_
_
_
_
OS GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Cando Flaubert falou de 'merde'

Manuel Rivas

Imaxinemos un lugar no mundo onde as universidades teñan que advertir a un goberno que está lexislando en contra dos intereses do país que goberna. Imaxinemos un lugar no mundo onde a Academia da Lingua teña de tomar a excepcional decisión de manifestar en público a inquietude pola perigosa deriva dun goberno entregado a desprotexer o mellor tesouro do patrimonio cultural dese país. Imaxinemos un lugar no mundo onde os científicos, e máis aínda os que traballan en organizacións internacionais, se vexan obrigados a defender, fronte á desvalorización fomentada polo goberno, a competencia científica da propia lingua do país. Imaxinemos un lugar, en fin, onde os estudosos estranxeiros desa lingua constaten que está tan ameazada polo goberno que ten o deber de promovela que eles mesmos, os alófonos, decidan amparar con afouteza esa lingua fanada, empuxada camiño do exilio no propio país.

O conselleiro de Industria é un experto niso de deslocalizar. Galicia sen local. Sen razón social

Non estamos a falar dun lugar imaxinario, por máis que se atopen semellanzas, como Liliput ou a illa dos Papafigos. Tampouco é unha forzada caricatura dun lugar real. A narración do que está a suceder podería ser aínda máis penosa. Está a pasar diante nosa. Neste escenario e neste tempo. Dise que a boa literatura fala dende un presente lembrado. Mesmo dun pretérito de futuro, cando se trata da ciencia-fición. Xa sabemos o tempo da mala política. O futuro pretérito. A Galicia do desandar. A Galicia do recú. A Galicia provinciana que se ri da ecoloxía das linguas, incapaz de comprender que é unha compoñente fundamental dun emerxente cosmopolitismo racional.

Para unha parte da poboación galega, o estatus do galego é unha cuestión secundaria, que implicaría soamente de xeito dramático a quen traballe coas palabras. Mais, á fin, todos traballamos coas palabras. Os silencios, como ben dicía Samuel Beckett, tamén forman parte da linguaxe. Seguramente, este Goberno, para o seu Programa do Desandar lingüístico, contaba con ter da súa parte unha chea de silencios. Ese era o cálculo na partida que se puxo en marcha meses antes das eleccións. Por unha banda, un activismo que conseguiu espallar a idea da falsa "imposición" co concurso de poderosos altofalantes. En fronte, outro tipo de activismo, máis ou menos excitado, a quen se tentaría identificar cun nacionalismo maximalista. O defensor do galego como sinónimo de bloqueiro. O típico profeta do non. E o resto? O resto sería silencio. Un país habitado por silencios a rumiar.

Mais estamos a ver como ese país dos Caladiños xa non existe. Xa non leva tanta xente a procesión da Suspensión das Conciencias. Aquí, a cada vez máis persoas, e ante ese estado do Recuar, estalle a pasar o que Gustave Flaubert contaba en carta ao colega Turguenev: "Sempre intentei vivir nunha torre de marfil, mais unha marea de merda non deixa de golpear os muros, e ameaza con tirala abaixo...".

Cal é a forma que adopta aquí o que Flaubert, o da mot juste, o da palabra exacta, chamaba "marea de merda"? O doente que estaba en proceso de curación é, de súpeto, desposuído de gran parte do tratamento e, ademais, sometido a unha mala práctica médica. Ao tempo, vense a dicir de novo á sociedade, esa é a mensaxe subxacente, que este doente o mellor que pode facer é morrer dunha vez porque non serve. Non é un ser útil. Isto é o que están a facer coa lingua galega. Esta é a marea de lixo do momento.

O problema non é só que se lexisle de recú para achaparrar o galego e, de paso, estragar a propia industria cultural. Como se as editoras galegas, que fan libros, fosen empresas de menor valor que outras que fan camisolas deslocalizadas. Se cadra ese é o futuro. Velaí outro paradoxo esperpéntico. Disque o conselleiro de Industria é un experto nisto de deslocalizar. Se cadra ese é o futuro. Deslocalizarmos todo e todos. Galicia sen local. Sen razón social. Non, o problema xa non é só xurídico, senón todo o lixo, consciente e inconsciente, que se ciscou sobre a lingua e o universo da cultura galega. A pobriña. Esa carga familiar. A metáfora da Galicia hindú dos intocábeis. Rajoy gusta da palabra malleira ou palleira. Grazas pola malleira, don Mariano!

Le mot juste, a palabra exacta do gran creador de Madame Bovary, ten aquí, e verbo deste esperpento, unha versión perfecta no escrito dos departamentos de Filoloxía das universidades galegas cando se refire ao desandar deste Executivo: "O primeiro da historia da democracia que lexisla en contra da lingua do país e que goberna e actúa segundo intereses alleos a Galicia".

O idioma galego é unha pertenza de todos, tamén dos que non o falan. Como o parque do Xurés, ou as fragas do Eume ou as illas Atlánticas ou as Insuas do Miño son valores de todos, aínda que haxa xente que non saiba deles. Que pensariamos se un Goberno lexislase para achicalos? Pero, ademais, eses tesouros naturais non só pertencen a Galicia. Son valores da bioesfera. Pertencen á humanidade. E o mesmo ocorre cos valores culturais, a principiar pola lingua que naceu en Galicia. Non todos os días nace unha lingua nun lugar do mundo! Non é un asunto só persoal. Podemos pasar delas, mais temos unhas obrigas como parte da humanidade. E o idioma galego é unha pertenza da humanidade, aínda que haxa conselleiros que non pasaran o exame actualizado do imperativo categórico de Kant.

Si. O que vén de pasar foi unha marea de lixo disfrazada de grandilocuencias. Resúmese moi ben neste parágrafo da carta que dez brillantes científicos galegos, traballando en organismos internacionais, en Xenebra, Londres e Montreal, enviaron a Vieiros para saír ao paso do ousado provincianismo: "En declaracións ao Faro de Vigo, o voceiro das Asociacións de Pais de Colexios Concertados dicía: "Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder". (...) Declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. (...) E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero tampouco o é o castelán. A lingua franca é dende hai moitos anos o inglés (...) O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este (...)".

A historia da lingua galega é como a da Sepharad das mil e unha noites. Sempre atopou o xeito de salvarse de certo tipo de perigosas mareas. Non sei o que pasará cos políticos, pero si sei que a Galicia creativa, a Galicia do desexo, vai sobrevivir no seu andar ás ceibas fronte a este tempo de enxurrada retrógrada. Se non é aquí, será, por exemplo, na universidade de Cardiff de Gales. Alí onde Craig Patterson supervisa con paixón e intelixencia a Rosa dos Ventos, nome da candidatura para Asociación Internacional de Estudos Galegos. De acordo, señor Flaubert. Contra a marea de merda, a rosa dos ventos.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_