_
_
_
_
_
Reportaje:LUCES

A Rede impulsa os videopoemas

Artistas de diversos xéneros exploran novas vías a través da lírica audiovisual

A poesía toma novos camiños e atrae a novos creadores. Aproveitando a liberdade creativa que ofrece Internet, artistas que proceden de eidos tan variados como a realización, a escrita ou a interpretación, tratan de explorar novas vías de expresión a partir dos videopoemas, un microxénero que aporta unha alternativa á poesía escrita tradicional. "Os videopoemas son textos moi condensados, vídeos con pequenos textos literarios cos que un se expresa", comenta Lara Bacelo, tamén coñecida na Rede polo seu alter ego Sara Jess. Esta moza realizadora deuse a coñecer a partir do seu blog ocartafoldesilencios, e co seu videopoema Carta de domingo pola tarde, acaba de conseguir o premio do público no certame internacional de videocreación Mívico.

"En tres horas leu máis xente un poema meu que un libro que publiquei en 2003"

"Non teño nada publicado nin me considero poeta, só mesturo a escrita, as imaxes e a Rede como un xeito de poder expresarme", explica esta realizadora de Mos. O seu blog, no que entran arredor de medio cento de persoas ao día, é unha ferramenta no que poder medir as sensacións dos internautas. "A resposta é moi boa, incluso con xente que non le poesía habitualmente e que preguntan se isto é un novo movemento", explica Bacelo, que tomou inicialmente os videopoemas como "unha forma de autoaprendizaxe".

Case ao mesmo tempo que Lara Bacelo, empezou a experimentar cos videopoemas María Lado. Esta poeta da Costa da Morte, que ten publicados tres poemarios e acaba de gañar o premio Avelina Valladares, combina a escrita coa interpretación teatral. "Cheguei aos videopoemas como unha necesidade de poñer a poesía en escea, de que estea máis próxima á dramaturxia e non a esas lecturas con desgana que observaba nalgúns poetas", explica esta creadora, que chegou á mestura de poesía e imaxe a partir do Translittera, un evento multidisciplinar celebrado en Santiago a finais do 2005.

María Lado tamén dá a coñecer as súas creacións desde o seu blog, chamado casatlántica, e que naceu como un xeito de promocionar o seu segundo poemario. "Un blog é unha ferramenta creativa moi boa. Aínda que sexa unha vía minoritaria son moi interesantes os lazos que se establecen, por exemplo, cun poeta mexicano que segue os traballos que fago", explica María Lado. Sen embargo, esta poeta prefire ser prudente co seu achegamento aos videopoemas: "Trato de que as imaxes que evoca a palabra non as desfaga o vídeo, aí está o equilibrio difícil de conxugar".

Entre a escrita e a interpretación móvese tamén Antía Otero, que tiña un poemario publicado antes de achegarse ao mundo da poesía e as imaxes. "Pola miña formación actoral, os videopoemas ofrécenme unha fórmula na que poder combinar a expresión corporal cos meus textos, que creo que están escritos moi cerca das imaxes", explica esta poeta e actriz, que mostra as súas creacións non seu blog esperandoagodot. "O blog é para min unha incrible ferramenta de traballo. Para facerse unha idea, podes colgar un videopoema ás 6 da tarde e ás 9 da noite xa o leu mais xente que o libro que editei en 2003. A repercusión que pode ter é increíble", explica Otero, que nestes momentos está a preparar o seu novo espectáculo, titulado Operatorio, e que se presentará na Sala Nasa de Santiago, o vindeiro mes de novembro.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Fóra das vías de expresión corporal que busca Antía Otero nos videopoemas, da dramaturxia que procura María Lado ou da senda próxima á videocreación na que camiña Lara Bacelo, hai outras liñas como a da publicidade, na que traballa o poeta e actor Manuel Cortés, autor dunha serie de cinco videopoemas que bautizou como Publipoemas. Actor de longa traxectoria co grupo Chévere, e autor do poemario A rutina é o deber de tódalas criaturas, a principios dos anos 90, Cortés formou parte do singular colectivo poético Ronseltz, que tamén experimentou co audiovisual. "Pódese dicir que aquilo era protoaudiovisual, mesturando diapositivas e conceptos de fotonovela", lembra este creador moi interesado na linguaxe publicitaria, de onde tomou a idea para facer con Quique Otero os seus contundentes Publipoemas. "Este traballo xurdiu porque eu estaba a facer un libro sobre poemas que poderían ser spots para televisión. Para min a publicidade é a linguaxe poética actual e os eslogans son case coma haikus", explica Cortés, últimamente mais centrado no seu traballo como actor.

Amparados polas posibilidades que ofrece a Rede, os creadores non paran de explorar os novos camiños que ofrece a poesía mesturada con móbiles, cámaras fotográficas dixitais ou minicámaras de man. A tecnoloxía ponse ao servizo da poesía, pero María Lado non esquece que todo parte dunha base: "Muda o envoltorio, pero hai unha base que segue a sustentar todo: a palabra".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_