustiza pola man dentro do apartado Do íntimo de Follas Novas. É unha pregunta ben interesante. Ela tivo que resolver que o corazón da muller violada por unha cuestión de clase non deixa de ser corazón. E tampouco deixa de levar unha carga revolucionaria tremenda. Entón o erro moi anos setenta de “imos falar do que importa” era mellor non volver a el, porque todo importa. Foi un luxo bastante estéril encargarlle a construción da subxectividade á poesía reaccionaria</CF>.

P. Que significa a presenza da natureza en transmuta?

R. A natureza é unha construción cultural, pero iso non significa que sexa irreal. Entón, a verdade é que se un olla cara atrás, dende Arianrod (1993), esa presenza está aí. Coñezo a crítica que se lle fai ao discurso que reivindica a natureza dun xeito abstracto, idealista.

P. Non é o caso.

R. Pero coñézoa. Malia a que a poesía ten as súas leis, un intenta non dicir aquilo que non debe. Volvemos ao problema de antes: quen delimita o que é natureza e o que é cultura? Non teño a menor idea. Teño experiencias, como moita xente.

P. Vostede naceu na Coruña.

R. Si, e son de barrio. Pero en Galicia, como en calquera periferia, non está tan claro como no centro a diferenza entre o campo e a cidade, o externo e o interno á civilización. Iso acaba saíndo no poema.

P. transmuta tende a certo hermetismo. Ten que ver co desafío de expresar a dor?

R. Sobre o hermetismo sempre tiven moitas dúbidas.

P. Talvez non é o termo acaído.

R. Si, está ben. O que pasa é que neste tempo temos moita sorte porque a xente sabe que o hermético de verdade son as hipotecas. O hermético é o capital. O que nos ocorre aos que escribimos é que, ás veces, non damos co termo axeitado. Si teño claro é que canto máis ampla é a expresión, mellor. Pero hai discursos poéticos no século XX que empezaron sendo incomprensibles para os seus contemporáneos e agora son os únicos cos que podemos dialogar. Manuel Antonio, por exemplo. Cando se fala de poesía, case sempre con boa intención, fanse paráfrases. É moi difícil estabelecer leis.

P. Ten defendido, a contrapelo, a narratividade e a figuración na poesía. Non pinta entre o consensualmente avanzado.

R. As narracións, os relatos, son importantísimos para unha cultura. O relato, ademais de imaxinario, é constitutivo. Mesmo diría que constitucional. Cando a poesía se achega a esa función é á vez moi arcaica e moi moderna. Tamén está o discurso subxectivo, pero o relato contén o tempo e diso podemos finxir que prescindimos pero arrástranos. Unha nación, unha clase social, un telexornal, un periódico, están sobre todo compostos de relatos.

P. A súa é unha escrita politicamente consciente.

R. Non hai xerarquías dentro do discurso poético...

P. Pero hai quen as estabelece.

R. Si, hai a quen lle gustaría dicir que a poesía filosófica e a poesía existencial, é máis profunda, máis elevada... Todas esas fronteiras se viñeron abaixo, se é que algunha vez existiron. Cando escribo distingo entre poemas que flúen e para os que eu son unha especie de vehículo e outros nos que interveño máis. Adoitan ser peores. Pero non teño ningún problema por intentar responder en tempo real ao que a época nos esixe. Porque sería unha auténtica pedantería aspirar a escribir para o futuro. E moi arriscado: cando se escribe para o futuro sempre se está ao bordo do ridículo.

P. Como se incorpora a dimensión colectiva a unha operación a priori tan individual como escribir un poema?

R. Como non estea o corpo incorporado, malo. Porque entón seriamos poetas sociais de cámara, xénero destestábel.

P. Que existiu.

R. Existiu e temo que sempre van existir os fripons. O colectivo é o que te leva e ás veces tes a fortuna de convivir coa xente en momentos excepcionais. Nunca Máis foi un momento excepcional. Cando compartes moitas noites sen durmir preparando mobilizacións, é todo tan natural como, dicía Cunqueiro, beber un vaso de auga. Os relatos... Estoume saíndo da pregunta...

P. Está relacionado.

R. ...nunha época en que o máis radical que existe é capacidade do capital para o simulacro, temos que aprender a facer os nosos propios simulacros. Este é un sistema que se sostén no hardware, pero no que por vez primeira —o único comparábel talvez sexa o III Reich— importan máis as palabras e as imaxes, o espectáculo, que a armazón do sistema e os tanques. A esquerda debería ser consciente disto e aprender a comunicarse, non coas leis que dita o capital, pero si tendo moi presente que por cada palabra das nosas, eles teñen unha batería funcionando día e noite.

P. Non é arriscado deitar a responsabilidade da esquerda na linguaxe e non no que a sostén, nos corpos?

R. É que para min a diferenza entre linguaxe e corpo é arbitraria. Non pode haber unha sen a outra. Desconfío dos corpos desprovistos de imaxe e de significado. Estamos feitos de materia e a nosa linguaxe é parte do corpo. O único problema é que non sabemos aínda moi ben como funciona a linguaxe.

P. A poesía ten obrigas?

R. Non. Desconfío moitísimo da xente que di que si. Supoño que, como mínimo, serán poetas. E mesmo se son poetas, preocúpame que veña un poeta e poña un menú do que teño que falar. Non sei de onde vén a súa autoridade. Non hai xerarquías no poema nin nada externo que poida condicionalo. Xa sei que ten os seus riscos, pero debemos correlos, porque un non sabe nunca onde está a palabra que move. As persoas que nos dedicamos a isto somos traballadores, pero con condicións un pouco particulares que deben incluír a liberdade total.

P. O uso do humor singulariza a súa obra, mesmo nun libro tan duro como transmuta.

R. É unha expresión de carácter. Ás veces a solemnidade é debilidade do discurso. Cando calquera discurso é capaz de incorporar o humor, é un signo de saúde. Non ten porque facelo, desde logo, hai producións moi serias e que están moi ben sendo serias. Pero cando unha cultura ri, e ri de si mesma, significa que pode con todo.

P. Que queda de Ronseltz en Xabier Cordal?

R. Perderlle o medo a formas que certa crítica ve con malos ollos. Ronseltz, que agora din que era posmoderno, en realidade era moi punki, unha cuestión de xestos e de instinto. E contra o instinto ás veces é malo ir. Un dos trazos constitutivos da cultura galega, ademais, é o humor. Se repasamos os mellores escritores da nosa historia é raro encontrar un que non se permita un gran momento humorístico.

P. Falta punk na literatura?

R. Agora que falaba de Ronseltz, é unha alegría atopar propostas que o reivindican. Ves ao Leo, a Lucía Aldao, a María Lado... Que unha cultura non teña propostas para rir é un síntoma de agonía. Isto quere dicir que estamos moi vivos. Supoño.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_