_
_
_
_

O artista que nunca deixou de buscar

O falecemento de Leopoldo Nóvoa fai emerxer a figura dun creador fundamental para achegarse á arte galega da segunda metade do século XX

O pintor pontevedrés Leopoldo Nóvoa na súa casa de Armenteira.
O pintor pontevedrés Leopoldo Nóvoa na súa casa de Armenteira.XURXO LOBATO

Falar de Leopoldo Nóvoa como unha figura única e irrepetible pode parecer un tópico, e máis cando o protagonista acaba de falecer, pero no seu caso o tópico convértese en realidade. A súa figura non ten a relevancia pública que merece, pero os expertos coinciden en sinalar que a importancia da súa obra non fará máis que medrar co transcurso do tempo. Para algúns foi o auténtico primeiro artista contemporáneo galego, aínda que, coma lles ocorreu a moitos despois da Guerra Civil, pasou boa parte da vida fóra do país. Deu os primeros pasos no terreo da arte en Uruguai e Arxentina e, posteriormente, volveu emigrar para establecerse en París, cidade onde se reinventou como artista para mudar nun referente do informalismo pictórico da Península Ibérica.

Nóvoa foi un pintor ao seu xeito, porque a escultura está moi presente nos seus lenzos. Ademais, deixou obra pública realizada en lugares tan dispares coma Montevideo, A Coruña e Seúl. O acontecido co mural que realizou na zona coruñesa de Santa Margarida é un sinal do trato que ás veces Galicia dá aos seus fillos máis notorios. A alguén se lle ocorreu que aquilo non era unha obra importante e construíu un viaduto que esganou o mural. Quizais algún día, se a crise e o sentido común o permiten, se corrixa a desfeita.

Máis alá da importancia da obra artística de Nóvoa, os avatares da súa traxectoria descobren un home que sempre estivo na procura de algo. No terreo persoal e no artístico elixiu sempre o camiño máis difícil e nunca se conformou co que tiña. Fillo dun diplomático uruguaio e de madre galega, pasou os seus primeiros anos de vida entre Galicia, Arxentina e Uruguai. Neste último país comezou os estudios de arquitectura e coñeceu ao pintor Joaquín Torres García, un artista que influíu moito na súa identidade artística.

En 1953 realiza a súa primeira exposición en Buenos Aires da man de Luis Seoane e a mediados da década dos sesenta toma unha decisión clave para o seu futuro: trasládase a París onde afronta un período de transformación artística e acaba converténdose nun creador cunha linguaxe contemporánea plena. Nos anos setenta volve a Galicia e a partir dese momento alterna a súa residencia entre París e Armenteira.

Na década dos oitenta ve como os mozos de Atlántica dan un paso máis na integración de Galicia no universo contemporáneo das artes plásticas. El xa o fixera había moito tempo, pero apoia a uns mozos nos que ve o mesmo espírito transgresor que o alentara. Nos últimos anos da súa vida destaca o traballo realizado como gravador. Ilustra libros coma Alén, que contén os poemas galegos de José Angel Valente. Traballa ata os últimos meses da súa vida malia as limitacións físicas que lle supuxeron as operacións de cadeira que sufríu. A súa muller, Susana, que permaneceu ao seu lado ata o último momento, traerá as cinzas do artista a Galicia para cumprir o desexo de que os seus restos descansen aquí.

Para a catedrática de Historia da Arte, María Luisa Sobrino, Nóvoa foi un dos creadores que enlazou cos artistas galegos que xa comezarán a renovar a arte galega nos tempos previos á Guerra Civil. Destaca que comezou traballando coma escultor e iso sempre quedou na súa obra pictórica, na que atopamos con moita frecuencia materiais incorporados ao lenzo. Para Sobrino, unha das cousas que máis chaman a atención nos cadros de Nóvoa é a economía de medios e o dominio do espazo. “Hai algúns anos organizamos unha mostra na que se exhibía a súa obra xunto a doutros pintores abstractos coma Molezún ou Labra pero. A diferenza deles, Nóvoa afástase da liña do expresionismo abstracto e do construtivismo e incorpora a poesía na súa pintura”, indica a catedrática, quen apunta tamén que o artista pontevedrés pode ser considerado coma o primeiro creador galego cunha linguaxe plenamente contemporánea. “Quizais non é tan popular coma outros, pero no mundo da arte é moi valorado e as súas obras tiveron e teñen moito éxito”, indica Sobrino.

Traballa ata os últimos meses da súa vida malia as limitacións físicas

O crítico Alberto González Alegre apunta a que unha das características que marcaron a obra de Nóvoa foi o seu respeto polo cadro. “A diferenza de Lucio Fontana, co que se compara a miúdo, el nunca actúa sobre o cadro con violencia, introduce tensións no lenzo, pero o fai dende a parte de atrás do mesmo. Esa é unha das cousas nas que Leopoldo foi único”, indica González Alegre, quen cualifica a Nóvoa coma mestre no uso da cor branca e destaca tamén a coidadosa produción de gravados que deixou. O crítico alude con tristeza ao episodio da construción do viaduto en A Coruña, que afectou a parte do mural de Nóvoa e lembra que a desfeita saíu adiante polas presións políticas existentes, malia que houbo un movemento de intelectuais que tratou de impedilo.

A directora da galería barcelonesa Raiña Lupa, Rocío Santa Cruz, que traballou nos últimos anos con Nóvoa na ilustración de varios libros, destaca o seu afán perfeccionista e pon coma exemplo o traballo para a edición de Alén, o libro que contén os poemas galegos de Valente. “Nóvoa era un gran lector e tiña un gran interese en facer as ilustracións para os poemas de Valente. A morte do escritor impediu facelo cando él vivía pero retomamos o proxecto e puido facerse”, indica Santa Cruz. Seguramente o tempo acabará poñendo nun lugar de privilexio a un dos creadores que souberon construír unha das obras máis importantes da arte galega da segunda metade do século XX. O octoxenario que un podía atopar na apertura dunha mostra nunha pequena galería de Santiago ou que gozaba xogando ao xadrez con amigos coma o escultor Silverio Rivas na súa casa de París merece, sen dúbida, ese recoñecemento.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_