_
_
_
_
_
Reportaje:DO TRINQUE | LUCES

Etiquetas, música e tendencias

Meu, Fanny & Alexander, Prap's, Miki Nervio & The Bluesmakers, Roger de Flor e Manuel Carballo estrean disco en outubro

O novo traballo dos coruñeses Meu, Did you hear?, no selo barcelonés Rock On!, saíu onte á venda en España, Bélxica e Alemaña. A editora Clippers conta movelo tamén en Francia. Os 12 temas novos inclúen máis medios tempos ca What?s up, o disco debú, "máis rollo Wilco, un pouco máis de power pop e algo de reggae", di Nacho Mora (voz).

A banda, onde forman antigos membros de Deluxe, Elephant Band, Ultracuerpos e Thee Virus (os primeiros que fixeron versións de Arthur Lee despois da Mujer de Germán Coppini), non lle dá moita importancia á proxección internacional nin á propia estrañeza á hora de emparentar con alguén no panorama estatal. "Cando hai melodía todo é pop", resume Mora, un pouco farto do batoallo de grupos "que responden a tendencias de moda". "Da onda post-punk hai un millón, pero falta un pouco de variedade", di o cantante, "buscar un pouco o que cadaquén pode aportar". A "veteranía", sinala, axudounos a descrer de Franz Ferdinand e outras mesturas mediáticas que veñen e van.

Outra das novidades destacables do mes é unha investigación pop. Finais dos 70s, comezos dos 80s, segundo traballo do dúo compostelán Fanny & Alexander, estará dispoñible nas tendas a partir do 29 de outubro, distribuído por Lonxa Cultural, e de balde na Regueifa Plataforma. A súa idea é "estender os límites do pop galego mediante a mestura desacomplexada de estilos, tradicións e sensibilidades". Prometen desde pop electrónico (María Silenzo, Funcionaria ou estudante) ou nova onda (Danzarei para ti... Se botas outra moeda) a experimentos estilísticos como Postpunkdeirada, con letras adaptadas da poesía galega (de Carvalho Calero ao poeta ourensán Minus Bálido). Carlos Valcárcel (Projecto Mourente), que non tardará en sacar disco, será un dos convidados no concerto presentación, o 2 de novembro na compostelá Sala Nasa, dos discos de Fanny & Alexander e The Homens.

Outros traballos que saen na Regueifa este mes: Canciones de amor y retranca, a faceta crooner do ferrolán Rogelio Arias (Bang 74), que aquí asina coma o templario Roger de Flor, e O diaño e a mona, do zanfoñista experimental Xurxo Romaní, con versións de Jaco Pastorius ou Joe Zawinul. Con outra perspectiva, a novidade máis entrañable é o novo disco dos ourensáns Prap?s, a banda máis veterana do hardcore galego. O novo disco chámase El fin de los hombres (Fragment Music). Xénero obriga, Prap?s recunca no "abandono da ética pola estética".

Na Fnac coruñesa preséntase o día 26 a autohomenaxe dos coruñeses Miki Nervio & The Bluesmakers, 15 years old blues. O selo Pai Música, que acaba de fichar a Lamatumbá, decidiuse polos históricos -Carlos Childe tamén presenta Cooking melodies o día 27- para inaugurar a súa sección de blues. No selo ourensán Zouma anuncian tamén o debú de Manuel Carballo, On your pillow, un cedé con 11 composicións propias onde ecoan rock sureño e folk-blues. Tamén conta pasar pola Fnac Luar na Lubre. Camiños da fin da terra (Warner), décimo disco do grupo de Bieito Romero, sairá á venda a finais deste mes.

A oferta de concertos do mes semella variada: na viguesa Fábrica de Chocolate, o día 20 volverá a Galiza Roy Loney, membro fundador dos Flamin' Groovies. Na santiaguesa Capitol, o día 29 será unha boa oportunidade para escoitar a Charles Walker á fronte dos Dynamites de Nashville. O seu disco Kaboom é deste ano, mais remite á época na que o soul-funk comezaba a encher auditorios. Ademais de Dulce Pontes (no Pazo da Cultura pontevedrés o día 20), Albert Pla trae El malo de la película, a súa última inversión escénica, a Ferrol (Teatro Jofre, día 27), e Josele Santiago tocará mañá en Monforte. En Ourense, o día 20 na sala La Cripta, haberá un festival de punk-oi! coma os de antes, pero con grupos de agora, entre eles Piorreah e Suburban Rebel. O mesmo día, en Compostela, dentro do ciclo Sons da Diversidade, Santiago Auserón debutará en Galiza coa Original Jazz Orquestra Taller Músics.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Desde outra xeira, dentro do programa de actos do Festival Sinsal de Vigo, o 28 de outubro haberá no Auditorio Caixanova de Vigo folk experimental (David Thomas Broughton), post-rock levantino (Litius) e o delicado jazz-pop dos norteamericanos Sea & Cake, encadrando música de portátil e liñas de bossanova. Máis adiante, o 3 de novembro, o movemento bravú será revisitado outra vez no Castañazo Rock de Chantada. Ademais da recuperación de Los Rastreros, a "exclusiva mundial" será a presentación, no Mogay, do disco homenaxe aos Diplomáticos de Montealto.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_