_
_
_
_
Luces

Quince poetas homenaxean ao pintor Luis Caruncho

Entre Dores Tembrás (Bergondiño, 1979) e Cesáreo Sánchez Iglesias (O Irixo, 1951) e outros 14 poetas existiu onte, alén do idioma que empregan no seu traballo, un elo común: a pintura de Luis Caruncho. Ao artista coruñés, nado en 1929, renderon homenaxe no Pazo Municipal da Coruña escritores de idade diversa, convocados por Xavier Seoane, amais de autor de poemas crítico de arte. "Queremos homenaxear a un artista galego significativo", expuxo Seoane.

A obra de Caruncho, a dicir do promotor do acto entre "os máis interesantes construtivistas españois", xa a revisara unha ampla retrospectiva no Centro Galego das Artes Contemporáneas. Foi en 2004 e serviu para condesnar o heteroxéneo e extenso traballo do pintor. "Asimilou a rica tradición do cubismo, dos poscubismos, dos plurais construtivismos internacionais ou das vangardas abstractas de carácter xeométrico", escribiu Xavier Seoane na nota de convite ao acto, "poderíase contar entre os membros máis destacados da vangarda construtivista".

Pero o tributo dos poetas a Caruncho non se debe unicamente aos lenzos do artista. "Nos setenta dirixiu a galería Giannini [en referencia ao arquitecto italiano que, no século XVIII, dirixiu a remodelación da Torre de Hércules] na Coruña", lembrou Seoane, "que foi moi importante nun tempo non vou dicir sórdido, pero si penoso". A difusión da arte contemporánea na escuridade da última ditadura foi obxectivo central daquel estabelecemento.

Os días de Madrid

Anos logo, Caruncho arribaría en Madrid. Foi para colaborar na política cultural do concello madrileño en que era alcalde Enrique Tierno Galván. Púxose á fronte do centro cultural Conde Duque, onde organizou unha das primeiras mostras antolóxicas de Reimundo Patiño e ofreceu espazo para a pintura de autores galegos como Alberto Datas, Lago Rivera ou o propio Luís Seoane. Tamén foi impulsor, outra vez na Coruña, do Museo Unión Fenosa. Na actualidade, Caruncho traballa e reside en Madrid.

Con Dores Tembrás, Cesáreo Sánchez Iglesias e o propio Seoane, recitaron Lino Braxe, Miguelanxo Fernán Vello, Yolanda Castaño, Olga Patiño, Emma Pedreira, Ánxeles Penas, Henrique Rabunhal, Rivadulla Corcón, Manuel Rivas, Xulio López Valcárcel, Eva Veiga e Fidel Vidal.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_