_
_
_
_
OS GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

O presidente que resultou "muy gallego"

Manuel Rivas

"Feijóo es muy gallego, en el sentido peyorativo de la palabra" (Rosa Díez, membro do Congreso dos Deputados).

Esta é a frase literal da deputada ao seu paso por Galicia e que varios xornais destacaron como titular. O presidente Feijóo non dixo nada. Nin ninguén no seu Goberno nin no seu partido. A autora da declaración, membro do Congreso dos Deputados, foi convidada como conferenciante polo Club Financeiro da Coruña. Que se saiba, tampouco ninguén de entre os directivos ou do público interpelou á deputada. Será que non se deron por aludidos. Nin Feijóo, nin o resto. Eu xa non digo que se anoxaran polo de "peyorativo", pero polo menos deberían cabrearse polo de "muy gallego".

Se fóra de Galicia din de ti que es "muy gallego" pode ser nefasto ou glorioso, depende do retintín. No mester literario adoita ser unha loanza, pois o paradigma de "muy gallego" é Valle-Inclán. O autor das Comedias bárbaras fixo co castelán o que James Joyce se propuxo co inglés: "conquistar a lingua do imperio". E cómpre dicilo. Non naceu outro imaxineiro que retornease o castelán coas sublimes curvas de Valle-Inclán. E as curvas eran galaicas, abofé. Todos os pigmentos desaparecidos do Pórtico da Gloria, a maior película en tecnicolor da Idade Media, non foron subtraídos pola corrosión do tempo e da humidade, senón que como partículas de pole que atravesaron os séculos foron pousar na ollada pictográfica de Valle-Inclán.

Queren un "cirurxián de ferro". Un carniceiro da lingua. Alguén que non demore con anestesia

Porén, en política, como vén de demostrar dona Rosa, o de "gallego" case sempre ten un sentido negativo. E non hai máis que ver o tratamento variábel a que son sometidos na Corte dos Milagres dous líderes de orixe galega e rivais na política, Rajoy e Blanco. Cando Rajoy está en horas baixas, sobe o seu termómetro de "gallego", como fai o mercurio coa febre. E cando atopou un socias na Biblia, foi dar co santo Job. Outro gallego!

O mesmo sucede co caso Blanco. Nada máis aterrar na capital de España, a Blanco tratárono de Pepiño. Mesmo hai señoritos radiofónicos que se permiten falar de "Pepiño de Palas de Rei". Esa confianza que ninguén lles deu, a confianza abusona, a elocuencia maleducada de quen utiliza a linguaxe e a antroponimia para dividir o mundo en supremacistas e subalternos. Claro que o trato a José Blanco cambiou nada máis ser nomeado ministro de Fomento. Agora os señoritos radiofónicos cada vez usan menos o diminutivo hipocorístico. De Pepiño a Pepe e de Pepe a don José. E viva Palas do Rei! Velaí a elocuencia do poder. A maior orzamento no ministerio, menos Pepiño e máis don José. Aí está o segredo da misteriosa conexión entre a antroponimia, os xentilicios, e os Presupostos Xerais do Estado.

En Galicia existen bos representantes de case todas as correntes nos estudos históricos, mais eu boto de menos os chamados historiadores "subalternistas", conectados cos adaís da "historia dende abaixo" (como Eric Hobsbawm), que tan ben desentrañaron nos anos 80 a sociedade da India e alumearon os seus cuartos escuros, como o "sistema de castas". E deron na clave. O importante non é só a descrición histórica da "subalternidade", senón sobre todo o cómo esas diferenzas e estratificacións sociais comportan un xogo de representacións. Velaí unha pregunta esencial: "Como se 'representa', como é 'figurada' a subalternidade?"

Ela non é consciente, como non o son outros, mais o que reflicte a couce de Rosa Díez é unha idea de Galicia como un espazo subalterno. Un lugar onde trousar prexuízos impunemente, mesmo con aplausos e risos dos espectadores de mentalidade subalterna. O Goberno galego debería facerlla chegar a Umberto Eco e pedirlle un informe semiótico, porque non ten perda. Sería un documento histórico. Como semióticos afeccionados, poderíamos aventurar algunhas preguntas e consideracións.

a) Oración principal: Feijóo es "muy gallego". Cuestións: Quen é Feijóo? O presidente de Galicia. Que clases de galegos hai? Moi galegos, pouco galegos, e galegos a secas. (Coido que "a secas" escasean, e ademais este ano a colleita de uva é excelente). Que significa ser "muy gallego"? Todos os inquéritos indican que a cualificación de "muy gallego" é empregada hoxe en día con dous significados: 1. Es buen chico, pero es "muy gallego". Tradución: Ten o defecto de que fala galego. 2. Ten cuidado porque es "muy gallego". Tradución: É unha persoa renarte, retorcida, que di unha cousa e pensa outra.

b) Oración subordinada: En el sentido peyorativo de la palabra. Segundo a declarante, existe pois un sentido pexorativo de ser galego. É algo que admite, afirma e usa. Historicamente, o xentilicio galego foi utilizado con moi diferentes connotacións. Houbo xeiras en que tiña connotacións maioritariamente positivas: na época romana e na Idade Media. Mesmo o Cid, para os historiadores de Al-Andalus, era un "valente galego". A perda do Reino de Galicia e todo o proceso de subalternidade social arrastran tamén ao xentilicio e o "galego" pasa a ser, en expresión de Paul Lafargue, "unha das razas malditas da humanidade". Por que? Polo seu servilismo e polo seu "amor ao traballo". Agora si: as desgrazas nunca veñen soas.

Todo isto é historia. Rosa Díez, e os que pensan como ela, proclaman a inutilidade actual das identidades. Habería que engadir: a inutilidade das identidades "dos outros". A min paréceme unha aberración non só política senón tamén moral e intelectual o estabelecer unha cualificación das persoas segundo o xentilicio, o lugar no que naceron. Que significa hoxe ser "muy gallego"? Para algúns galegos que non falan galego ese o xeito de denominar aos galegos que falan galego ou que son favorábeis a unha cooficialidade real no ensino. Velaí os espellos deformadores. Un galego que fale galego non é un galego senón un perigoso "muy gallego"!

Pero a aberración aínda pode chegar máis lonxe. Por que Feijóo é "muy gallego" no sentido pexorativo da palabra? Feijoo prefire falar castelán na intimidade, vén de recortar substancialmente o orzamento para a normalización educativa do galego, amputou o presuposto do Consello da Cultura Galega e mesmo anulou as xa miserentas axudas para tradución a outras linguas: Viva o cosmopolitismo! Volvemos á pregunta: Por que para esta xente Feijoo é "muy gallego" no sentido pexorativo da palabra? Por que queren un "cirurxián de ferro" para o idioma. Un carniceiro da lingua. Alguén que non demore con anestesia. Un presidente de Galicia que no se haga el gallego!

Ese mago do despistar e das distraccións que é Sarkozy vén de pór nun primeiro plano do debate, outra volta, o que é a "identidade francesa". Nós non temos a Sarkozy, pero temos na feira magníficas distraccións, como o carrusel de Negreira e o seu Ele. E agora temos tamén a Rosa Díez. As lotarías nunca veñen soas. Unha sorte chama pola outra. E aquí ninguén é forasteiro, aínda que un día nos imos cabrear e facer unha excepción cos "gallegos". Por certo, imaxinan a alguén en Francia dicindo: "Sarkozy é moi francés, no sentido pexorativo da palabra"?

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_