A vara para medir a Anxo Lorenzo
Roberto Varela foise entre eloxios do mundo da cultura, malia que o sector fica tocado polas débedas, sen peso político e con asuntos estratéxicos pendentes
Roberto Varela, ao final, gañou a partida dos adxectivos. “Ensimesmada” e “acomplexada” valéronlle unha disputa pública cun amplo sector da así cualificada cultura galega. Once premios nacionais propuxeron daquela cobrar a ofensa coa súa demisión inmediata. Pero iso foi hai dous anos. Hoxe o exconselleiro apaña calificativos ben distintos entre quen foran os seus interlocutores: próximo, dialogante, ben intencionado, comprensivo, cordial... Dá igual o sector, a opinión parece unánime. Vese que o embaixador tirou do seu oficio, a empatía. As políticas son outra cousa.
Dos compromisos que o exconselleiro de Cultura levou ao Parlamento na súa primeira comparecencia, en xuño de 2009, só deu cumprido tres: rebautizar a biblioteca do Gaiás para que non fose nacional, deixar inacabado o complexo e poñer a dieta os orzamentos da consellería. “Acabouse esa idea da Administración como caixa pagadora”, díxolles aos deputados. E tanto. Aí están as empresas do teatro e a música a reclamar, como “prioridade absoluta”, que a Xunta lles liquide as facturas pendentes.
Varela prometeu na Cámara que a lei de bibliotecas se aprobaría en 2010, no Ano do Libro, e aínda segue en tramitación, como a de patrimonio. Axitou a bandeira da proxección internacional e hoxe a Xunta acode a menos feiras do libro ca antes. Dixo que habería unha biblioteca do Estado en cada cidade con máis de 75.000 habitantes, e Vigo, que supera os 300.000, segue pendente. Mesmo o “bilingüismo integrador” que cuñou aquel día no Hórreo acabou convertido en motivo de escarnio por culpa dun tradutor automático. Desván de los Monjes foi un hit en Youtube.
O gasto público en cultura caeu máis do dobre que o presuposto da Xunta
Cando avanzou que o Centro Dramático Galego (CDG) ía ter produción propia, cousa que viña sucedendo dende a súa fundación en 1984, algúns empezaron a entender. O conselleiro revelaba a febleza da súa posición no Goberno de Feijóo. Ningún outro membro seguía a súa comparecencia dende o escano. Estreábase nun cargo case accidental con pouco apoio e menos asesoramento. “Víase vir”, arrisca agora o presidente da asociación de actores, Antonio Durán Morris, “que a decisión máis importante no campo da cultura nesta lexislatura ía ser a supresión da consellaría”.
O tropezón resultou profético. “Hoxe o CDG non existe”, di Morris. “A situación é de abandono total. Non coñecemos nin o orzamento nin a programación para este ano, e vemos certa falta de entendemento entre a dirección e a consellería. Deben confiar na potencialidade do sector teatral galego para saír da encrucillada, pero a responsabilidade é súa”. No mellor dos casos, cuns recursos moi minguados, a directora do Centro, Blanca Cendán, sacará adiante este ano a través de coproducións.
A caixa pagadora, como prometía Varela, deixou de funcionar. Sábeo ben o novo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que estes días inicia a rolda de contactos cos distintos sectores tras asumir o cargo procedente de Política Lingüística. A consellería á que pertence, agora Cultura e Educación, acumula facturas sen pagar dende o inicio da lexislatura. Para Joaquín Martínez, á cabeza de Asociación Galega de Eempresas Musicais (AGEM), onde se agrupan as principais promotoras, é a prioridade número un. Para Salvador del Río, presidente da patronal do teatro, Escena Galega, aínda máis. “A situación é calamitosa”, retruca. “As compañías necesitan cobrar xa”.
“A industria necesitaba un home forte no Goberno”, laiase Morris
O gasto público en cultura, segundo o Observatorio da Cultura Galega, caeu un 42,5% entre 2008 e 2011, máis do dobre que os orzamentos xerais da Xunta. “Precisamente porque o contexto é tan adverso”, argumenta Morris, “a industria necesitaba neste momento un home forte na Xunta, alguén con peso específico que pelexase os presupostos, e non foi así. Entre o seu descoñecemento da realidade, o desinterese do Goberno e a crise que lle tocou, estamos como estamos”.
Varela deu varios sinais de fortaleza na consellaría. Primeiro, e contra o parecer do PP, impuxo a elección dos directores do Centro Dramático e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) por concurso público. Actores e compañías considérano aínda hoxe un sistema sensato moi mal executado. “Unha chapuza”, ao ver de Del Río. O outro golpe na mesa foi a creación da Dirección Xeral do Libro, que os editores interpretaron como un sinal de que a unanimidade na aprobación da Lei do Libro en 2006 non quedara en nada. Supoñía, na entreliña, recuperar o carácter “estratéxico” do sector. Tampouco existe xa. Manuel Bragado, presidente da Asociación de Editores (AGE), accede a facer balance cunha advertencia: “Queda só un ano de lexislatura, nada vai cambiar. A desaparición da consellaría evidencia a nosa perda de peso político, a pesar de que as industrias culturais merecen unha atención específica e hai un mandato estatutario que cumprir. Vai ser moi difícil que se celebre o Congreso do Libro Galego, un compromiso de Varela, pero esperamos que se respecten os pactos de mínimos na compra de libros para bibliotecas e a proxección exterior, en constante retroceso”.
O escenario que se atopan os novos xestores da cultura, en efecto, está revolto. As ferramentas tamén son máis pobres. “Volvemos ás estruturas da preautonomía”, resume o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias. “É gravísimo que non haxa un responsable da política cultural sentado na mesa do Goberno, cando ademais o sector achega o 2% do PIB. Galicia sen cultura é como un corpo sen cabeza”.
O agravio comparativo
Ao presidente da asociación de actores non se lle escapa que o concerto de Björk no Gaiás podería custar tanto como a actividade do Centro Dramático Galego en 2012. Antonio Durán Morris ve un "agravio comparativo" en manter un complexo que custa arredor de 1,7 millóns anuais, sen contar a programación, mentres os seus compañeiros de oficio “pensan na emigración”.
A Cidade da Cultura foi a obsesión de Roberto Varela, até que tivo que parar. Ningún outro asunto lle fixo sombra. Nin sequera o Ano da Música, ao que se lle dedicaron seis millóns de euros. “A idea era boa, pero non se fixo ben”, resume Joaquín Martínez, promotor musical e presidente de AGEM. “Podería ter sido o buque insignia e acabou sendo un ano peor que os anteriores para as empresas”.
Na consellería hai quen pensa que 2012 debería ser o ano da danza, pero no cine reclaman tamén a súa quenda. Varela eliminou a Axencia Audiovisual, dicía entón, para reunir todas as competencias nun reforzado consorcio que hoxe depende sobre todo de Presidencia. Un síntoma: a súa web está sen actualizar dende o 27 de xullo de 2011.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.