_
_
_
_
LUCES | NOTAS A RODAPÉ

Sexismo, gramática e discurso

A tese feminista non é infundada: non hai unha soa lingua no mundo que utilice o feminino como xenérico

O académico da RAE Ignacio Bosque.
O académico da RAE Ignacio Bosque.RICARDO GUTIÉRREZ

Ultimamente saltaron á prensa varias novas que relacionan as mulleres e a lingua. Primeiro, o informe Sexismo lingüístico y visibilidad de la mujer, elaborado polo gramático Ignacio Bosque e aprobado pola Real Academia Española. Máis recentemente, as críticas a unha intervención de Beiras por comparar os modos da dirección do BNG cara aos e ás ex militantes cos malos tratos contra as mulleres; críticas que nos trouxeron o eco dunha intervención de Bieito Lobeira cun símil parello. Velaí dous problemas conectados: o sexismo na gramática e a súa banalización no discurso.

» A gramática é sexista? No informe da RAE realízase unha severa censura dunha serie de guías para un uso non sexista da linguaxe. Bosque defende que o emprego do masculino con valor xenérico —cabalos de batalla do debate sobre o sexismo na lingua— é un feito de pura gramática. Como é sabido, cando se di os homes nacemos iguais, os estudantes asisten pouco ás aulas ou amable lector inclúese tanto a varóns coma a mulleres. Segundo Bosque, ese uso non está motivado pola organización de sociedade, senón que constitúe unha regra gramatical. Xa que logo, calquera tentativa de modificala mediante a intervención deliberada estará condenada ao fracaso, pois resulta forzada e disfuncional. O gramático non nega nin xustifica a discriminación da muller, xaora, pero asegura que, dado que esta non ten relación coa regra, a situación non melloraría con mudala.

Pola contra, o movemento feminista considera que tal fenómeno constitúe a codificación gramatical da subordinación das mulleres e, ao invisibilizalas, axuda a perpetuala. En consecuencia, propugna evitalo mediante diversos procedementos: os seres humanos nacemos iguais, o estudantado asiste pouco ás aulas ou amable leitor/a. Isto esixe un esforzo suplementario, pero o peor é que en moitos casos enmaraña a expresión: compárese “os meus fillos están esfameados” con “o meu fillo e as miñas fillas están esfameado/as”. Pero non nos interesa a cuestión, complexa, dos procedementos, senón a dos principios.

» Da gramática ao discurso. Se Bosque ten razón, xustifícase que sexan un gramático e unha Academia os que, apelando á autoridade, diriman a cuestión. Tamén resultará irrelevante que el sexa un varón e que a RAE estea composta por esmagadora maioría de señores (subscriben o informe 23 académicos e tres académicas). Desde ese punto de vista, tamén é lóxico que o lingüista concentre a discusión nunha casuística gramatical en que fai alarde de competencia profesional. O problema é que nin se molesta en argumentar a súa tese básica, sen reparar no doado que é colocala baixo sospeita. Vaites que o uso xenérico do masculino é moi frecuente nas linguas do mundo, mentres que en ningunha se utiliza o feminino! Incluso en linguas como o inglés, que non marcan o xénero dos substantivos, se di “men are born equal”, pero non hai linguas en que a frase as mulleres nacen iguais inclúa tamén os varóns. Por tanto, a tese feminista non parece infundada e non se pode desbotar sen discusión.

Outro suposto básico do informe, segundo o cal as regras gramaticais constitúen algo así como leis da natureza, resulta cuestionable: ata que punto o que os gramáticos contemplan como regra do sistema, non ten moito de regularidade do discurso? Na segunda hipótese, as intervencións deliberadas dos e das falantes xa non poden contemplarse como intromisións impertinentes no funcionamento automático da mecanismo gramatical. Isto é, aparecen lexitimadas as tentativas das persoas para modificarmos o idioma no sentido que consideremos desexable, precisamente mudando o seu uso.

» A favor do feminismo. Se a regra do masculino xenérico constitúe a codificación gramatical da discriminación das mulleres e contribúe a invisibilizalas, sendo lícito propugnar unha modificación desa regra mediante un uso consciente da lingua, daquela son as feministas as que teñen razón: a cuestión sería basicamente sociocultural e non gramatical, o groso da argumentación de Bosque sería de importancia unicamente procedemental, e a súa intervención como autoridade no asunto sería discutible. Á derradeira, el é un varón e a Academia é unha institución masculina que ata agora se destacou pola súa resistencia a introducir melloras na norma lingüística tendentes a mitigar o pesadísimo nesgo machista da linguaxe. Así, por acaso, alcaldesa seguiu no dicionario da RAE definido como “esposa do alcalde” anos despois de que houbese mulleres no cargo, igual que formas como xuíza ou médica só foron admitidas tarde e a desgusto. Bosque desaproba que as guías que analiza non se contase coa colaboración de lingüistas: as feministas poden argumentar con máis razón que a RAE non contou con mulleres para elaborar o seu informe.

Por parte, o asunto non consiste en modificar a gramática para visibilizar as mulleres. Do que se trata é de non seguir invisibilizándoas. Como no seu día non se trataba de legalizar o aborto, senón de que non continuase ilegalizado. E velaí un par de exemplos que mostran como as expresións verbais non son inocentes, un bo argumento para defender a tan deostada linguaxe politicamente correcta. E así pasamos da gramática ao discurso.

» A banalización do mal. Non hai moito veu a lume un libro Sobre o racismo lingüístico. No seu día dubidei sobre a idoneidade do termo racismo nese título, tanto en canto arriscaba a esvaecer os perfís específicos da abominable discriminación racial. Manteño reparos similares ante o uso banal de “fascista” ou “xenocidio” e doutros vocábulos referidos a realidades especialmente odiosas. Máis recentemente, unha crítica de Helena Miguélez a Carballo Calero na que afea as “licenzas sexistas dos seus textos”, mereceu unha réplica nestas mesmas páxinas na que se sostiña que “en falando de escritores e de homes en xeral, o sexismo (ou a súa excrecencia, o machismo) é un pleonasmo”. Un exemplo extremo de banalización: se todos os homes somos igualmente machistas, o saudoso profesor non merece censura particular por isto. Pobre argumento e cativa escusa.

Foron frívolos Beiras e Lobeira ao referírense aos malos tratos ás mulleres? Resulta dubidoso. Certo é que se reclamamos un uso coidadoso da linguaxe ás persoas privadas, con máis razón debemos vixiar as públicas. A linguaxe do debate político, espiñado de esaxeros, rincha adoito nos nosos oídos. Pero unha cousa é esixir respecto e outra exercer a censura. O exceso de celo acaba por ser contraproducente e dar azos ás queixas reaccionarias contra a tiranía do corrección política.

Ninguén é tan inxenuo como para pensar que cambiando a linguaxe xa conseguimos transformar a realidade. Pero non debemos colaborar, sequera por comodidade, en invisibilizar as mulleres. Temos que expresarnos con respecto cara aos colectivos maltratados (non só verbalmente) e evitar a reprodución de tópicos denigrantes ou discriminatorios. O uso coidadoso da lingua require un esforzo: o que nos eleva da barbarie á civilización.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_