Un heroe da clase obreira
A CIA espiou a John Lennon por pacifista. Os fanáticos dos Beatles alcuman a Yoko Ono de bruxa por encirrar o grupo, ata que se esfarelou, mais foi unha boa meiga. Algunhas das mellores cancións que compuxo Lennon viñeron da ruptura e do compromiso. Fixo Imagine, da que se pode dicir sen mexar por fóra que é un auténtico himno de socialismo utópico. Mais escollo, entre outras moitas, tres cancións maxistrais, bandas sonoras que terman dunha vida. Son, para min, Mother, God e Working class hero. O caso é que estaba a ler a información sobre os documentos secretos, agora revelados, nos que se detalla o obsesivo escrutinio, a vixía entomolóxica, a que foi sometido o mito mozo que veu de Liverpool, activo opositor á guerra do Vietnam. Non se me ía da cabeza o retrouso d'O heroe da clase obreira. Hai anos, nunha exposición en Londres, eu vira en manuscrito a letra desa canción. Un poema moderno, duro e preciso, de denuncia sen doutrina. Esa peza fixo que me tomara moi en serio a Lennon.
Quen compoñería hoxe unha canción como esa? A expresión clase obreira xa non se emprega na información, agás nos sitios trotskistas de Internet. Desapareceu, por suposto, dos discursos de economistas e políticos. Mesmo da linguaxe cotiá. Non obstante, escoitas a canción e non resulta nada estraña. Estás a percibila como algo moi próximo.
John Lennon canta Working class hero. Hoxe, 27 de xuño do 2007, o xornal informa da morte de Manuel Amor Deus.
A realidade informativa vennos dada en cachizas. As noticias soen ter a forma desas portas desgonzadas que perderon a casa, o lugar na historia. Mais hai veces en que sucede algo, esperta e ponse en marcha un mecanismo productor de sentido, e a lectura de xornais avanza en vínculos como un movemento do billar.
Alí estaba o heroe da clase obreira. O mozo de Liverpool e o mozo de Ferrol. De que morrestes? De clase obreira. A Manuel matouno o amianto. A Lennon, unha bala. Ou foi ao revés? A última loita de Amor Deus foi contra a corrosión. Non é iso simbólico? Contra a corrosión física (os efectos do amianto en Bazán) e a corrosión de carácter (os defectos da Transición, co esquecemento dos que loitaron contra a dictadura).
O DÍA DE CHUMBO
Escoita. Clase obreira. A que non soa nada mal? Soa distinto. Soa ben. Con clase. Esa estirpe que Claudio Magris atopou nos vellos loitadores obreiros dos barrios vermellos de Viena: encarnaron unha conciencia de xustiza universal. Desa estirpe, os primeiros en dar o peito na España de chumbo do franquismo. E non en calquera lado, senón no lugar máis simbólico, no berce do dictador, na cidade á que se lle prendera o rabo de Su Excelencia.
O 10 de marzo de 1972 foi un día de chumbo. Chumbo nos partes meteorolóxicos, con temporal nos mares de Fisterra. Chumbo nos partes médicos. Máis ameazas de chumbo nos comunicados oficiais. Dous obreiros mortos e máis de cincuenta feridos de bala. En moitos corpos feridos, os orificios de entrada do proxectil eran polas costas. Puido ser unha masacre. E todo porque os obreiros de Bazán, máis de 4.000, non se moveron na explanada do Pilar cando a policía armada do franquismo, os chamados grises, ordenou disolverse. Eles non se quixeron disolver. Curiosa esa palabra aplicada á xente: Disólvanse! Chovía. Un ceo de chumbo. Non. Non se disolveron. Amor Deus e os seus compañeiros estaban espidos fronte ás armas de fogo. Disolverse? Eles tomaban moi en serio as palabras. Ao non disolverse, permanecían enteiros. A protesta obreira de Bazán, a prol dun convenio laboral, transformouse así nunha revolta contra a dictadura. Nun acto de conciencia universal. A fin da humillación.
Vexamos cómo funciona ás veces na información o estraño mecanismo na produción de sentido.
O día 11 de marzo de 1972, La Voz de Galicia, dirixida entón por Francisco Pillado, publica en primeira páxina, na esquina superior dereita, é dicir, como noticia de apertura, o titular: "Dos muertos en un enfrentamiento con la fuerza pública, en Ferrol". No interior, na páxina 14, vai a información co titular xenérico de "Los sucesos de ayer en Ferrol". O parágrafo de entrada di: "Dos muertos y más de 50 heridos, algunos de carácter grave, son el balance de una jornada tensa y dramática que tiene consternada a la población ferrolana". A crónica rexistra deste xeito a morte dos obreiros Amador Rey e Daniel Niebla: "Ingresó en el sanatorio de San Javier, ya cadáver, el trabajador de Bazán, don Amador Rey Rodríguez, de 38 años, casado, padre de 4 hijos, natural de San Mateo Trasancos y vecino de Joane-San Pablo. Presentaba herida por arma de fuego con un solo orificio de entrada y salida, de subclavia de uno a otro costado, atravesando el tórax y perforando el corazón, murió en el acto (...). A La Coruña fue trasladado, ingresando en la Residencia de la Seguridad Social, Daniel Niebla García, de 38 años, casado, ayudante de Bazán, quien sufría heridas muy graves, por arma de fuego, en la cabeza". Ademais de en Ferrol e A Coruña, informase tamén de ingresos de feridos graves e intervencións clínicas en Santiago de Compostela, o que pode dar unha idea da dimensión da traxedia vivida aquel día.
O Goberno Civil emitiu un comunicado no que atribuía os feitos a "células de matiz comunista" promotoras dun "movemento de subversión". En días sucesivos, as comisarías iríanse enchendo de detidos, algúns sometidos a tortura. Non se abriu ningunha investigación xudicial por aqueles sucesos, que non fora para imputar ás víctimas. Manuel Amor Deus tiña 31 anos. Pasaría catro anos encarcerado ata a amnistía do 76. O fillo, de seis anos, morreu atropelado e non lle deron o permiso para asistir ao enterro. Durante dez anos, entre 1978 e 1988, foi secretario xeral das Comisións Obreiras en Galicia. Nunca deixou de loitar. De coñecelo, sería un modelo da vella integridade solidaria para Richard Sennet, o autor dun ensaio imprescindíbel que publicou hai uns anos Anagrama: La corrosión del carácter (Las consecuencias personales del trabajo en el nuevo capitalismo).
Volvamos á primeira páxina. No medio da plana destaca unha fotografía da guerra do Vietnam. Vese a un grupo de prisioneiros do Vietcong cos ollos vendados. Non van a Guantánamo, senón a unha base chamada Thien Ngon. A simetría máis sorprendente na construción da ollada prodúcese ao atopar na recanto inferior dereita desa primeira páxina unha información cos mesmos caracteres que a de Ferrol e que ten o seguinte titular: "Quinientos indios sioux atacaron el fuerte Wounded Knee, en Dakota del Sur". Segundo se conta, os sioux asaltaron o museo do xeneral Custer, que dirixira a última batalla de exterminio contra os seus antergos.
Amor Deus tiña sentido do humor. Non lle incomodaría esta intelixente simetría do compositor de páxina de 1972 (Francisco Pillado? O seu irmán Manuel?) que estableceu unha conexión entre Ferrol e unha loita india en Dakota do Sur. Sobre este espazo de resistencia sioux publicouse precisamente a comezos da década dos 70 un libro que ten xa a condición de clásico: Enterrade o meu corazón en Wounded Knee.
En Wounded Knee. Ou en Ferrol.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.