Un trasno intelectual
As ideas en Montero semellan unha desculpa para ser el, inadaptado, singularísimo
Unha forma de aprender historia é lendo nas novelas, pois está na mesma natureza dese tipo de narración o ser histórica e sociolóxica, ben porque pretende retratrar unha sociedade e unha época, ben porque quen le establece unha ollada froito da súa época e da súa posición social. O caso é que escribindo novelas tamén aprende un historia e socioloxía, aínda que non queira.
Cando estaba a escribir Home sen nome, ademais de ficcionar unha vida tiven que me informar sobre moitos habitantes do século XX, de xeito que escoitaba falar a quen lembraba cousas para min e pasaban por diante miña personaxes que foran persoas. E eses personaxes tiñan ben máis intensidade, é claro, que aqueles outros que imaxinaba o escritor. Un deses que asomou e agachou foi Santiago Montero Díaz, visto e non visto. Santiago Montero foi un personaxe fascinante que pola súa natureza de extravagante, exquisito, rigoroso, orixinal e inadaptado está condenado á penumbra e ao esquecemento. Non o salva nin sequera un risco peculiar, a que estaba algo contento, dábaselle por agatuñar pola fachada arriba dun edificio, un muro ou o que fose. Así e todo asoma unha patiña unha e outra vez cando un le memorias de persoas que viviron arredor da República, a guerra e o franquismo. O mesmo aparece citado por Lois Tobío que por Fernández del Riego e agora por Nicolás Sánchez-Albornoz.
Estudou na Universidade de Santiago, onde foi logo profesor de Historia e teño entendido que tamén bibliotecario. Defínese comunista nos primeiros tempos do PC en España, mais sendo galego está moi problematizado polo conflito nacional e teoriza sobre a cuestión agraria galega e sobre os nacionalismos. O seu pensamento vaise modulando do leninismo ao nacional-sindicalismo, o fascismo español traído por un sayagués, Ledesma Ramos. Montero foi unha das figuras das JONS que non gustou da fusión con Falange Española nin da orientación do franquismo, pois el era un fascista verdadeiro e non un reaccionario católico. O franquismo castigou a súa disidencia. Na fin da guerra foi deportado a Almagro e anos despois, sendo catedrático de universidade en Madrid, foi inhabilitado dous anos por apoiar as folgas estudantís. Exiliouse a Chile e de alí a uns anos colaborou co Movimiento de Izquierda Revolucionaria. Voltou a Madrid, exerceu novamente de catedrático e morreu en 1985. Todas os testemuños coinciden en referir os seus actos xenerosos, axudaba a este ou aquel de modo desinteresado. Montero ben merece unha boa biografía (que as biografías tamén son novelas). O máis interesante ha ser a propia vida, que as ideas… Madialeva.
As ideas en Montero semellan unha desculpa para ser el, inadaptado, singularísimo, incapaz de pararse. Doutra banda, eses desprazamentos de comunista a fascista e viceversa foron cousa común entre os intelectuais da época. En calquera caso, esas ideoloxías para moitos mozos universitarios eran máis unha emoción, un xesto violento, unha paixón, que elaboracións intelectuais. Naturalmente, quen queira ser honrado intelectualmente ten que pararse a reflexionar como é posíbel ese paso dun extremo a outro e preguntarse cal é a raíz que as une subterraneamente, por debaixo da superficie das retóricas. Santiago Montero Díaz non foi un demócrata. Iso habíalle resultar cousa ben vulgar. Porén foi un personaxe memorábel e por iso ha ser interesante a biografía que ven de editar o profesor Xosé Manuel Núñez Seixas.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.