_
_
_
_
Reportaje:Luces

Os libros que meten medo

En plena treboada do sector, a editora Urco leva catro anos publicando traducións ao galego de ciencia ficción, fantasía e terror - Faino baixo licenzas libres

Aquí e agora, cando o sector editorial parece que está a punto de entrar na lista de especies en perigo de extinción en todo o mundo, e cos inconvenientes engadidos do hábitat cultural de Galicia, e en galego, Urco Editora é unha oferta especializada en libros de ciencia ficción, fantasía e terror. E non é unha aposta que poida dar de si ou non dar, senón unha realidade empresarial que ten catro anos de existencia e arredor de 40 libros en catálogo. Como a troita do conto de Ánxel Fole, que coa súa existencia garantía a pureza da auga dunha fonte do Incio, Urco é "a proba de que a literatura galega cambiou nos últimos dez anos, e vaise convertendo pouco a pouco nunha literatura normalizada. O noso sistema literario superou esa fase adolescente na que a poesía tiña un papel central", di o seu responsable, Tomás González Ahola.

"A literatura pasou a fase adolescente da poesía en papel central", di Ahola
"En ciencia ficción, en Galicia xa houbo máis do que hai", considera o editor

Urco (nome dun ser da mitoloxía galega, un can que polo día vive no mar e pola noite sae á terra a meter medo á xente) comezou hai catro anos con tres socios, un administrador de empresas e dous filólogos. O único que queda daquel trío de socios, hoxe convertido en cuarteto, é Tomás Ahola, ao que a saída natural dos seus estudios de filoloxía clásica, a docencia, non lle chistaba moito, e xa tiña experiencia no mundo da edición como tradutor de finés -as novelas de Arto Paassilina, entre outros- e de inglés ao galego da man de Rinoceronte Editora. "Comezamos con moita ilusión, e pensabamos e pensamos que existe un nicho. Non hai moitos lectores en galego, pero o terror e a ciencia ficción é unha literatura moi popular", di.

Desde entón, Urco foi enchendo tres coleccións para cadanseu xénero. Ciencia Ficción inclúe por un lado libros de pioneiros como Jack London ou Ambrose Bierce, e por outro lado obras non moi coñecidas de autores de literatura pulp dos anos 20 e 30. Gótica acolle os clásicos de terror gótico e sobrenatural, desde as obras canónicas como O Corvo de Edgar Allan Poe e O retrato de Dorian Gray de Oscar Wilde, ata libros de Washington Irving, Bram Stoker e Horace Walpole. Fantasía está dedicada aos principais autores que no século XIX e a primeira metade do XX, configuraron o xénero tal como é agora, sobre todo Robert E. Howard, o pai de Conan o bárbaro e Solomon Kane, dous personaxes que o cómic converteu en míticos e o cinema en masivos.

Non soamente editan clásicos, obras ou autores. O último libro que saíu á luz é Crónicas do mañá: 50 anos de contos cubanos de ciencia ficción. Agora están lanzando un novo selo, Alcaián (unha vila que houbo por Coristanco, afundida porque nela lle encirraron os cans a Cristo, segundo unha lenda popular) dedicado aos escritores noveis do xénero. Abriu con O que Darwin non previu, de Alba Payo Froiz. "Neste xénero, en Galicia houbo máis do que hai. Queremos comprobar se sigue prendida a chama do fantástico e do grotesco, algo que continúe a tradición dos contos de aparecidos", asegura Ahola. Sobre a tendencia actual de novelas de "fantapolítica", o responsable de Urco pensa que "a ciencia ficción, cando ten calidade, pode explicar a túa realidade, interpretala desde un punto de vista inocente ou non tanto, e polo tanto é moi aplicable a Galicia".

Como lle acontece a un selo especializado en fantasía, o principal problema, segundo o editor, é o da visibilidade: "O mundo da distribución está bastante ancorado no pasado. Os nosos libros están nos andeis de galego, ese curruncho das literaturas foráneas, como se fose o inglés, e non nos de literatura fantástica. Menos mal que os libreiros en Galicia seguen sendo bastante militantes". E o futuro -ou o presente- non lles mete medo. Editan todos os seus libros baixo licenza creative commons (pódense usar, en parte ou na totalidade, para fins non comerciais) e paulatinamente van "liberando" libros, poñéndoos de balde en formato ebook. "Vémolo como unha estratexia de marketing para o libro en papel", di Ahola. Para Urco, o futuro/presente tamén achega vantaxes. Teñen imprenta propia, tamén baixo unha advocación da mitoloxía galega, Sacauntos. "Facemos edición dixital, o que nos permite publicar baixo demanda. O outro día veu un pedido de 30 exemplares dun título, e so tiñamos cinco, pero servímolos sen problema ao día seguinte".

Escolma de títulos

- A praga escarlata, de Jack London

- A gorida do verme branco, de Bram Stoker

- Planilandia, de Edwin Abbott

- O retrato de Dorian Gray, de Oscar Wilde

- O monstro metálico, de Abraham Merritt

- Solomon Kane, de Robert E. Howard

- O castelo de Otranto, de Horace Walpole, considerada a primeira novela gótica

- A casa no confín, de W. Hope Hodgson

- Unha viaxe á lúa, de George Tucker

- O signo amarelo, de Robert W. Chambers

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_