Ensaio para tempos anestésicos
Corren bos tempos para o ensaio galego, se cadra porque en días anestésicos coma os que estamos a vivir, a reflexión e o debate loitan por conservar un espazo de supervivencia. A nosa literatura segue a ser fonte de inspiración para un exercicio de análise un tanto introspectiva: a crise de valores que nos acosa impón un paso atrás para revisar as bases sobre as que tentamos construír unha casa común na que vivirmos a galeguidade no século XXI.
Os resultados, claro está, son desiguais. Por exemplo, é ben interesante o protagonismo que está a ter no noso pensamento a figura de Rosalía, que non fai mala parella con Lois Pereiro: as súas vidas e as súas obras lémbrannos con teimosía que a heterodoxia é sempre unha opción vital e que, ás veces, a furia resulta necesaria, parafraseando ao poeta monfortino. En Rosalía están centrados dous ensaios recentes, ambos de gran alento aínda que de enfoque diferente: Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria de Francisco Rodríguez quere ser unha lectura totalizadora, o compendio dunha vida investigadora -a do autor- na que a poeta foi motivo de inspiración permanente. A extensión do libro (731 páxinas) pode resultar desalentadora, pero cómpre ter en conta que é posible realizar achegas parciais a aspectos concretos pois, como o subtítulo nos indica, o estudo percorre a vida e a obra da escritora de onte a hoxe. Rodríguez, que traballou arreo nas hemerotecas, dedica as 100 primeiras páxinas ao contexto histórico para logo centrarse nunha exhaustiva análise interpretativa da produción literaria rosaliana; na liña do que xa fixera en obras anteriores, dáselle unha importancia notable ás novelas, aínda pendentes de seren estudadas máis en profundidade. A última parte desenvolve aspectos ata agora escuros da biografía rosaliana, nomeadamente a polémica que rodeou o traslado dos seus restos a Bonaval, unha cuestión que Rodríguez utiliza como eixo de articulación para amosar a manipulación a que foron sometidas de xeito sistemático a escritora e a súa obra ata os nosos días, manipulacións encamiñadas a propiciar determinada(s) valoración(s), un proceso de certo ao que ningún ámbito ideolóxico é alleo. En fin, unha obra de vocación abranguente, que reflicte á perfección as carencias dos estudos rosalianos, que provocan que ás veces o autor se vexa impelido a presentar como feitos consumados afirmacións especulativas que demandarían maior apoio documental.
Novas perspectivas sobre Rosalía de María do Cebreiro e Francisco Rodríguez
Iago Martínez mostra que a obra de Pereiro non se pode entender sen o rock
María do Cebreiro achéganos en Fogar impronunciable. Poesía e pantasma un feixe de ensaios, moitos deles concibidos para revistas académicas de diversa índole. Fai un esforzo ímprobo para combinar o rigor hermenéutico e terminolóxico cunha certa vontade divulgativa de agradecer, aínda que a obra é para debandar aos poucos, algo que vén propiciado pola estrutura xeral, na que cada capítulo posúe unha certa independencia. O obxectivo é tentar explicar a aparición reiterada de figuras pantasmais na poesía galega moderna, en base á hipótese de que, a partir da segunda metade do século XIX, en Galicia a perda foi un dos motores da produción cultural, e a literatura o seu principal mecanismo de representación, sobre todo dende que no Rexurdimento a literatura galega tivo que enfrontarse cos problemas da fractura social e a discontinuidade histórica e, facendo deles un trazo de especificidade, convertelos en mecanismo de resistencia. A esta viaxe nos convida a investigadora, da man de María Mariño, Cunqueiro e, sobre todo, Rosalía de Castro. A ela, a nosa escritora fundacional, voltamos unha e outra vez, para entendermos a nosa historia pero tamén para esclarecer as fendas do noso presente.
