A imparábel forza do cómic galego
Poucas veces na historia do cómic deste país se deu unha concetración tan brillante e importante de autores como a que está a vivir Galicia nesta primeira década do século XXI. A forza e identidade propia do colectivo que protagonizará o vindeiro Saló del Còmic de Barcelona como comunidade convidada só é comparábel á da xeración de autores valencianos que, hai xa case 30 anos, formara a denominada Nueva Escuela Valenciana. Hoxe, o Mediterráneo deixou lugar ao Atlántico como centro de efervescencia creativa da historieta, e os autores galegos son parte fundamental da forte consideración que a historieta parece estar a recuperar na sociedade. Un éxito que non nace dunha afortunada coincidencia, senón dun continuo e activo labor de implicación constante na promoción e defensa da historieta galega.
Durante moito tempo, falar de cómic en España será falar de cómic galego
Xa dende finais da década dos anos 80 e comezos da seguinte, artellouse un importante movemento de autores mozos que recollía o exemplo de precursores como Miguelanxo Prado, Suso Peña, Xaquín Marín ou Das Pastoras. Colectivos como Frente Comixario, co sempre inquedo Carlos Portela ou Fran Bueno, sentan os alicerces dunha manifestación grupal de interese pola historieta que terá un pulo definitivo co núcleo de encontro que supuxo a celebración das Xornadas de Ourense dende 1994. Ilusión e actividade incesante que catapultaría a súa progresión grazas ao festival Viñetas desde O Atlántico na Coruña e a revista Golfiño, fitos fundamentais durante a década dos 90 que mudarán, sen dúbida, no caldo de cultivo perfecto para a aparición de dous colectivos que aglutinarían unha xeración de autores imprescindíbeis: BD Banda e Polaquia.
Animados por Kiko da Silva, Kike Benlloch ou David Rubín, souberon fornecer dun lugar común de formación e promoción a autores mozos, apostando pola necesaria edición (con dúas excepcionais que toman o nome dos seus colectivos) e pola dinamización arredor da historieta, mais sen renunciar á colaboración dos seus predecesores. Unha decisión sorprendente que permitiu a convivencia de varias xeracións de autores de xeito activo: Miguelanxo Prado, Fran Bueno, Fernando Iglesias, Víctor Rivas, Norberto Fernández ou Carlos Portela xúntanse nas mesmas páxinas con Kiko da Silva, David Rubín, Jacobo Fernández, Martín Romero, Diego Blanco, Brais Rodríguez, Alberto Guitián, Jano, Miguel Porto, Víctor Rivas, Emma Ríos, Manel Cráneo ou Alberto Vázquez; facendo un rápido repaso, con seguridade incompleto, a un retrato transxeracional que cimenta unha "argallada galega do cómic" imparábel. E sempre dende o compromiso coa lingua propia, demostrando que facer cómic en galego non só non impediu que as obras se coñezan fóra de Galicia, senón que ademais non foi obstáculo para que recibisen o apoio de prestixiosos premios como os do Saló del Còmic de Barcelona. Grupos que contaron, amais, coa sensibilidade das administracións, que comprenderon que non se podía deixar de lado o impoñente capital artístico e humano da historieta galega, apoiando con iniciativas tan interesantes como o protagonismo da historieta dentro do portal culturagalega.org, con ampla información sobre autores, obras e actualidade. Un esteo de fomento e difusión sociocultural que ficaría coxo sen a precisa promoción industrial, vehiculada a través da organización de misións ás principais feiras europeas da banda deseñada, libro e ilustración para dar a coñecer os autores galegos. Iniciativas coherentes dentro das posibilidades das institucións, sorprendentes para aqueles que viven noutras comunidades onde o esquecemento do cómic é xa de séculos, máis que para funcionaren deben atopar eco nunha industria deprimida (ou deprimente, segundo a perspectiva).
Afortunadamente, ese eco chegou. Tanto dende a industria autóctona, coa aparición de editoriais galegas que souberon transformar a ilusión vocacional dos autores nun pulo de profesionalización, como polo éxito de autores como Rubín, Ríos ou Cons, que seguiron o camiño marcado polos Moscoso, Prado, Peña ou Das Pastoras para triunfaren en España e comezaren a se abrir paso nas mecas da historieta: Francia ou Estados Unidos. Sempre sen esquecer a necesidade de defenderen os autores máis mozos, de aproveitaren o seu éxito como trampolín para aqueles que están a comezar, demostrando ter ben aprendida a lección diaria que Prado ensinou dende o seu infatigábel labor de defensa da historieta e afianzando a envexábel identidade de grupo que posúe a historieta galega.
Autores, grupos, obras e feitos que conseguiron que, hoxe e seguro que durante moito tempo, falar de banda deseñada en España signifique falar de banda deseñada galega.
Tradución de D. S.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.