_
_
_
_
Reportaje:Unha escritora nas marxes urbanas | Luces

Contra a literatura confortable

'Periferia', a terceira obra de Iolanda Zúñiga, acontece en São Paulo. A autora rebélase contra "os libros de cen páxinas que fomentan a lectura en galego" e advirte: "Que ninguén se engane, non vou ser eu quen colla o relevo da literatura confortable"

Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975) xa suscitara a atención da crítica coas súas primeiras obras publicadas, os microrrelatos de Vidas post-it e o poemario Amor amén, e por iso resultou alentador que a súa novela Periferia gañase o Xerais 2010. No acto de entrega do galardón, a escritora pronunciou un breve discurso que moitos interpretamos como unha reivindicación da literatura como instrumento de revelación dos problemas do individuo como ser social, que resultaba esperanzadora como alternativa ao narcisismo posmoderno.

Unha interpretación posible da que a escritora non era moi consciente: "A miña intervención foi froito da urxencia, da sinceridade e das brasas que quedaran da rabia que levaba en min logo de rematar Periferia. Aquela exposición, elaborada con retallos de pensamento colleitados ao chou, mais nos que creo firmemente, pareceume algo natural e por moitos compartido. Sorprendeume que tivera a máis mínima transcendencia. Con honestidade, había que dicir algo e falei do que supuxera para min esta experiencia, ligada á miña biografía. Sen máis reviravoltas. Non pretendín en ningún momento convertir a miña intervención nun discurso nin pensei que fose permanecer na memoria colectiva máis alá daquela tarde. Malia que eu como persoa actúe dun xeito bastante anárquico, creo que para levar adiante cambios fondos na sociedade todas somos imprescindibles. O egocentrismo está ben para andar por casa, pero aí fóra, á intemperie do mundo, hai que proporcionar alento a quen o precisa. Fechar os ollos ante o que está a acontecer no planeta é unha estupidez".

"O egocentrismo está ben para a casa, non para a intemperie do mundo"
"Abraioume a resignación das favelas fronte ao poder e á relixión"
"Contei a historia sen pensar no lector nin no mercado, só pensei no gueto"
"É un texto actual, de próxima caducidade, inzado de historias necesarias"

Periferia nace da experiencia biográfica dunha estadía no Brasil, pero tamén dunha inquedanza previa: "A idea de crear algo que denunciase a situación desa parte marxinada da sociedade brasileira, e emprego a palabra 'crear' conscientemente, porque daquela non sabía que eu ía ser quen de escribir, xa me seduciu, por vez primeira, hai máis de 10 anos, cando lin Meu pé de Laranja Lima, unha historia sinxela e emotiva que narraba a vida na favela dun menino, Zezé. Logo axudoume o seguimento que fixen dalgunhas das súas músicas (MPB, bossa nova ou, sobre todo, rap). E, por último, influíume outro libro, Cidade de Deus, que tempo despois inspirou unha das series de televisión máis atraentes que vin xamais, Cidade dos Homens". O coñecemento directo do Brasil impactou fondamente a Iolanda Zúñiga: "Impresionáronme negativamente,tamén houbo aspectos positivos, a violencia, o desespero, o atraso, o racismo, a escravitude que sofren e non alcanzan a ver ou a fe cega nas relixións, mesmo a fe imposta. E, por riba de todo, abraioume a resignación dos habitantes. Medorentos fronte ao poder ou á policía e refuxiados nas saias da relixión que os censura, que lles impide medrar como persoas, que os castiga por usar métodos anticonceptivos ou practicar abortos, porque hai que ocuparse das miles de fillas que virán, que serán sempre todas as que Deus queira. O resultado é unha infancia con innumerábeis medios irmáns, unha infancia que non acudirá á escola, unha infancia abandonada. E apenas se rebelan. Esa pasividade é algo que non alcanzo a comprender... será que levan o pasado escravo impreso no ADN".

Aínda que ela non cre moito na utopía dunha relación privilexiada Galicia-Brasil, si recoñece a existencia dun vencello especial: "O feito de compartirmos aspectos culturais ou pasado emigrante non creo que sexa abondo. Mais, si, hai algo etéreo que fai que nos sintamos unidos a eles. Talvez todo sexa unha cuestión lingüística, non o sei. Persoalmente, narrei esa periferia e non calquera outra porque a lingua me irmandaba con ese lugar".