Na endeita de obras conmemorativas da nosa efeméride literaria anual salientan xa algúns textos que de certo están chamados a ser obras de referencia. Velaí o caso da Poesía completa de Lois Pereiro, editada por Ana Acuña para Xerais con todo o rigor filolóxico que se agarda dunha publicación deste tipo; ou a Antoloxía poética que Daniel Salgado preparou para Galaxia, cun estudio introdutorio imprescindible e modélico como decantado exercicio de síntese que amosa que a profundidade non está rifada coa brevidade. Outra volta Antón Lopo fai unha das súas singularísimas achegas ao xénero biográfico n'A palabra exacta. Biografía de Lois Pereiro. Organizada como un xogo polifónico de voces, a partir de entrevistas realizadas ás persoas que o quixeron, e ás dalgúns que o leron con paixón e intensidade. Lopo é aquí o director dunha orquestra dispar, por plural e caleidoscópica, mais que remata por soar concertada para axudarnos a escoitar a voz do poeta e o home (se é que é posible establecer esta distinción en falando de Lois Pereiro). Non deixa de ser curioso que Marcos Calveiro escollese unha fórmula semellante para a súa achega biográfica, Lois Pereiro. Náufrago do paraíso, esta pensada para públicos máis novos. Estruturada ao xeito dun guión cinematográfico, permítenos tamén escoitar, nun contexto ficionalizado, as voces que acompañaron a Lois ao longo da súa vida. Estas son as vantaxes que ten conmemorar figuras recentes: que aínda é posible seguir o seu ronsel palpitante, procurar a súa pegada humana, que o paso do tempo aínda non borrou.
Algo distinta é a obra de Iago Martínez. Cun título aséptico e pouco estimulante, Lois Pereiro.Vida e obra, quen é un dos mellores coñecedores do poeta monfortino sorpréndenos porque demostra de facto algo no que non se adoita reparar, ou faise de xeito superficial, se cadra por mor da nosa propia ignorancia. Refírome ao feito de que moita da poesía desta época, e nomeadamente a de Lois, non se pode entender sen coñecer a música rock. Martínez revela a mesta rede de referencias intertextuais entre poemas e cancións que é clave na obra do monfortino, e faino coa mesma precisión e rigor ecdóticos que lle aplica á xenealoxía dos textos; se cadra, o único que lle falta é a banda sonora. Todo isto converte este traballo en obra de referencia imprescindible. Ao tempo, a veta xornalística do autor lévao a profundizar en aspectos que noutras monografías sobre Pereiro resultan un tanto desdebuxados, e estou a pensar no affaire da colza ou na intrahistoria da movida coruñesa. En fin, un feixe de páxinas tan vivas, profundas e ben escritas que, por arrebatadoras, compangan á perfección coa poesía de Lois. En canto ao Dicionario que cada ano a editora tresctres lle dedica á figura protagonista das Letras, este ano ven asinado por María Xesús Nogueira. Non se deixen enganar polo formato discreto e a aparencia anodina: trátase dunha achega persoal, rigorosa, con interesantes suxestións para a análise hermenéutica da obra de Pereiro.
Dada a escaseza secular que padecemos de biografías, é motivo de ledicia a publicación de Vivir, unha aventura irrepetíbel. Escrita por Mercedes Queixas, reconstrúe o percorrido vital da poeta María do Carme Kruckenberg. Permítenos coñecer e entender como nace e medra a vocación literaria dunha muller galega, nacida nunha determinada clase social e nuns tempos ben complexos. Un documento valiosísimo que inspira un interese que vai máis aló do da figura protagonista ao tempo que nos deixa con ganas de coñecela mellor.
Tamén constitúe un imprescindible contributo biográfico o Proceso e encarceramento de Ramón Piñeiro (1946-1949) de Xosé Manuel Dasilva. Só nun país coma o noso, que se serviu a miúdo da terxiversación e a ocultación de datos históricos como estratexia defensiva, encamiñada a potenciar actitudes sectarias e maniqueas (responsables en boa medida da desafección de parte da cidadanía cara ao nacionalismo), se entende que ninguén fixese ata agora o que fixo Dasilva: exhumar a documentación da causa legal que se lle abriu a Piñeiro, publicala, explicala e comentala. Por se os papeis non falasen abondo por si mesmos, Dasilva axúdanos a orientarnos entre a broza xurídica para entender como e por que Piñeiro foi xulgado por rebelión e se lle imputaron "actividades clandestinas contrarias al régimen". O libro divídese así en tres partes: unha explicativa, outra estritamente documental (onde se transcriben informes, declaracións, dilixencias, etcétera do expediente penal) e outra gráfica, lamentablemente de escasa calidade. Unha obra fundamental non só para o cabal coñecemento da biografía de Piñeiro senón tamén para o da nosa propia historia.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.