Narradoras para o século XXI
A literatura saúda a unha nova xeración de mulleres prosistas
Dezaoito anos despois da súa creación, en 2001 o Premio Xerais de Novela, o de maior dotación económica en lingua galega, distinguiu, por vez primeira, unha obra escrita por unha muller. A Marilar Aleixandre, con Teoría do caos, tocoulle estrear un palmarés cuxa lectura diacrónica indica a invisibilidade das producións de autoría feminina e a escasa nómina de narradoras. Desde a inauguración do marcador até hai quince días, cando se resolveu a XXVII edición do certame a favor de Periferia, de Iolanda Zúñiga, as premiadas son seis. Este feito natural e predecíbel é aínda rechamante, por inédito, para os mediadores (editoriais, crítica e prensa) do sistema literario, e así llelo comunican aos lectores a través das canles de difusión. A perspectiva histórica ten a encarga de ofrecer as ferramentas axeitadas para a análise das traxetorias, das vixencias e das repercusións desde o futuro cara ao contexto actual.
"Os premios e as revistas supuxeron un incentivo para min", di Aneiros
Dolores Vilavedra: "É a primeira xeración de narradoras galegas"
López Silva: "Se se nos trata como fenómeno, corremos o risco do gueto"
Moure practica a mestura: "Non existen xéneros que romper"
"Temos canteira", aseverou o director da editorial Xerais, Manuel Bragado, na noite dos premios. A expresión aludía á renovación xeracional da cultura galega, que posibilita a continuidade do traballo desenvolvido por diferentes axentes en eidos diversos, e, en particular, espella a relevancia das achegas literarias asinadas por mulleres, tan diversas e diferenciadas como imprescindíbeis no camiño da normalidade sociolóxica. "Supón unha esperanza nun intre no que semella que se nos quere negar a existencia e o futuro da lingua e da cultura galegas", reflexiona o editor.
Visibilidade, encontro cos lectores e estímulo, os premios literarios son marcadores decisivos tamén no universo literario galego que as prosistas están empregando para crearen cadansúa imaxe autorial. "Os premios, como a posibilidade de publicar en revistas, forman parte de políticas de fomento á creación en galego que, no meu caso e no de moita outra xente, supuxeron un incentivo", explica a escritora e xornalista Rosa Aneiros. Por un galardón, ao que a presentou un dos seus profesores de instituto, empezou a publicar unha Inma López Silva aínda adolescente. "Case todas as obras que publiquei ou vou publicar foron gañadoras ou finalistas de premios. Non quero dicir que publicar á marxe dos premios sexa difícil ou fácil; simplemente non sei como é, porque para min a saída natural para o que ía escribindo foi sempre mandalo a certames", conta Eva Moreda, gañadora do Premio Terra de Melide 2010 con A Veiga é como un tempo distinto, unha novela ambientada na emigración galega en Londres, onde a autora está a residir. "Levo anos escoitando que a emigración é un tema trillado demais na literatura galega, e cando vivía en Galicia pensaba o mesmo, pero unha vez fóra, cando ti mesma estás experimentando, aínda que desde outra perspectiva, os sentimentos e emocións que viviron os que emigraron antes ca ti, paréceche inmediato e real", recoñece.
Xerais publicou en 2000 a compilación Narradoras, volume inaugural da colección Abismos, destinada a acoller publicacións en prosa de carácter experimental. Ao coidado do escritor Fran Alonso, o libro reúne 25 relatos inéditos de escritoras galegas, algunhas autoras novas e outras consolidadas. Na súa presentación, Narradoras constaba como a primeira antoloxía de narrativa galega escrita por mulleres coa intención declarada de reflectir a formación dun corpus literario "que sen dúbida marcará o futuro da literatura galega". A autodefinición como "comezo posíbel", explícita no prólogo, indica a sensación de estar traspasando portas pechadas.
"Aínda que abrangue textos de desigual calidade", observa a crítica literaria Dolores Vilavedra, "o libro provocou un efecto de bóla de neve que demostrou a eficacia deste tipo de estratexias de planificación cultural para facer visíbeis as escritoras". A aparición de Narradoras e o Xerais de Aleixandre son os fitos cos que Vilavedra traza a fronteira cronolóxica do que denomina "a primeira xeración de narradoras da literatura galega", nacidas a partir da década dos 70 ou que empezan a publicar no abrente do século XXI: "Non houbo xeración anterior, escritoras como María Xosé Queizán, Marina Mayoral ou Úrsula Heinze, primeira gañadora do premio Blanco Amor en 1994, foron pioneiras, case francotiradoras. Agora si existe un corte xeracional nestas autoras: comparten un perfil biográfico, constitúen un grupo dinámico e estabelecen relacións dialécticas e fructíferas neste momento".
Desque en 1996 conquerira o Premio Rúa Nova con Neve en Abril (Galaxia), a novelista Inma López Silva emprendeu unha carreira literaria sen pausa. "Se se nos trata como un fenómeno ou un produto comercial corremos o risco de pecharnos nun gueto, cando o feito de que esteamos aquí non é máis que o movemento normal e natural das mulleres da nosa xeración que, como a este, deberiamos estar accedendo a todos os ámbitos", puntualiza a autora de Memoria de cidades sen luz (Premio Blanco Amor 2007), relato no que a reivindicación dos dereitos das mulleres se insire nun contexto xeral de loita polas liberdades.
A escritora e investigadora María Reimóndez subliña o moito que resta aínda para borrar as barreiras discriminatorias presentes na literatura, como "noutros sectores sociais": "Para as que escribimos desde o feminismo, o panorama é aterrador: dá igual a autora, a todas nos queren meter no mesmo saco e nos reducen ás categorizacións do universo feminino e da sensibilidade; aínda hai temas considerados non literarios vencellados co corpo e co sexo que son tomados como materiais indignos e pexorizan a nosa óptica dicindo que somos ideolóxicas, quen non o é? Existen tendencias preocupantes cara ao insulto e faltan análises críticas".
A incorporación do galego aos currículos escolares é outro elemento que describe o panorama actual. "O galego é unha escolla para todos neste contexto social que presiona para que se fale español e neste sistema educativo que ben se encarga de que o coñezamos", afirma Teresa Moure, escritora que practica a mestura de formatos ("non existen xéneros que romper") e que defende a validez do que se escribe e non se publica: "Por privado non é menos importante nin está menos traballado". "En 2005 apareceron 3 libros meus porque eu escribo de sempre, podo empezar a publicar ou deixar de facelo", afirma.
As diversas ocupacións profesionais das narradoras proban, en sintonía cos seus colegas masculinos igualmente incorporados á literatura oficial nos últimos tempos, a porosidade social da escrita. Mais nese tránsito hai diferenzas. "Escoiteille dicir a Fina Casalderrey que, cando empezou a publicar, pesáballe o sentimento de culpa por non estar facendo outra cousa, por perder o tempo lendo ou escribindo. As mulleres da miña xeración xa non temos esa sensación, porque temos tempo propio que non cómpre xustificar, mais somos conscientes daquel esforzo. As novas xa non entenden isto, para elas xa é natural que unha muller escriba", cavila Aneiros.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.