Pardo de Cela, de heroe nacional a farsa histórica
Nun vello número d'A Nosa Terra, anterior á Guerra Civil, Álvaro Cunqueiro definía ao Mariscal Pardo de Cela como "heroe nacional". Pasaron os anos e a historia, e Cunqueiro, Pardo de Cela e o papel de prensa volveron coincidir. Mais a vida dera unha cantas voltas, moitos dos compañeiros de xeración do mindoniense foran mortos ou asasinados, un golpe de Estado partira en dous o século XX e o escritor fichaba nas páxinas do Faro de Vigo. E as súas consideracións sobre o devir de Galicia mudaran: Pardo de Cela, e a súa peripecia, xa non era un redentor, senón "unha farsa".
"Na obra xornalística en galego poderemos observar a evolución ideolóxica de Cunqueiro", di Iago Castro Buerger, que tamén canda Xosé-Henrique Costas colleita os escritos dun tomo que verá o prelo de Galaxia a finais de ano. Ou como loaba a figura de Manuel Antonio, "o escritor máis grande do seu tempo", nas páxinas de Galiza, a revista que titelaba en Mondoñedo, ou as súas incendiarias proclamas nacionalistas. Todo antes de 1936. "Despois pasa mesmo a cuestionar o 25 de Xullo como data 'que separa aos galegos", anota Castro. El Pueblo Gallego, Vallibria, Yunque ou Resol nos días da República, e La Noche, Galicia Emigrante ou Grial en plena ditadura, acolleron os textos de Cunqueiro agora exhumados das hemerotecas. Pero, sobre todo, o Faro de Vigo, xornal que dirixiu entre 1965 e 1970 e no que redactou vaticinios, crónica deportiva, relato de viaxes, artigos de opinión.
"Será interesante estudar as múltiples relacións do seu xornalismo coa súa literatura", argúe o editor, "e confirmar que toda a súa obra forma un macrotexto, unha escrita ligada entre si máis alá dos xéneros". Os personaxes dos poemas aparecen despois en reportaxes de Arte y Letras e, ao tempo, agroman nas páxinas das novelas ou nos artigos, célebres, de El Envés -cabeceiro das opinións de Cunqueiro no Faro. "Escribiu en galego en tempos moi fodidos, en parte grazas a Del Riego", puntualiza Iago Castro Buerger, quen matiza triste que, nos setenta, o galego atinxiu unha mellor saúde na prensa que na actualidade.
Para poder dexergar o carácter total da obra cunqueiriá, no entanto, falta unha edición das obras completas. María do Cebreiro, poeta e investigadora que no seu ensaio Fogar impronunciable atendía ao Cunqueiro tradutor, bocexa unha explicación para esta ausencia. "Cunqueiro é Cunqueiro, dende o punto de vista da edición hai que comprendelo tal e como é, non como nos gustaría que fose", aduce. Refírese ás incertezas de editar "a obra completa de autores bilingües. É algo que aínda non sabemos facer".
Segundo Iago Castro, baixar ao miúdo do texto esixe amais un asunto por resolver: "Un corpus da súa obra ben definido sería a primeira fase". Ninguén sabe con exactitude canto e que escribiu un autor que foi elitista e popular, que estivo na reserva e na vangarda. "A incuria no xeito de editar é síntoma dunha falta de reflexión colectiva sobre o significado da transmisión do pasado literario", conclúe Do Cebreiro. Polo momento, malia todo, a vida de Cunqueiro nas librarías continúa. A editorial madrileña Alento vén de botar á rúa unha edición bilingüe de Mar ao norde, o primeiro libro de poemas do de Mondoñedo.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.