A revolución tamén se fai bailando
Machina, Quempallou ou Ruxe-Ruxe volven expresar en disco o malestar social. “Non cambiamos, é o mundo o que empeora”, di Bocixa, de Zënzar
Adoitan dedicarlles breves parágrafos e letras minúsculas en cartaces de teloneiros. Asinan contratos miserentos. Pero nin se resignan nin se flaxelan, “porque o país non se fai chorando”. Seguen a bourear baixo tellados de uralita, enlamando os zapatos nos torreiros das festas e creando parroquia até no último palco, nunha incansable romaría de aldeas, porta a porta, veciño a veciño. É o marketingmáis eficaz. Botarlle horas ao volante e chegar alí onde remata o asfaltado dos camiños. Sen buscar o aplauso, con humildade. O mérito, din, é ser xente desta eira e deste tempo. A xeración máis combatente da creación sonora da terra volve aos escenarios disposta a rozar a maleza da indiferenza e facer agromar a rebelión das mentes. Chega a primavera da música galega.
Desde que Mördor se convertera en Zënzar e as Encrobas no epicentro do rock galego, en Cerceda sempre florece primeiro. En maio, a incombustible banda de Xosé Bocixa —voz— volve aos escenarios, coa mesma insubmisión de cando bruaban contra o servizo militar obrigatorio en casetes de 500 pesetas a unidade. “Case 25 anos despois, o espírito do grupo mantense inmóbil. É o mundo en xeral o que non deixa de empeorar. Por iso volvemos ás nosas orixes, con sons eclécticos e cancións tralleiras, que falan do conflito social entre ricos e pobres, entre explotadores e explotados, cancións que falan dunha vida subordinada á rutina do traballo”.
Avisan, que coma anuncian na carátula, Vaise armar. Polo pronto, o próximo 14 de abril, axudarán a montar balbordo aos seus discípulos máis avanzados, os Machina. O cuarteto prepara a presentación oficial de Ensaio sobre o silencio, plasmación da “madurez persoal e musical” da banda referencial do metal galego. Arredor de 13 cortes “directos e rápidos”, os cercedenses reflexionan sobre historias enganadas, patrias impostas e camiños marcados. “Estamos cansos de que apandemos sempre os mesmos. Queremos dilapidar os silencios da medocracia, dunha crise que nos condena á miseria”.
A palabra segue a ser unha arma cargada de futuro. Por iso, hainos que se meten a editores. Os Quempallou xa teñen o prelo a punto para distribuír o seu cuarto álbum, Vellas Novas, no que volven bater con retranca nas pandeiretas, enchendo o fol de festa, empeñados en recuperar voces que falan e contan cousas que lles petan de preto. “Desgrazadamente, despois de décadas de normalización lingüística estamos nunha situación pre-democrática, sen prensa en galego”. De aí que o leitmotiv do disco, incluído o deseño gráfico, sexa o xornalismo. Tirando de repertorio popular pero con maior protagonismo das composicións propias. Cantándolle aos galegos que emigraron á Habana para gañarse un peso ou aos que parolan fronte a unha cunca de viño. “Non pretendemos reescribir a música tradicional, senón falar da realidade que nos rodea Tamén na foliada”, canta Guillerme, “hai que coidar esta terra”.
Desde o cortello dos xa veteranos Ruxe-Ruxe, Vituco Neira subscribe o fondo, pero matiza a forma. “Para criticar as cruezas da realidade non sempre hai que poñerse no papel de francotirador. Nós non queremos facer simples textos de protesta. Creamos aquilo que nos sae do corazón, aquilo que realmente sentimos”. E o que lles pide o corpo é ouvear Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras, e falar do que lles doe pero tamén do que lles enche a alma de folgos. De “amores macarras” e negocios co demo. Dese rock país que o 31 de marzo subirán ao escenario da Sala Capitol.
Menos directos, menos vendas
Aos concellos péchanlles a billa e aos grupos os circuítos nos que tocar. Menos festivais, menos directos, menos vendas. Malia existir máis formacións e estilos ca nunca, a pesar da normalización do galego e, incluso, aínda estando máis ou menos resoltas certas eivas históricas, como a falla dunha industria discográfica, grazas á Rede e á aparición de selos de autoedición, a crise afasta a utopía de vivir do que dá a música. Intensifica a eterna contradición entre unha oferta talentosa e unha economía de subsistencia. Pero o escenario tampouco é tan novidoso. “As dificultades son sempre as mesmas”, recoñece Bocixa: “Autoodio, descoñecemento, falta de apoio gobernamental...”.
Para Guillerme Costa, voz dos Quempallou, “o desexable sería que a cultura puidera sobrevivir sen subvencións igual que a lingua sen plans de normalización”, unha situación para a que considera imprescindible o cambio de actitude de medios de comunicación e partidos españolistas como o PP respecto das diferentes culturas do Estado. Bocixa engade a problema xurdida da “pretendida confusión” creada arredor da “suposta” dependencia institucional da música. “Onde van parar os investimentos en cultura das diferentes entidades autonómicas? É que os macro-concertos do Monte do Gozo non son cultura subvencionada? O que acontece é que a Xunta gasta o orzamento en artistas que veñen de fóra”. Aos Ruxe xa lles cansa dar sempre os mesmos titulares, pero Vituco recoñece que, tristemente, son certas cantilenas as que non cambian. “Chamáronnos para tocar en Euskadi, en Italia, mesmo nas Azores, pero nunca do concello no que estamos empadroados, no que pagamos os nosos impostos. É máis interesante traer a grupos de pop madrileños, que soan nos 40 Principales, porque son
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.