Fumigar a democracia
A estas alturas non imos discutirlle aos feitos o seu grao de realidade, mais todo acontecemento, toda noticia, existen e poden ser compartidos grazas a estaren narrativizados. As acampadas tamén. Os indignados esforzanse por que as súas protestas non sexan reducidas a noticias, por que a fenda aberta na realidade non se dilúa en narratividade: esa e máis a plenitude física son as grandezas da xuventude. Algúns xa non aspiramos a contar a realidade como ela é, só como nós a vemos. E onde outros ven un significante baleiro nós non vemos significado, pero tampouco baleiro. A mesma metáfora do berro mudo non fai ruído, pero ten máis eco.
O principal reproche a Democracia Real Xa foi o de non artellar un discurso sólido. Esta queixa enténdese se vén da dereita, cando a formula a esquerda non, porque ese discurso que se bota en falta sería o desactivador da protesta. Negábase Lacan a falar de metalinguaxe porque toda linguaxe o é, remite apenas a si mesma. Nese sentido, a redacción dunha táboa de reivindicacións, a substanciación da ira en puntos dunha redacción, fai que a protesta perda contido, evidencia cansazo e implica a renuncia da realidade e a resignación ao realismo, ademais de disipar a forza de o que non queriamos ser e marcar a decadencia do movemento.
É un movemento apolítico? Ao contrario, está á marxe dos grandes partidos pero é radicalmente político
O máis interesante desta mobilización non figuraba nas táboas de propostas: a demostración de que hai outros modelos de participación, de activismo e de relacións entre as persoas, baseados na xustiza e a solidariedade. E a solidariedade, a conciencia de clase, non só emociona, tamén demostra que as persoas non somos lobos os uns para os outros como cinicamente proclama o capitalismo. A xente viuse construíndo, formando parte, non arrastrada polos acontecementos ou á marxe deles. O interesante foi botarse ás prazas enriba dos cartóns e debaixo dos plásticos, coma os pobres. Mollarse e comer o que a xente lles daba, como fan os pobres. Que a caverna se referise a eles coma chusma apestosa e piollenta, como se refiren aos pobres. E iso foi interesante porque demostraba sen palabras que eran pobres, e sinalaba sen palabras os causantes desa pobreza.
Trátase entón dun movemento apolítico? Xusto o contrario, a iniciativa sitúase á marxe dos grandes partidos pero é radicalmente política, nela a xente descubre a alegría de participar en política e bótalles en cara aos políticos profesionais que non fagan política, que renuncien a ela en favor do politiqueo oco e electoralista. Os grandes partidos non fan política, é a política a que os fai a eles. Política fana os mercados e as grandes corporacións, son eles os que necesitan aos politiquiños e constrúenos á medida dos seus intereses, e estes déixanse facer coma o paxaro que choca os ovos do cuco.
Moitas das reclamacións dos indignados, máis alá da letra, piden a separación da Empresa e o Estado e que a democracia deixe de ser o goberno do demo. O sistema, sen palabras, dinos que a Constitución é a Biblia, temos que facernos á idea de que os dereitos fundamentais hai que lelos como a Igrexa di que hai que ler a Biblia, non se poden tomar ao pé da letra. Ou que iso da democracia como goberno do pobo é un residuo etimolóxico, unha metáfora histórica.
Pois que o digan abertamente, que o dereito ao traballo non é tal porque non se pode exercer. E outro tanto o dereito a unha vivenda digna ou o dereito de expresión, ou de reunión. Que o dereito á xustiza e a igualdade de trato depende da capacidade de presión, a maioría non o pode exercer e a minoría privilexiada canea a xustiza coma quen salta unha simple poza. Os dereitos que non se exercen non existen. Mellor dito, os dereitos que os que discrepan non poden exercer, non pasan de ser xogos lingüísticos, papel mollado ou directamente imposicións dos que tiran proveito da asimetría da lei do funil.
De momento, a reacción por parte dos aludidos (os partidos e os poderes económicos máis salvaxes, representados polos sabuxos dos medios de ultradereita) é dupla: fumigar ou escoitar; triple se incluímos o "isto xa pasa de castaño escuro" proferido polo extrotskista Bugallo. O de gasear os manifestantes entendémolo, como non? O de escoitar e non facer nada, deixar pasar o tempo e que todo volva ser o mesmo, tratar a revolta con paternalismo, coma a performance de catro flautistas con can ou un problema de orde pública, equival a non ter dous dedos de fronte.
A semente, irmá das mobilizacións do Prestige ou en favor da lingua, xa está botada.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.