Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

Os antepasados de Franco en Montevideo

O primeiro contacto expresivo de Fraga coa cultura galega, de quitado os dous anos que tivo como mestre en Lugo a Filgueira Valverde, puido ser en 1954. A piques de entrar España na ONU, o futuro presidente asistía en Uruguai, como secretario do Consello de Educación, á VI Asemblea Xeral da Unesco. O fito galeguista alí, documentado por Alonso Montero n'A batalla de Montevideo, foi poñer nas mans dos delegados, en galego, francés e inglés, o documento Denuncia da perseguizón do idioma galego pol-o Estado Hespañol, redactado en Galicia por Ramón Piñeiro.

Non é que dimitise o célebre censor Juan Aparicio, director xeral de Prensa, pero no práctico, á volta, retiróuselle o veto á tradución galega de Da esencia da verdade, de Heidegger, que Galaxia publica en 1956. A reacción entón de Fraga Iribarne non consta por escrito, pero Piñeiro referiuse a ela nunha entrevista que publicou Tempos Novos: "Aduciu que Franco nacera en Galicia e que, por iso mesmo, era impensábel que reprimise a lingua dos seus antepasados". Algo lle puido aproveitar ao futuro ministro. No seu entendemento ulterior co galeguismo histórico, porén, a desculpa cultural é impostada. Pasou de glosar ao rexionalista Brañas -anticapitalista e antiliberal, coma bo conservador do seu tempo- a considerarse "herdeiro lexítimo" de Castelao, malia a ter censurado a súa obra como ministro de Información. En 1965, a publicación na "editorial comunista" Ruedo Ibérico de El pensamiento político de Castelao custoulle ao autor, Alberto Míguez, 50.000 pesetas e medio ano na cadea.

Do abaneo entre o franquismo, a paternidade da Constitución tras intentar rexeitala e o autonomismo, sen condear nunca a ditadura, ocupouse José Rúas na súa tese El discurso político de Manuel Fraga (1999), que inclúe análise ideolóxica a partir das súas alocucións. Desde outra xeira, sempre non ficción, tamén o fixeron Ánxel Vence en Doctor Fraga y Míster Iribarne (Ed. Prensa Ibérica, Barcelona, 1995) ou Gustavo Luca de Tena en Fraga. Retrato de un fascista (Miatzen Sarl, 2001), reconstrución polo miúdo das fendas do relato co que Fraga tentou, en balde, liberar a súa biografía de masacres como as de Vitoria (3 de marzo de 1976). 18 anos despois, o recén investido rector da USC, Darío Villanueva, loubaba ao "máis político dos nosos intelectuais e o máis intelectual dos nosos políticos". Foi na presentación dun dos máis de 90 libros de Fraga: Da acción ao pensamento.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 27 de enero de 2012