Selecciona Edición
Entra en EL PAÍS
Conéctate ¿No estás registrado? Crea tu cuenta Suscríbete
Selecciona Edición
Tamaño letra
Entrevista:DIONÍSIO PEREIRA | Historiador e economista | Luces

"Aínda queda franquismo dabondo e determínanos politicamente"

O Mar dos Galegos "dende e para a memoria dos vencidos". Dende a perspectiva dos que traballaron nel, quizais tamén porque a patronal sempre tivo quen lle escribira. Á marxe da épica mariñeira na doce visión interclasista, Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), recén publicado en Xerais, é a achega definitiva de Dionísio Pereira (A Coruña, 1953) á reconstrución da historia marítima do país.

Pregunta. Que estereotipos cumpría revisar?

Resposta. Está dito. Que neste país houbo e hai rebeldes.

P. O da loita de clases non lle gustaría a García de Cortázar.

R. Non o coñezo (ri). Cada un escolle o seu camiño.

P. Tras unha folga no Berbés, en 1899, 600 pescantinas fundan a primeira sociedade de resistencia e a patronal despídeas, endurece o destajo e prohíbelles cantar. Que se pedía daquela?

"As listaxes de armadores afiliados á Falanxe tras o 36 dino todo"

"Houbo 75 fugas por mar e dúas delas, en Ferrol, coa guerra xa rematada"

R. As reivindicacións da pesca industrial, de arrastre, basicamente son as mesmas desde finais do século XIX ata o 36. É dicir, descanso, mellor retribución dos labores e unha retribución efectiva dos traballos en terra. Había que carrexar o carbón, a auga para as caldeiras de vapor, encascar as redes... Chegabas a porto logo de varios días no mar e tiñas que traballar.

P. A nova tecnoloxía pesqueira e o entrismo da patronal retrasaron o asociacionismo de clase?

R. O movemento obreiro en terra empeza a afianzarse en Galicia arredor de 1870, e no mar a fins do XIX. Os primeiros militantes que conforman as sociedades mariñeiras son de terra e socialistas, en Vigo e nas Rías Baixas, nas pescantinas e nos arrastreiros; na Coruña os pioneiros son libertarios. Se cadra hai quen pense que me centro moito na CNT, e non é así.

P. A metade dos membros da Federación Nacional de Industria Pesquera da CNT en 1936 eran galegos.

R. A capacidade organizativa dos pescadores anarcosindicalistas galegos é recoñecida. O que non quere dicir que a militancia socialista non fose sobranceira. Aqueles socialistas de terra teñen un importante papel, sobre todo nas Rías Baixas, na época das primeiras sociedades de resistencia e tamén das mixtas, de patróns e mariñeiros. Os seus compañeiros de Euskadi, por exemplo, nunca consideraron proletarios aos mariñeiros de baixura. Como non cobraban xornal, senón por partillas, para eles eran propietarios cooperativistas. Pero se alí aplicaban o ríxido esquema marxista "proletario-non proletario", aquí non. No mar, os socialistas galegos tiveron a visión ampla de pensar: estes non son proletarios en sentido estrito, pero son oprimidos.

P. Aí foron moi libertarios.

R. É que os libertarios non se facían esas preguntas retóricas: "Se se sente oprimido, é que é oprimido". Esa decisión significou un beneficio no achegamento ás ideas de esquerda por parte das primeiras sociedades mariñeiras mixtas, xurdidas na época da pelexa entre o xeito da sardiña e a traíña, a chamada "guerra das traíñas". Incluso na II República, os sindicatos de clase afiliados á CNT conservaron unha minoría socialista.

P. Inclúe a historia dos galegos de Trintxerpe, no porto gipuzcoano de Pasaia. Pouco antes do golpe, mobilizaron a flota sen permiso dos armadores. Estaba documentada?

R. O que hai é o que está agora escrito, pero pódese traballar moito máis. Eu o de Pasaia céntroo nos galegos, quería dar fe desa comunidade, con sinais de identidade contrapostos aos que se nos apoñen aos galegos, bestas de carga en Lisboa ou Madrid, tendeiros en Bos Aires... Aquí son os proletarios, os rabudos, os rebeldes e os roxos.

