_
_
_
_
_
Reportaje:ROLDA DAS LETRAS | Luces

Darlle a volta á identidade

Narracións que cosen memoria colectiva e individual

Visto o acontecido, se cadra temos que pensar que non é casualidade a aparición de Á beira de Beiras, unha homenaxe ao político co gallo do seu 75 aniversario, e X un común denominador. A esquerda da nación de Martiño Noriega, libro este de aparencia moito máis modesta pero tamén de maior interese para o común da cidadanía. Sen ousar concluír que os libros formen parte dunha estratexia de proxección mediática (absolutamente lexítima, por outra banda), e estando disposta a aceptar que os andeis das librerías sexan espello dos intereses da sociedade, esa sintonía entre actualidade editorial e política é unha boa nova, síntoma do dinamismo do mundo do libro galego.

Ás veces teño a sensación, e o temor, de que a crise exerza tamén un efecto paralizante na creatividade, que a falta de expectativas de publicación inhiba as ansias escriturais. Só así se pode entender a relativa abundancia de colectáneas de artigos de prensa que, perdido o vencello coa actualidade que os inspirou, teñen un interese relativo. E empeza a enxurrada de obras sobre Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro, con achegas desiguais. Polo de agora, congratulámonos da recuperación de Valentín Paz Andrade. A memoria do século XX, un extenso libro de conversas entre o empresario e Tucho Calvo publicado en 1998 por Ediciós do Castro e felizmente recuperado por Biblos.

E as mulleres seguimos na loita teimuda por visibilizarnos con dúas contribucións fundamentais, de distinto carácter. Aurora Marco segue a alumear a memoria oculta da guerra, agora con Mulleres na guerrilla antifranquista galega, e a Asociación de Mulleres Progresistas, con Baía Edicións, recolle en Obras breves de imaxinación os relatos premiados entre 2007 e 20011 no concurso literario de dita asociación. Non sabemos se a crise permitirá que sobrevivan iniciativas coma esa, pero si estou certa da súa utilidade para estimular a escrita de mulleres. É nesas canteiras nas que se forman as escritoras de mañá, e non está mal lembrar que foi nese concurso no que se deu a coñecer como narradora unha voz hoxe consolidada, a de María Reimóndez, que o gañaría en 2003 (cando aínda era un premio de novela, non de relato) con O caderno de bitácora.

Vigo segue a ser fonte de inspiración de novas interpretacións da nosa historia recente, e é boa cousa, tan necesitados como andamos de erguer a autoestima, que descubramos na nosa memoria que somos algo máis que o cemiterio do león de Vilalba. Se Emilio Alonso en Vigo a 80 revolucións por minuto dá argumentos que amosan o protagonismo da cidade na incorporación de Galicia ao discurso da posmodernidade, o libro de fotos Vigo, a explosión dos 80 de Víctor de las Heras revélanos outras caras desa década, como a proletaria ou a futboleira, se cadra menos epatantes pero imprescindibles para completar a imaxe dunha urbe convulsa que ás veces se asemellaba a Beirut (e róubolle a feliz imaxe a Fran Alonso).

- Narrativa nutricia. A endeita natalicia de novidades narrativas dá para moito mougar, sobre todo pola extensión e a ambición literaria de varias. Entre as traducións, quedo con A desaparición de Esme Lennox de Maggie O'Farrell, unha novela que proporciona intres deliciosos na súa lectura, malia o dura que poida resultar a historia, e a importancia das cuestións que suscita. En todo caso, é notable a reflexión que inspira sobre a memoria, a súa condición e o papel que xoga (ou non) niso que adoito se coñece como identidade individual. A novela semella un bo exemplo dun certo esvarar que se está a producir na literatura no tratamento da memoria, do colectivo ao individual, do histórico ao persoal.

