O Zeca ao outro lado da serra
Dous actos lembran a relación de José Afonso con Galicia no seu 25 cabodano
No seu libro memorial Sonata de amigos (Xerais, 2008), Benecdito García Villar relata como catro antifranquistas galegos, entre os que se contaba el propio, viaxaron en febreiro de 1972 a Setúbal para coñecer a José, Zeca, Afonso (Aveiro, 1929 - Setúbal, 1987). Ese día, explica, o cantor de Grândola Vila Morena“albiscou un océano do outro lado da serra”. Aquel Dyan 6 teceu o primeiro dos fíos que uniron ao Zeca con Galicia. Esta arañeira de solidariedades, amizades e músicas é lembrada estes días ao norte do Miño, cando se fan 40 anos do seu concerto en Compostela e un cuarto de século da súa morte.
“O máis interesante é que a mocidade de hoxe, en Galicia, renova a orde de José Afonso, escóitao. Hai uns 15 grupos que gravaron versións do seu cancioneiro”. Quen fala é Xico de Cariño, musicólogo, amigo do portugués e único membro galego de Associação José Afonso. O seu contacto co autor de Com as minhas tamanquinhas (1976) remóntase ao ano 71, en París. De Cariño estudaba musicoloxía na cidade mentres o Zeca, acompañado polo arranxista —e logo autor do totémico Ser solidário (1982)— José Mário Branco, rexistraba un elepé emblemático, Cantigas de Maio. Bibiano, de Voces Ceibes, fixo de ponte. “Ás poucas semanas, nun festival antifascista e anticolonialista contra a ditadura de Salazar no Teatro da Mutualité”, fai memoria, “volvín falar con el. Pregunteille polas músicas portuguesas e el díxome que non sabía diso. Presentoume a Luis Cília”.
Xico de Cariño trouxo ao Zeca Afonso ao Festival dos Pobos Ibéricos da Coruña, canda Enrique Morente ou Marina Rosell, en 1977. Nese escenario subiu a tocar a harmónica con el. “Foi anecdótico, pero lembro que esquecín a miña frase”, ri. Mañá (18.30 horas) participa nunha mesa redonda, canda o exdirector de TVG Suso Iglesias e o concelleiro comunista de Valença do Minho Alípio Nunes, na Homenagem a José Afonso que a Sociedade Cultural e Desportiva do Condado organiza en Salvaterra de Miño. Logo haberá cea (previa reserva) e concerto de repertorio afonsino a cargo do grupo De Outra Margem e do trasunto do Leo i Arremecághona dedicado ás músicas militantes, O Leo de Matamá.
O cantor de 'Grândola' trazou un diálogo cromático con outras músicas
“O que estou descubrindo preparando as súas cancións é un letrista boísimo, de retrousos redondos e que sabe encaixar como ninguén”, explica O Leo, “a tensión dramática do que canta coa música”. A produción de José Mário é peza central da estratexia cantora do Zeca, engade: “Subliñaba moi ben o seu talento”. Obras como Venham mais cinco (1973) ou o contundente Enquanto ha força (1978), arranxadas por Branco, atesouran o cromático diálogo que o cantor portugués estabeleceu con músicas de aquí e de acolá: as tradicións lusas, os aires do Brasil e, nun xesto pioneiro que a anglocéntrica comunidade pop aínda non foi quen de aprezar, a asunción de africanismos rítmicos e melódicos. E que O Leo arrima, sorprendentemente, ás prácticas do antifolk estadounidense de comezos deste século: “En Venham mais cinco burla a censura a través do dadísmo, do humor surrealista”.
“O seu oficio non era o de músico”, anota Xico de Cariño, “el cantaba por necesidade”. Canción popular, canción lírica e canción de intervención foron os eixes estéticos do home cuxo Grândola..., en principio homenaxe a unha asociación obreira da vila do mesmo nome, funcionou como aviso para os militares esquerdistas que o 25 de abril acabaron co réxime salazarista. “Pero el nunca falaba de música”, continúa De Cariño, “era un profesor represaliado, ao que non lle gustaba nada a parafernalia da música. Só lle prestaba o encontro coa xente que se producía ao cantar”.
Á marxe da industria e dos modos pop, o músico militante pero de estética vangardista, un cantautor avanzado lonxe de estilemas formais conservadores, contribuía á construción revolucionaria de Abril. “Foi un artista ética e esteticamente intachábel”, opina O Leo, quen arrisca unha analoxía: “Como aquí poden ser Mini e Mero”. O certo é que a pegada sonora do Zeca en territorio galego resulta estensa. Uxía así o certifica: “Influíu moitísimo a partir da súa relación con Voces Ceibes; logo, como o clásico que é, traspasou todas as fronteiras espaciais e temporais”. Tamén co Leo, co sobriño de José Afonso, João Afonso, con Xurxo Souto ou con Quico Cadaval, Uxía estará o 10 de maio no Auditorio de Galicia en Compostela no festival Terra da Fraternidade. A xornada conmemorará as catro décadas da estrea en público de Grândola Vila Morena. Que foi no Burgo das Nacións da capital e presentado polo daquela estudante comunista Emilio Pérez Touriño. “Gústame a unión maxistral da canción de autor e das músicas de raíz”, resume Uxía, “e paréceme un poeta excelso”.
A condición de clásico demóstrase, ao cabo, coa capacidade intempestiva da súa lírica —literaria e musical— para falar á historia que veu despois del. Por caso, a estes tempos: “O que faz falta é acordar a malta, o que faz falta”
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.