Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
X.L. MÉNDEZ FERRÍN | Luces

"Fixo desparecer o labrego en abstracto"

Con Neira Vilas acábase a aldea como lugar idílico, esa tópica tan arrimada a un certo galeguismo. A desidealización rural non é o menor dos méritos, para Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938), que atesoura a novela. "Memorias dun neno labrego está dentro dunha tradición", explica, "a de Castelao, Dieste ou mesmo os Contos do Miño, de Eliseo Alonso, dun realismo que eu cuñei como lírico, aínda que tampouco me satisfai moito". O que Ferrín si afirma sen dúbidas é que a aparición "do realismo crítico e forte" na literatura galega veu da man de Balbino en 1961. "Tamén entrañábel e conmovedor", engade.

Mais aquel reconto da vida dun meniño labrador provoca, en opinión do autor de Crónica de nós, efectos sísmicos na narrativa: "Fai desaparecer o labrego en abstracto da literatura". No locus amoenus da aldea hai explotación e Balbino "é un labrego, pero un labrego pobre explotado por un labrego rico". Igual que nos poemas de Rosalía, sinala Ferrín, nas Memorias... "vese a explotación infantil, a explotación de clase". Os equívocos, di a maiores, non están de todo eliminados: hai pouco o propio Neira Vilas aclaraba que si, que el fora labrego pero que non era Balbino. Ninguén expropiara o seu traballo como expropian o de Balbino na súa narración.

Méndez Ferrín leu a obra na primeira edición. "Debía de ser 1961 ou 1962, era un dos libros que chegara dende Buenos Aires", lembra.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 17 de diciembre de 2010