Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

Pinturas para medio século de vida de Balbino

A reedición en rústica de Memorias dun neno labrego, que inaugura a primeira biblioteca de autor de Galaxia dedicada a un escritor vivo, e a versión conmemorativa en tapa dura e con ilustracións de Xaquín Marín non pechan os fastos que celebran medio século do libro de Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928). Unha exposición na biblioteca Miguel González Garcés, do barrio coruñés de Elviña, continúa a conmemoración do libro máis vendido da literatura galega -600.000 exemplares- a partir das 11 desta mañá.

A mostra Querido Balbino, comisariada polo funcionario de normalización da Estrada Valentín García Gómez, achega a ollada de 10 pintores ás aventuras e desventuras de Balbino, o protagonista das Memorias... que o novelista Alberto Lema definiu unha vez como "o Huckleberry Finn galego". Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Esperanza Lema, Federico Fernández, Xoán Domato, Antón Pulido, Herminda Salgueiro, Siro López e o propio Xaquín Marín reintepretan dende o lenzo e os pinceis a popular novela de iniciación.

En palabras de Neira Vilas, "a exposición é como un túnel, así está conformada por unha estrutura de madeira, a través do que se celebra a primeira edición de Memorias dun neno labrego". Redactada nun café da rúa Cullen de Buenos Aires no segundo semestre de 1960, a obra saiu do prelo o 5 de xaneiro de 1961 baixo o selo da editorial Follas Novas. De todas estas circunstancia dá fe Querido Balbino, con fotografías de época e reproducións das múltiples edicións e máis de 14 traducións do libro.

Socio de honra en IBBY

A seguir da inauguración da mostra, financiada pola Consellaría de Cultura, a filial da Oficina Intenacional do Libro Infantil [IBBY] en Galicia nomeará a Xosé Neira Vilas "socio de honra". A asociación Gálix, que preside o escritor Francisco Castro, organiza así unha homenaxe ao autor de Gres en que participarán a actriz Uxía Blanco, o contacontos Cándido Pazó -que arestora xira polo país cunha montaxe a partir de Memorias...-, Felipe Senén ou Xosé María Varela.

Entrementres, Neira Vilas segue visitando colexios e institutos para falar con cativos e adolescentes do seu libro. E recibe con certa e divertida sorpresa a última versión de Memorias dun neno labrego a outro idioma diferente do galego orixinal en que foi escrito: ao esperanto.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 1 de abril de 2011