De aí que non resultase nada sorprendente que ese sexa un dos piares sobre os que Antón Riveiro Colleo ergue as máis de 700 páxinas de Laura no deserto. Levaba ben tempo o escritor sen publicar (dende 2007), o que nos facía sospeitar que debía andar a argallar algún proxecto de envergadura. E abofé que este o é. Artellada en catro partes entre 1920 e finais do século XX, o relato lévanos da dinámica Barcelona de preguerra á dura cotidianidade do Madrid de posguerra, pasando por Brooklyn e polos campos de concentración franceses e nazis, por Compostela e pola Pobra, vila á que Riveiro rende unha entusiástica homenaxe que ás veces atranca un chisco o relato, por exceso de información histórica pouco pertinente para o desenvolvemento. Novela polifónica, é mágoa que as voces que escoitamos se asemellen en exceso, pois iso vai en detrimento dunha lectura menos lineal da que o texto acaba por suscitar.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Laura no deserto artéllase arredor da resolución de varios misterios, pero todos eles teñen en común a cuestión da identidade, oculta nos pregues da memoria, esa traizoeira. Que a memoria individual de Laura, ou de Diana, ou as ferintes lembranzas que abouran a Bernie, conflúan inevitablemente coa historia e coa memoria colectiva que elaboramos, é un factor que engade interese á narración. E por iso suxería eu que é posible que este cambio de enfoque no tratamento do tema sexa menos casual do que a simple vista podería parecer. Que algún dos best-sellers internacionais dos últimos meses aborde tamén a cuestión de memoria e identidade é un dato máis a ter en conta para a análise do novo rumbo que está a coller unha das liñas literarias máis fértiles nas últimas décadas.

Outro que tamén se facía de rogar era Bieito Iglesias, quen retorna cos Contos da terra da tarde. Vaia por diante que este é un libro para públicos esixentes, deses que gozan da literatura a modo, grolo a grolo, coma se dun viño se tratase. Pouca xente escribe xa como Bieito iglesias (aínda que ten digno discípulo en Ameixeiras): enfrontarnos coa súa prosa é enfrontarnos co cerne do idioma e cun alter ego lingüístico, que deslexitima de vez o noso galego incoloro, inodoro e insípido. Esa lectura é unha poderosa experiencia, non só filolóxica, senón literaria, pois o libro turra de nós, acósanos, arrástranos e déixanos un tantiño exhaustos e cunha grata sensación nutricia.

E como non todo van ser méritos lingüísticos, que esa é adaxe utilizada pola crítica cando non arrisca unha opinión, nestes Contos hai material para diversos estados de ánimo: historias que fan agromar o sorriso, outras estarrecedoras, que moven á reflexión ou á saudade... pero por tras de todas elas estamos nós, ou o que Cunqueiro chamaba "o segredo do ser galego", a nosa andamiaxe colectiva, e o xeito singular que temos de situármonos perante os desafíos do noso tempo. Facer iso sen caer en pseudoenxebrismos nin prosmeiradas, e facelo en diálogo coa tradición literaria occidental e dende unha concepción aberta e cosmopolita do que é a cultura, é mérito que poucos poden acadar. Abofé que Igleisas o consigue, sen aburrirnos nin un intre e emocionándonos moitos.

- Variado menú poético. En poesía atopamos un menú ben variado. Por cinguírmonos á última endeita de Espiral Maior, benvido Leopardo son de Pilar Pallarés, e non só polas escasas ocasións que temos de escoitar a súa voz, senón pola profundidade nutricia da súa poesía no gume da tensión entre vida e escrita, entre corpo e esprito, e que nos confronta coa brutal honestidade dun eu lírico que nos demanda se as súas palabras son "só literatura, vida adelgazada ou non-vida". Ante unha cuestión así, non cabe lectura inocente. Tampouco é Marta Dacosta unha autora que se prodigue. Acuática alma é un poemario de madurez, sobrio na forma e contido no fondo, un chamamento á autenticidade que non esquece o diálogo cos mitos pero tampouco coa memoria dos cadavres das cunetas, que non renuncia á reflexión metaliteraria mais tampouco elude a cotidianeidade.

Ben distintos ambos, en todo caso, de MazinGZ de Calros Solla, un poemario non apto para maiores de 50 aproximadamente, pois todo el constrúese arredor da figura de Mazinger Z, un personaxe manga que protagonizou unha serie de animación televisiva emitida en España con moitísimo éxito entre a rapazada alá por 1978, aínda que nos noventa sería recuperada por algunha canle privada mais sen pena nin gloria. Pero MazingerZ forma parte da mitoloxía dunha xeración e Solla válese dese autómata para construír versos apócrifos atribuídos a Koyi Kabuto, piloto de Mazinger. A poderosa imaxinería tecnolóxica válelle a Solla para artellar unha serie de episodios sobre os riscos da civilización maquinista. E non deixa de ser significativo que tamén un dos poemas de Fornelos&Fornelos de Xerardo Quintiá leve por título Mazinguer Z coroado de chorimas. Claro que Solla é de 1971 e Quintiá de 1970. U-los heroes desta xeración?

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_