_
_
_
_
DISIMULEN

Projecto Mourente pecha o cuarto

O terceiro disco de Carlos Valcárcel presenta cancións breves e arranxos sutís

Portada do terceiro disco de Projecto Mourente
Portada do terceiro disco de Projecto Mourente

Hai xa seis anos que Projecto Mourente rebentou o pulso das descargas no netlabel A Regueifa con Baixo os eucaliptos (2006). Era seguramente unha operación suicida: pop electrónico de factura doméstica e parentesco moi repartido, o mesmo á sombra de Fangoria ou Pet Shop Boys que á de Astrud, New Order ou Saint Etienne, pero en galego e con retranca transxénica. Dá cousa agora repasar a hemeroteca daquel tempo. O presente realmente existente acabou devorando toda a euforia bipartita e posbravú. Xa o advertía o propio Carlos Valcárcel pouco despois, no seu segundo disco, o interrogante Kara.o.ke(2008): “Resulta triste comprobar / que nada muda no esencial”.

Caeron o que parecían ser estruturas e a coartada, tal vez, para un discurso colectivo, pero quedaron francotiradores abondo. Tras catro anos de (relativo) silencio, Valcárcel vén de difundir o seu novo álbum na rede. Pódese escoitar en projectomourente.bandcamp.com e outras plataformas. Titúlase A pior, admite lecturas xeracionais e outras menos restritivas, está autoeditado e podería dar en CD ou vinilo se o público así o decidise logo do verán, cando o autor lance unha iniciativa de crowdfunding. Volve ser un disco amábel pero de fondo amargo. O aparente costumismo de Projecto Mourente ten caligrafía sociopolítica.

Valcárcel amosa habilidade para suturar melodías e mallar préstamos sen caer no pastiche. Xa o demostrara nas súas dúas primeiras entregas: podías bater con Tainted Love nunha esquina e con Petula Clark (ou Raphael) na seguinte. Desta vez, na alfándega tería que render contas con The Communards, Prince, unha tropa de vocalistas metaleiros de Youtube e algún dúo de actores porno, pero esa é outra historia. Ao cabo, non deixa de ser un traballo concorrido.

The Homens ao completo participan no tema inicial, Afília-te!, e o seu guitarrista, Martin Wu, engade as seis cortas noutros cortes como Feliz assim e Vou para pior. Joaquín, de Carrero Bianco e ex integrante de Triángulo de Amor Bizarro, colabora en Ao teu redor e A revolta dos cosmopailães. Nos créditos tamén asoman Álex López, Andrés Boado, Mar Callón e Yolanda Valcárcel, na parte musical, e Roi Fernández (The Homens) e Héctor Anllo na banda do deseño e a comunicación.

Sen renunciar á pista de baile nin ao verniz vagamente electroclash dalgúns cortes, A pior bota o freo nas bases e os baixos para retomar fíos que estaban, aínda que fose lateralmente, en cancións da súa primeira época. Non é o seu primeiro álbum de habitación porque todos foron compostos e gravados na casa —este mesturouse e masterizouse con Tomás Ageitos nos estudios A Ponte—, pero é a primeira vez que Projecto Mourente pecha a porta do cuarto, sexa para deixarse amolecer pola crise dos trinta e tantos (Vou para pior), para rir (Quando vás a Portugal) ou para revoltarse (A revolta dos cosmopailães, Lei e ordem). Cancións máis breves, arranxos máis sutís e orgánicos, narración máis pop. Di Valcárcel que é a última vez que se lle ocorre. No próximo volverá ao lado Bananarama.

O punk, tal e como o codificou o home branco a mediados dos setenta entre Londres e Nova York, é o folclore do século XX (en diante). Nesa economía política operan os muradáns Terbutalina. Como Galicia é caníbal, cando menos dende Os Resentidos, o quinteto chámalle ao seu gastropunk, pero vén sendo o que é: urxencia, guitarras e cuspir con aspersor. Así era Broncodilatador (2011), o seu primeiro LP, e así volve ser o seu segundo disco, cuarto se contamos tamén Live in Catoira (2011) e o EP Que-de-leite! (2011). Gravado en Portugal e autoeditado para a súa difusión na Rede (terbutalina.bandcamp.com), contén sete temas: Hostias para todos.

O disco fírmano Migui (guitarra e voz), Mon (guitarra e coros), Samuel L. París (baixo e coros), Brais (teclado e coros) e Carlos (batería). Hai casquería —Suisidarse, con videoclip igualmente gore de Lucas Nadal—, escepticismo rururbano —Así nos vai—, guerrilla —Picolo (vas de verde) dura 35 segundos, a máis longa apenas asoma por enriba dos dous minutos—, xenuino extravío xeracional —Non sei que— e algo de vella imaxinaría bravú —O teu corpo pide jerra. Din que a sutileza é unha especie que só se dá nas Rías Baixas. Pode que os cinco de Terbutalina estean de acordo. E que?

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_