P. En que medida encirraron a represión armadores e propietarios de fábricas?

R. É difícil xeralizar, pero as listaxes non exhaustivas de 150 armadores, conserveiros, exportadores de Pontevedra vencellados á Falange tras o 18 de xullo, din todo. A súa intervención como instigadores das represalias contra os mariñeiros, nas Rías Baixas, está documentada. Na Coruña, sen discutir que a patronal colaborou co rexime, hai menos constancia documental.

P. No caso de José Fernández, comandante Sotomayor, fundador do PSOE na Pobra e logo no PCE, cita a armadores apelidados "B.". Prevención?

R. Aínda hoxe, o persoal que quere escribir está ameazado se dá nomes. Pero no limiar de Jesús Pérez Besada á reedición de Yo robé el Santa María, as memorias de José Fernández, está escrito "J. B.". Alí todo o mundo sabe quen é. Outros armadores de Bouzas adicábanse a ir a San Simón a sinalar traballadores. Que a patronal das Rías Baixas se implicou nas represalias é unha verdade histórica.

P. Como a presenza en Marín do nazi Bruno Schweitzer, adestrador de falanxistas.

R. Era do Partido Nazi, pero sabemos pouco del. O tal Bruno tamén xoga un papel esencial na represión no Morrazo. Está escrito en Nacidas, as memorias do mariñeiro Luís Pérez Álvarez, como no local da Seara, hoxe local dos vellos, a sede da CNT en Moaña que el construíra, se constituíu un tribunal paralelo con patronal e armadores que decidía sobre a vida e a morte. Contou coa presenza de Bastarreche, xefe da base naval de Marín. Aí hai unha conxunción entre militares, patronal e falanxistas que é case paradigma. Estamos falando de Moaña, na altura o principal porto sardiñeiro de Galicia. Os principais cadros sindicais daquela flotiña mariñeira foron asasinados, fondeados na ría e non apareceron máis: José Paz Pena, os irmáns Cancelas ou Cándido Giráldez.

P. Dous días despois do 18 de xullo, os mariñeiros aínda paralizan a saída dos barcos e as camionetas do peixe.

R. En Bueu ou Cariño, os mariñeiros desembarcan e collen as armas para ir a Pontevedra ou Coruña. Nos portos non había armas, pero a folga xeral dura ata a segunda semana de agosto en Vigo e na Coruña. Canto ás represalias, foi tremendo. Cun diferencial: en Vigo-Bouzas hai unha masacre de mariñeiros confederais xa nos primeiros momentos e descabezan a CNT. Na Coruña é menos radical, e a min dáme a sensación de que alí, con cadros tan preparados como Manuel Montes, nos últimos días da República hai xente que sabe que algo vai pasar. Deduzo que prevén a situación para resistir na clandestinidade. En Vigo non. Cázanos como coellos.

P. O das evasións por mar é o que se di unha epopea colectiva.

R. É que se os collen, mátanos. E arriscando a vida, son quen de organizar, só na Coruña, 22 fugas por mar desde o 22 de xullo do 36 ata o limiar do 39. Falamos de 75 fugas en Galiza, e dúas delas, en Ferrol, coa guerra rematada. Esas fugas acontecen no 40% dos portos. Detrás desas fugas a maioría das veces está a CNT, coa diferenza de que na Coruña se manteñen no tempo. Falamos dun episodio heroico, esa é a resistencia. Extraordinaria, e só se dá en Galicia.

P. Cal é o papel diferencial en Europa do Estado español?

R. En España a xestión dos asuntos marítimos levárona os militares, agás durante a II República, onde a administración foi civil. Nos corenta era fodido facer unha folga en Barreras, pero non te levaban preso por sedición. Se a facías nun barco, si. Pero é que eu coñecín xente que fixo folgas en 1981 en Huelva, nos conxeladores, e aplicábanlles a mesma lexislación ca no franquismo, porque a lexislación no mar non se fixo civil ata 1992.

P. Tras a derrota do bipartito dixo que era "agora" cando se tiñan que facer visibles os colectivos pola memoria. Que se pode facer agora?

R. Hai moito que falar sobre iso. Cómpre detectar o que de franquismo queda, e queda dabondo, e que nos está determinando social, económica e politicamente no Estado español. Ese debería ser o obxectivo. E o primeiro polo que tiñamos que empezar é por eliminar a impunidade dos crimes franquistas, derrogando a Lei de Amnistía de 1977. Comecemos por aí.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 1 de abril de 2011