_
_
_
_
Reportaje:Luces

A estrea galega de Castelao

Este ano cúmprense 50 anos da primeira representación de 'Os vellos non deben de namorarse' da man de actores afeccionados de Santiago

O Sindicato del Espectáculo de Falange autorizara a representación da obra o 22 de xullo de 1961, tres días antes da estrea, pero os actores afeccionados que reclutara Rodolfo López-Veiga, director do grupo de teatro de Cantigas e Agarimos, levaban meses de ensaios e mesmo algún tivera que ser substituído porque o permiso do réxime franquista chegara despois da súa baixa na agrupación folclórica. Na praza da Quintana de Santiago entraron aquel 25 de xullo de 1961 máis de 7.000 persoas para ver, por vez primeira en Galicia, Os vellos non deben de namorarse, a peza que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao comezou a escribir en Pontevedra en 1931 e acabou en Nova Iork oito anos despois. Polo medio, unha guerra civil que deixou ao autor exiliado en Bos Aires. Foi no teatro Mayo da capital arxentina onde tivo lugar a estrea absoluta d'Os vellos, 20 anos antes de que López-Veiga dirixira, non sen atrancos, a súa en Galicia.

"A estrea da obra levantou sospeitas entre as autoridades do Réxime"
López-Veiga xa dirixira con éxito a 'Antígona' de Anouilh en galego en 1959

"Sempre digo que foi Día da Patria Galega avant la lettre", lembra Ezequiel Méndez, que aquela tarde foi Saturio, o boticario que se acaba matando polo desprezo da moza Lela e tamén o único supevivinte dos tres vellos (os outros dous foron Xosé Noya e Gabriel Barreiro). Nos primeiros sesenta, argallar un espectáculo teatral en galego era, como mínimo, unha ruptura coa norma. Méndez insiste en que a montaxe de López-Veiga foi máis alá. "A expectación creada foi máxima. Non tanto polo reclamo da troupe de Cantigas -eramos afeccionados, iso si, cunha paixón teatral inmensa- como polo regreso de Castelao a Galicia. Foi unha homenaxe a Castelao, un consciente acto de afirmación galeguista en tempos moi difíciles", rememora Méndez. Foron mozos e afeccionados na súa grande parte os que romperon o silencio ao que o réxime sometera o teatro en galego nas décadas da posguerra.

A vida de López-Veiga (La Habana, 1923-Santiago, 1999), comerciante de profesión, foi un bo exemplo. Durante principios dos anos cincuenta dirixe o Teatro Español Universitario (TEU) de Santiago e convértese nun referente para os rapaces, daquela estudantes na universidade compostelá, interesados polo teatro. Antes da estrea galega d'Os Vellos, López Veiga xa dirixira a Antígona do francés Jean Anouilh, estreada con gran éxito en 1959 e traducida ao galego por Xosé Manuel Beiras e Xosé Luís Franco Grande. Mais a posta en escena d'Os vellos -unha obra imaxinada por un pintor e non por un literato, como o propio Castelao deixaba escrito para quen había dirixir a obra- era, polo autor e pola época na que se estreaba, un fito. Lelo [a Castelao] era un acto individual, coma un pecado solitario, pero convocar a unha representación pública era darlle voz, era coma unha silandeira manifestación ilegal revestida de legalidade", afirma Méndez.

Ánxel Morón -profesor na Escola de Artes e Oficios de Santiago- encargouse dos decorados, das carautas dos personaxes, inspiradas nas orixinais de Castelao, e dos vestidos reflectantes dos esqueletes do boticario Saturcio, don Ramón e do señor Fuco, e Rosendo Mato foi o responsable dos arranxos musicais, sobre as letras de Castelao, d'A serenata dos boticarios, o Romance da casadiña nova, Pimpinela e Muiñeira dos pandeiros.

Intelectuais do galeguismo interior arrouparon coa súa presenza na Quintana a montaxe de López Veiga: Ramón Otero Pedrayo, Xosé Filgueira, Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Álvaro Cunqueiro -o mesmo director levaría ás táboas nos anos sesenta A noite vai coma un río, do escritor de Mondoñedo-, Ramón Fraguas, Fermín Bouza Brey ou Aquilino Iglesia Alvariño formaron parte do público, entre os que se atopaban tamén as irmáns de Castelao. A troupe de Cantigas e Agarimos, que encabezaba López Veiga, viaxaría coa obra ás festas do San Froilán de Lugo en outubro de 1961.

A represión, porén, non tardaría facer acto de presenza. Non sempre chegaron os permisos policiais e sindicais preceptivos para sacar a obra de Compostela. "Intentamos levala a máis cidades galegas, pero non foi posible. Hai que ter en conta que a estrea en Santiago se convertiu nun acto de afirmación galeguista e que levantou sospeitas ante as autoridades do réxime", recoñece Méndez, que a finais dese mesmo ano fundou o Cine-Club Universitario, que o converteu nunha figura moi popular nos círculos estudantís. Arredor das iniciativas "de galeguismo solapado" -así as define Méndez- estaba o grupo La Noche e das Festas Minervais, nas que se fraguaban as primeiras resistencias dunha xeración que xa non vivira en primeira persoa a guerra de 1936. O día antes da estrea, coa autorización de Falange confirmada, López-Veiga falaba do seu sentir pola peza de Castelao. "Dende que lin a obra pareceume un deses regalos pouco frecuentes cos que ás veces o destino se decide a premiar o labor non sempre grato do director de escena".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_