_
_
_
_
Reportaje:NOTAS A RODAPÉ | Luces

Del Riego, rebeldía contra o malfado

Estou convencido de que a madureza da cultura galega pasa por deixar de recreármonos nunha veneración acrítica por persoeiros indiscutibles e superarmos unha excesiva dependencia dos ritos de conmemoración. Incluso ás veces penso que a este país lle viría ben un ano sábatico sen efemérides nin aniversarios, centrados en celebrar as iniciativas innovadoras e os talentos emerxentes. Ben sei, o futuro constrúese sobre a memoria, pero ás veces corremos o risco de que o fardelo do pasado nos pese de máis e nos impida avanzar cara ao porvir. O devandito é unha excusatio non petita porque vou conmemorar unha figura, precisamente co gallo do seu cabodano. Pero vouno tentar facer como coido que a el lle gustaría, rememorando a súa traxectoria coa ollada no presente e no mañá. Os feitos de don Paco non son pasado morto, son leccións que nos falan vivamente nestes tempos de tribulación e desacougo, advertíndonos que non podemos abandonar a esperanza, pero tampouco abandonarnos a ela.

Trala guerra, convertérono nun marxinal acosado sen descanso
Teimou en conciliar galeguismo e nacionalismo sen abrir feridas

- Mocidade na República. Don Paco pertenceu a unha xeración que tivo a fortuna de vivir na súa mocidade tempos de entusiasmo e despois sufriu a traxedia de ver afogar ese entusiasmo nunha enxurrada de sangue, suor e bágoas. Nos anos anteriores a 1936, a sociedade galega se espreguizaba dun pesadelo secular, ao tempo que a cultura de noso gañaba unha nova enerxía a forza de impulsos modernizadores. A mocidade universitaria erguíase galvanizada polo advento da República, mergullábase na axitada vida política e social da época e facíase coprotagonista do rexurdir dunha cultura que pugnaba por reinventarse deitando un ollar fresco sobre o pobo e o país.

Del Riego foi líder daquel movemento universitario que formulou o primeiro programa de galeguización da Universidade: anosamento (con permiso de Cunqueiro) lingüístico e cultural, anosamento dos saberes universais. O momento estelar da mocidade de don Paco chegou en setembro de 1933, cando pronunciou un célebre discurso en nome do estudantado no solemne acto da apertura do curso da Universidade. Lémbrao nas súas memorias: "A nutrida masa escolar adheriuse ao discurso, subliñándoo cunha forte e alongada ovación. Pediuse que a banda de música que comparecera no acto interpretase o himno galego. Coreárono todos os asistentes, postos en pé". Os incidentes coas autoridades universitarias que seguiron á súa intervención sinalárono como un líder subversivo, e de certo, érao.

- No franquismo. A guerra e a ditadura coutaron unha carreira universitaria que se albiscaba brillante, mutilaron os soños acariñados por Del Riego e os seus compañeiros, e converteron a este nun marxinal, acosado sen descanso pola policía e imposibilitado para desenvolverse profesionalmente. Pero Paco non se resigna e busca as maneiras de resistir: primeiro, coa militancia clandestina, reorganizando o Partido Galeguista e retomando o contacto cos exiliados; despois, cando a represión inviabiliza esa opción, promovendo a resistencia cultural, exercida a través da Editorial Galaxia e as iniciativas vencelladas a esta: a Fundación Penzol, a revista Grial...

Ser galeguista e antifranquista eran auténticas excentricidades duramente penalizadas na década dos cincuenta e dos sesenta. Del Riego, forxado no ambiente democrático da República, personifica o espírito de Galaxia: respecto pola pluralidade, apertura de horizontes, visión de futuro, ánimo crítico pero talante esforzado e construtivo, e sobre todo, finura de espírito. Isto permítelles non só tecer alianzas con diversos sectores e ir recuperando para o galeguismo persoas atrapadas na rede de fidelidades ao réxime, senón retomar o contacto co exilio e a emigración, onde se refuxiara unha boa parte da intelixencia, a creatividade e a combatividade galegas. O papel de don Paco foi clave nos dous sentidos.

A comezos dos anos sesenta, coa entrada en escenario de novas xeracións criadas xa no franquismo e que en boa parte se iniciaran na cultura galega da man de Galaxia, comeza a abrirse unha fisura que co paso do tempo se converterá nun cisma que minará seriamente a política e a cultura galegas deica os nosos días: o divorcio entre o vello galeguismo, herdeiro da tradición de ante-guerra, e o novo nacionalismo, de inspiración marxista e ínfulas insurreccionais contaxiadas dos movementos anticolonialistas. Don Paco, militante de primeira hora do Partido Socialista Galego fundado en 1963, tentará teimudamente evitar que esa fenda se axigante.

- Democracia e autonomía. Pero co advento das liberdades e a autonomía, aquela división non fixo máis ca aumentar. O groso do novo nacionalismo fixo do antigaleguismo unha bandeira e, tan desprovisto de memoria histórica como cego de sectarismo, botou a perder a oportunidade única que naqueles anos decisivos da transición e inicio da autonomía se lle presentou para tornarse unha forza con capacidade real de transformar este país, perda esta que aínda hoxe estamos pagando nun alto prezo. Os vellos galeguistas apenas tiveron a quen transmitirlle o seu caudal de memoria e experiencia e esforzáronse a canto puideron en salvar un proxecto de autogoberno que naceu fanado pola falta de apoio tanto dunhas elites acomodaticias e descomprometidas, canto dun nacionalismo que preferiu cultivar a doada retórica da capela a entregarse ao difícil maxisterio do pobo. Don Paco sabía moi ben que un nacionalismo anti-galeguista era un contrasentido condenado á esterilidade e ao fracaso, e que o galeguismo amplo e transversal que debía impregnar a sociedade, para ser sólido e eficaz precisaba do alicerce dun movemento nacionalista amplo, diverso e radicalmente democrático.

Del Riego teimou na súa actitude de non escaravellar na ferida, no empeño de cauterizala, pero poucos foron os que o entenderon. Si o fixeron, cada un á súa maneira, Camilo Nogueira e Xosé Manuel Beiras, que houberon de conseguir o que ata agora resultou imposible, a reconciliación entre nacionalismo e galeguismo; tarefa en que perseverou, con mellor intención ca suceso, Anxo Quintana. O gran momento na última etapa da súa longa vida chegoulle a don Francisco coa presidencia da Real Academia Galega (1997-2001), durante a cal puxo en xogo o seu prestixio, o seu talante e a súa man esquerda para dar cohesión á encristada república das letras galegas, procurando a integración. Ensinou a recoñecer a cadaquén na súa valía, promoveu o respecto mutuo e fomentou o convivio na pluralidade.

Co seu exemplo de lealdade temesiña ao ideal dunha cultura galega rica e moderna nunha Galicia autogobernada, de resistencia incoercible nos transos máis difíciles da nosa historia recente, de xenerosidade, bonhomía e amplitude de miras, Del Riego déixanos un legado especialmente valioso para afrontarmos a dura singradura que temos por diante. Aos que pretenden tronzar o fío da historia que el axudou a escribir, aos que se empeñan en desmentirnos invocando un pragmatismo cínico e suicida, retrucámoslles coa voz de Rosalía, que adiviñou a derradeira lección de don Paco:

Non importa se os soños son mentira,

xa que ao cabo, é verdá

que é venturoso o que soñando morre

infeliz o que vive sen soñar.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_