Libro verde para o futuro da creación
O Consello da Cultura chama a fixar criterios "obxectivos" na concesión de axudas
Para o futuro, a cultura galega precisa dunha mirada atenta ao público máis que á oferta, criterios "obxectivables" para a concesión de axudas públicas, melloras na xestión "económica e administrativa" e una imaxe de marca consensuada que funcione como expresión da diplomacia pública. Son as conclusións dun ano e medio de conferencias, debates e consultas a expertos -profesores de universidade, xestores culturais, escritores o representantes de empresas- que o Consello da Cultura Galega (CCG) deseñou para trazar as liñas mestras que debe seguir o sector para afrontar retos futuros. O seu presidente, o historiador Ramón Villares, presentounas onte baixo o título de Reflexión estratéxica sobre a cultura galega, un texto que aspira a ser o artífice "dun novo contrato para a cultura, compartido polas institucións e a sociedade galegas".
"Temos que evitar a confrontación, ofrecer imaxes consensuadas"
O informe propón a apertura cara os mercados lusófono e asiático.
Villares felicítase polo 2% que a industria cultural supón no PIB galego -no conxunto da Unión Europea achega o 2,6%-, pero tamén sinala o que, en pleno cambio tecnolóxico, lastra a competitividade do sector. "Existe a idea de que a cultura é gratuíta, que non custa nada, cando é un sector que ten que ser tratado como calquera outro, como a sanidade, as infraestruturas de comunicación ou a pesca. Por que non? Este non é un sector de voluntarios, non é amador", reclama Villares. Precisamente debido ao cambio operado nas últimas décadas do século XX, que asistiron ao paso dunha concepción "elitista" da cultura a outra "popular e de base", cómpre "o desafío de iniciar o debate", que nas vindeiras semanas será presentado ante institucións e xente da cultura.
A igualdade de trato que pide o presidente do CCG debe ir parella a un estudo esixente de cada proposta subvencionable. "A cultura debe estar soportada en gran parte por fondos públicos, pero hai que fixar criterios obxectivos para as subvencións. Dicímolo tamén para dar exemplo a outros sectores", continua. A eses criterios obxectivos, resumidos "na transparencia do gasto e nos sistemas de avaliación da efectividade das axudas públicas", hai que engadir a recomendación dos coordinadores da publicación -Víctor Freixanes, Ramón Máiz, Xulio Ríos, Rosario Álvarez, Henrique Monteagudo e Francisco Campos- de que a cultura precisa reforzar a súa dimensión empresarial. Recoméndase, iso si, "limitar o apoio a producir por producir, á marxe do público e mesmo do acceso aos produtos e servizos culturais" e "fortalecer o márketing e a proxección exterior". Quéixase Villares de que a cultura galega ten "pouco software e moito hardware, demasiados equipamentos e poucos contidos".
Entre xuño e novembro do ano pasado, cinco expertos en industrias culturais dirixiron outros tantos foros sobre políticas culturais, institucións, cultura e mercado, contidos e proxección exterior. O escritor Víctor Freixanes, responsable da área de contidos da publicación, coincide co presidente da institución editora do informe en que a industria cultural ten que renunciar "ao floreiro, á monumentalidade e ás carcasas, porque hai máis contedores que contidos". Mais sobre como se ten que facer tal cambio nunha época de crise e recortes, a reflexión proposta polo CCG non ofrece reposta alén de que a cultura debe ser entendida "como capital" e "poder brando" no ámbito internacional. A internacionalización da cultura galega -"a globalización está aí e nós temos que estar na globalización", xustifica Villares- debería ir precedida dun consenso interno sobre a imaxe que Galicia quere proxectar fóra.
Para lograr este obxectivo, o profesor Xulio Ríos, experto en relacións internacionais, propón dende a creación de cátedras de cultura e lingua galegas nas universidades estranxeiras ao seguimento das dinámicas de consumo desenvolvidas en Estados Unidos ou ao diálogo directo con medios e personalidades influíntes para desfacer estereotipos no exterior. "Temos que evitar a confrontación, ofrecer imaxes consensuadas", reclama Ríos. Propón ademais estudar as áreas prioritarias de exportación de industrias culturais, que fixa en Portugal e Brasil e, fóra da lusofonía, en Xapón, China e Corea do Sur. "As perspectivas de crecemento configuran unha oportunidade", explícase.
O "libro verde para o diálogo co sector" -así se referiu Villares ao documento- aposta tamén en tratar a política cultural "como unha política pública máis". Aínda así, o informe chama a abandonar a visión "despectiva" da subvención destinada á cultura. "Para construír un barco tamén hai axudas, pero para uns sectores aplícanse de xeito despectivo e para outros non".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.