Periferia combina unha historia de amor con elementos da novela de aventuras, pero todo o discurso está salferido de constantes referencias ás causas da desigualdade social, aos fenómenos económicos que explican as periferias, de xeito que quen le non pode eludir esa compoñente, non pode limitarse a unha lectura superficial ou anecdótica. Iso era exactamente o que a escritora buscaba. "Non quería que ninguén eludise esta denuncia. E, se cadra, que algunha lectora se unise tamén a ela. A historia ten un obxectivo claro e, como dixen antes, premeditado. E si, é imposible que se dea unha lectura superficial. Quen queira disfrutar dese tramo da viaxe que atinxe á ficción ten que pagar toda a pasaxe, e aturar informacións, estatísticas e, sobre todo, crueza, realidade. Senón, as lectoras deberán recorrer a outras lecturas máis compracentes".

Quizais por esa vontade de realismo unha parte importante do texto está escrita en brasileiro. Cando comeza a lectura, unha pensa que esa lingua vai ter una función ornamental, pero a medida que avanza decátase de que non, de que é un procedemento para obrigarnos a escoitar en directo as voces daqueles que non teñen moitas ocasións de facérense oír. Ante o que iso supón de desafío para o público, a autora confésase: "Apenas o valorei, talvez fun unha inconsciente. Se o fixese, non redactaría a novela dese xeito e tentaría aproximarme a un texto máis comercial. Pero non quería sucedáneos baratos do que supuña vivir naquel lugar. Buscaba narrar con veracidade a historia desa periferia. Ademais, non me parecía xusto que só falara o narrador. E que pasa con eles? cos ignorados e invisibles? cos que buscan erguer a voz e non teñen quen os escoite? Quixen darlles o espazo que reclaman e ao que, coma seres humanos, teñen dereito. Era imprescindible que se expresasen, sobre todo nunha crónica de tipo social como é esta".

Sen complexos, recoñece que o seu é un texto "labiríntico, complexo e canso para a lectora. É probable que haxa quen se desanime a lelo, pero lecturas cómodas e de cen páxinas que fomenten a lectura en galego hainas a moreas. E que ninguén se engane, non vou ser eu quen colla o relevo dese tipo de literatura confortable. A música e o cine xa nos dan todo mastigado. Ler require do noso esforzo e, ás veces, tamén un exercicio de reflexión. Escollín as ferramentas das que me ían valer para narrar a historia sen pensar no mercado nin nas lectoras e si pensando nas calamidades polas que pasan os habitantes dos guetos das grandes urbes, malia que, ao cabo, todos, pobres e acomodados, naufraguen. Así que este relato, denso e asfixiante, está escrito con premeditación e aleivosía. Sorprendeume gañar o Xerais. Era consciente de que presentara unha proposta arriscada e difícil de comercializar. Mais este era o resultado que buscaba, e achégase bastante á idea inicial".

A inusual extensión da novela tamén causou sorpresa, e máis tratándose dunha escritora que adoitaba traballar con fórmulas breves. Iolanda Zúñiga confesa que se situou "ante a páxina en branco con certo temor". "Vivín a experiencia como esgotadora, pois foi a primeira vez que emprendín unha aventura rodeada de palabras e sendo consciente do feito de estar escribindo. Unha novela longa ten moito que ver co oficio de corredor de fondo: adestras en cada frase, parágrafo ou capítulo. Logo, para lograr ser constante, simplemente deixei actuar á obsesión. Obsesioneime, si. Durmín coa historia, espertei con ela e camiñei ao seu carón durante todos eses meses. Había días nos que a vida se reducía a pensar como enlazar un par de frases ou suprimir aquí e engrosar alá", engade.

As músicas contemporáneas e a cultura popular desempeñan un papel fundamental en Periferia. "Porque o relato mo pedía a berros", explícase, "é un texto hiperactual, cunha data de caducidade próxima e que non terá maior transcendencia alén dun ano ou dous. Tampouco busco perdurar na literatura. Concíboa como hoxe e agora, inzada de historias necesarias pero fugaces. Ás veces, esa ambición de perpetuidade do ser humano provoca que esquezamos contar o tempo que nos tocou vivir". E iso é o que fai a voz narrativa de Periferia, que ten un algo demiúrxico sen resultar impersoal e que constitúe un dos grandes acertos da novela "Efectivamente, o narrador implícase, pero tamén, ás veces, sitúase a unha distancia prudente porque el non é un deles. A pesar de sufrir coas súas dificultades e de solidarizarse coa súa loita pola supervivencia, sabe que non é un deles. Ademais, gústame esa figura que comentas, a do narrador omnipresente, que está en todos lados, que todo o sabe, pero que, finalmente, non interfire e deixa obrar ao destino...". Ese destino que goberna as vidas dos habitantes de todas as periferias.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_