O teatro soñado de Carvalho Calero
Manuel Castelao imaxina nun libro as montaxes das obras do autor ferrolán
Unha lectura nada alegórica dos textos, con estudo de personaxes e posibles solucións escénicas para unha comedia burguesa escrita en 1948 e nunca representada (A sombra de Orfeu) e para outra peza de teatro existencial, operativa tamén como depósito da memoria (Auto do prisioneiro). É a idea de inicio de Manuel Castelao na súa montaxe virtual Elucidación da sombra. Análise e interpretación de dúas pezas teatrais de Carvalho Calero (Laiovento). Autor de ensaios sobre Anxo Rei Ballesteros, Manuel Antonio ou Uxío Novoneyra -"o lugar de Galicia está na literatura que nos pensa"-, Castelao chegou ao teatro de Carvalho porque necesitaba algo para "enganchar" aos alumnos. "Fun alumno del en Santiago pero as súas clases parecíanme demasiado profesorais; gustábame máis como intelectual. Estas dúas obras resultáronme moi axeitadas para un público urbano".
'A sombra de Orfeu' escríbea "contra a desgaleguización da burguesía"
"O Día das Letras? A ver se llo adican antes a Anxo Rei Ballesteros", ironiza
Sendo o teatro o xénero máis difícil de problematizar, Castelao (Santiago, 1956) é directo. Furou na letra e arquitectou a escea na súa potencialidade para atopar as cuestións teóricas. Daquela o lector asiste a dúas obras de teatro "soñadas", mais o que el pretende en última instancia é algo "elemental". "Que Quico Cadaval, o mellor director teatral que temos, colla A sombra de Orfeu e a leve a escea. Carvalho nunca concibiu o teatro para ler, ese eterno prexuízo contra o teatro galego".
O Orfeu do filólogo ferrolán tamén é músico, pero os seus problemas son menos drásticos cós do preferido de Apolo (despezado ao final, no mito, por todas as mulleres que non son Eurídice). A sombra tampouco é rosaliá, senón que escorrega pola fenda do que é arte ou beleza -o que produce unha satisfacción desinteresada, en sentido kantián- e o mercado. O protagonista e dous dos personaxes femininos teñen que producir, sexan cuartetos ou pinturas. "Aquí está a sombra da arte, que leva sempre consigo o interese que a fai posible. Outro vector é a vinculación desa sombra da arte co mundo do adherente: todo ese mundo de conexións co material sen as cales non hai arte, e que a arte, precisamente, sublima".
Foi a desgaleguización da burguesía o que empurrou ao autor da primeira novela galega despois da guerra (Xente da Barreira, 1950) a escribir unha comedia burguesa "con personaxes que desde un punto de vista realista non falarían galego en absoluto". "Carvalho está tratando de anticipar unha realidade teatral normalizada", resume. Como Auto do prisioneiro, A sombra... foi editada en 1971, canda A árbore e A farsa das zocas, nas Catro pezas de Galaxia. O Teatro completo, en galego reintegrado, editouno Do Castro en 1982. En toda a súa obra dramática, riscada ás veces como teatro antigo, paira Galicia como suxeito político máis ou menos impotente. Castelao partilla obsesión co autor de Scórpio: "Estámolo vendo agora. A xordeira que manteñen as clases dominantes con respecto á lingua e á cultura é inacreditable, como se a agresión fose un lema político".
No estudo do Auto do prisioneiro, estreada na Ribadavia dos 70 -a última montaxe dirixiuna Antonio Simón no 2000-, Castelao fai paráfrase coa obra de Cunqueiro O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca, estreada na Coruña en 1959 con publicidade do delegado de Información e Turismo ("Vou levar a Don Hamlet ao paredón"). "Achas cómo hai unha imposibilidade absoluta de fundamentar a convivencia comunitaria na súa dialéctica co individuo, ese espazo está baleiro". No caso do Auto tampouco hai imaxes especulares de Galicia, pero é nese pliegue onde a cuestión galega permea o libro.
A Castelao, que se alcuma Raúl Veiga no traballo audiovisual -como guionista e director de filmes como Arde amor ou A metade da vida, sobre un conto de Ferrín-, non lle preocupa moito que o "imbécil escurecemento" de Carvalho se eternice, por caso, no que atinxe ao Día das Letras. "A ver se llo adican antes a Anxo Rei Ballesteros". Na morte do autor de Loaira, amigo seu, puido recuperar para a revista Grial o célebre texto O Revólver: a re-volta do Outro (por unha escritura soberana), escrito na altura do Decreto Filgueira. "Unha reflexión contra a imposición da norma antes da normalización e case hai que traducila a galego normativo", ri.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.