Galicia á conquista de Donostia
A presenza dos filmes 'Tra-las luces' e 'Arrugas' na sección competitiva Zabaltegi marca un fito do cinema galego en grandes festivais
Mañá empeza o festival de Cine de San Sebastián. Pero para Galicia este ano non é un festival máis. Este ano é un gran paso para o cinema feito en Galicia, ou aínda máis, como se atreve a afirmar o produtor Manuel Cristóbal, "un fito incuestionable para o cine galego". A través da súa empresa Perro Verde, Cristóbal produce o filme de animación Arrugas, que xunto co documental Tra-las luces ostentarán unha histórica representación galega na competición da sección Zabaltegi, o espazo dedicado aos novos realizadores e ás novas propostas fílmicas e onde estarán presentes filmes de todo o mundo.
Arrugas é un filme de animación sobre a relación de dous maiores nun centro xeriátrico, dirixido por Ignacio Ferreras e baseado no libro homónimo debuxado por Paco Roca, premio nacional de cómic no 2008. Mentres, Tra-las luces de Sandra Sánchez é un emotivo documental sobre a vida itinerante dunha familia de feirantes. Ata aí podería quedar todo o asunto resumido, pero a presenza destas películas a competición en San Sebastián ten un fondo moito máis interesante, máis alá deste paso inédito para o cinema galego. Son películas con varios puntos en común: están feitas con orzamentos moi axustados, dirixidas por cineastas debutantes, que teñen un transfondo de exploración dos xéneros cinematográficos e, sobre todo, apostas arriscadas de dous produtores que representan unha nova xeración de directores forxada en Galicia. "Posiblemente isto represente un relevo xeneracional", reflexiona Manuel Cristóbal arredor destes puntos comúns e do paso que supón estar presentes na sección Zabaltegi. Cristóbal quedou prendado do libro Arrugas, mercou os dereitos e despois puxo o filme nas mans do debutante Ignacio Ferreras, un director con moito percorrido internacional no mundo da curtametraxe de animación.
As dúas películas comparten vontade de exploración e baixo orzamento
"Agardamos que a Administración sexa sensible ao que levamos traballado"
"Estou emocionado do bonita que quedou", confesa Manuel Cristóbal, acabado de saír da proxección da película rematada ao completo, e que el califica como "un drama en animación e unha marabillosa película sobre a amizade". Este produtor coruñés rodeouse para desenvolver o filme dunha chea de profesionais experimentados, como o guionista Ángel de la Cruz ou o músico Nani García, tamén presentes neste proxecto fílmico.
Xunto con Arrugas, en San Sebastián estará Tra-las luces, un filme que supón o debut de Sandra Sánchez, producido por Tic-Tac. Tra-las luces é un documental que empezou sendo un proxecto sobre a vida itinerante dos feirantes, e acabou centralizado na vida de Lourdes, unha muller cunha vida que se derruba ao seu arredor mentres soporta o peso do negocio familiar: unha pista de autos de choque. "Despois dunha dura rodaxe de nove meses cambiou tanto o proxecto que colleu vida propia. Pódese dicir que pensei unha película e no camiño fun atopando outra e deixeime levar polo que atopei", explica Sandra Sánchez sobre as peculiaridades do seu filme, que lle supuxo un laborioso traballo despois de 220 horas de gravación e ano e medio de montaxe.
A presenza destes filmes, que exploran máis alá dos seus xéneros e que experimentan cos límites, na sección Zabaltegi é un feito que a Fernanda del Nido, produtora de Tic-Tac, non lle pasa desapercibido. "Afortunadamente cada vez están menos claros o que son os límites entre o documental e a ficción. Interésame moito esa indefinición que non é casual, e que esta aposta arriscada entre na sección de Zabaltegi", explica esta produtora arxentina afincada en Galicia desde hai dez anos. "Creo que hai cousas en común no tipo de producións que facemos", afirma por outra banda Manuel Cristóbal, que tamén fala no seu discurso sobre os límites dos xéneros da imaxe en movemento: "As fronteiras da animación estanse expandindo. Cando merquei os dereitos ofrecéronme facela en imaxe real e dixen que non. En animación é unha película única e en imaxe real sería unha pelicula máis".
Ademáis das exploracións de xénero, outro dos nexos en común que teñen estes filmes que estarán presentes na sección Zabaltegi é o axustado dos seus presupostos. "Arrugas está en torno aos dous millóns de euros, un orzamento case ridículo se o comparamos con filmes como Chico y Rita, con 10 millóns de euros, e xa non digamos O Ilusionista con 20 millóns de euros", calcula Cristóbal, quen reinvindica estes baixos presupostos "pola liberdade total e o resultado que se logra".
Nun presuposto afastado dos orzamentos da ficción tamén se moveu Tra-las luces, cuxos números rondan os 300.000 euros. "Para un documental é unha perspectiva boa, pero para unha ficción sería imposible porque non hai oco na grella de televisión para este tipo de produtos", afirma Fernanda del Nido, unha produtora moi louvada polas súas arriscadas apostas. "Atoparse con alguén como Fernanda foi determinante para min. A xente pregúntame por que tardei vinte anos en facer un filme, pero primeiro hai que sentirse preparado e logo atopar o produtor axeitado como foi o caso nesta ocasión", explica Sandra Sánchez antes de tomar camiño de San Sebastián, onde mañá sábado se presentará o filme. O domingo asistirá na sala Kursaal a un acto de promoción do cinema galego que organiza o Consorcio Audiovisual. A estrea de Tra-las luces está prevista para o 30 de setembro, mentres que Arrugas negocia nestes días a súa distribución para o ano 2012.
"Estar en Zabaltegi ou os traballos de Vaca Films, Óliver Laxe, Os Crebinsky ou 18 comidas non son froito da casualidade. Esperemos que a Administración sexa sensible a todo o que levamos pelexado, porque o cinema xera identidade, postos de traballo e ultimamente tamén moita ilusión", conclúe Fernanda del Nido.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.