Libros ao servizo da patria
Fermín Penzol xuntou, na súa vida, unha das máis importantes bibliotecas de "tema galego" - En 1963, converteuna en fundación de acceso público
Naquel círculo de xiz galaxiano -a expresión é un arremedo de Xosé Manuel Beiras sobre o título de Brecht- que xogou a carta da resistencia cultural contra a ditadura, había homes de todas as pelames. Fermín Penzol foi un deles, o bibliófilo conspicuo e a base económica sobre a que, en non poucas ocasións, se apoiou Ramón Piñeiro. Fóra dos focos e da dedicación á escrita dos seus compañeiros, cos anos foi conformando unha das máis importantes bibliotecas "de tema galego". E Penzol colocou, dende 1963, os seus libros "ao servizo da patria".
"Penzol fixo o que non fixo ningún bibliófilo", explica o académico Xesús Alonso Montero, "xunta libros dende os 15 anos e, chegado un momento, decátase de que deben ser de acceso público". Foi xa 1956 cando aquel galeguista e cazador de libros, nado en Sahagún de Campos en 1901, decidu entregar o seu tesouro á Editorial Galaxia. Sete anos despois quedou formalmente organizada a Fundación Penzol, na actualidade con sede na praza da Princesa de Vigo. A escolla da cidade non foi aleatoria: A Coruña contaba coa Academia e Santiago coa universidade e o vello Seminario de Estudos Galegos reconvertido en Padre Sarmiento; Lugo, Ourense e Pontevedra, con museos; en Vigo non había nada.
7.751 libros e 6.012 documentos constituían a doazón inicial
Penzol asumiu a secretaría política do Partido Galeguista na clandestinidade
"Desexo que todo ese material bibliográfico que fun axuntando comece canto antes a ser útil á cultura galega", declarou Fermín Penzol a Salvador Lorenzana (pseudónimo de Del Riego) nunha entrevista para Galicia Emigrante, a revista bonaerense, datada en 1957. 7.751 libros e 6.012 folletos, revistas, periódicos e manuscritos compuñan a doazón inicial. Nesa mesma conversa, segundo Alonso Montero case o único que queda dun Penzol "ágrafo", o entrevistado estendíase sobre o destino da biblioteca: "Axunteino para Galicia e a Galicia llo entrego por medio de Galaxia, que é, antre as entidades culturais da nosa terra, a que, ó meu ver, reúne meirandes garantías de fidelidade e eficiencia dinámica en orde á revitalización da nosa cultura".
No contido das caixas de Fermín Penzol salientaba, antes de máis, "o tema galego". Xesús Alonso Montero, quen aínda estudante en Madrid tratou ao bibliófilo nos faladoiros do café Lion d'Or con Ben-Cho-Shey ou Ramón Cabanillas, define ese "tema" como libros sobre Galicia, de autor galego ou en galego. Aerarium commune utriusque iuris, editado por Agustín Paz no Mondoñedo de 1550, era, para o seu propietario, "o máis raro da biblioteca". Na entrevista mencionada, reproducida no libro homenaxe Fermín Penzol. nha obra para un país (Galaxia, 2010), Penzol enumeraba outras alfaias da colección, de título pouco sintético: Opúsculo e compendiosa obra que demuestra la venida y predicación evangélica de nuestro Santissimo Patrón Tutelar de las Españas Santiago el Mayor a nuestro hispánico emispherio (século XVII), de Fray Ignacio Catoyra ou o Viaggio in Ponente A San Giacomo di Galitia e Finisterrae (Boloña, 1681) de Domenico Laffi.
Pero, ¿quen foi aquel Fermín Penzol, cuxo labor de rastreador libresco, cando, en palabras do xornalista Gustavo Luca de Tena, "as bibliotecas eran delito", colocou as bases dunha das máis dotadas do Vigo actual? Afiliado nos anos vinte á Mocidade Céltiga, organización conectada coas Irmandades da Fala, Xosé Manuel Beiras encádrao no independentismo prerrepublicano. Os mozos galeguistas manifestaban a súa distancia cos maiores a través do arredismo e mesmo a Federación de Mocidades Galeguistas teorizaba o nacionalismo un paso máis alá. É nese tempo de estudante en Madrid cando coñece a Castelao. E, en 1931, entra no acabado de fundar Partido Galeguista co que participa na campaña a prol do Estatuto de Autonomía de 1936. O levantamento franquista pillouno na casa paterna de Ponferrada.
Nunha hipotética historia do galeguismo a través das amizades habería lugar de honra para a que uniu a Ramón Piñeiro con Fermín Penzol. Polo menos así o considera Xesús Alonso Montero, quen lembra, ademais, a Castelao e Otero Pedrayo, talvez a Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo. O propio Penzol asumiu a secretaría política do Partido Galeguista na clandestinidade cando, na posguerra, Piñeiro cae preso durante tres anos. "Pero Penzol era un nacionalista de verdade, un home moito máis radical que Piñeiro", opina Xosé Manuel Beiras.
O catedrático de Economía formou parte da órbita Galaxia, na subdirección da Revista Galega de Economía. "No distanciamento e posterior ruptura entre Galaxia e o Partidos Socialista Galego, Penzol non estaba nin moito menos nas posturas de Galaxia". Beiras encabezaba daquela o PSG, fundado en 1963 e, contra o cambio de década, en viraxe cara ao socialismo marxista. "Sen carné, pero Fermín Penzol estaba nesa época final, antes das primeiras eleccións de 1977, no PSG", rememora o autor de O atraso económico de Galiza. Naqueles anos convulsos, o ex líder do Bloque lembra ao bibliófilo na asemblea da Federación de Partidos Socialistas, en Madrid, sentado polos problemas de saúde, puño esquerdo en alto e cantando A Internacional.
Rexistrador da propiedade de oficio, Penzol nunca abandonou a querenza polos produtos do prelo. Malia a cesión nominal da biblioteca particular, el e a súa dona, Blanca Jiménez, continuaron fornecendo de fondos ao local que antes do seu emprazamento actual estivo na rúa Policarpo Sanz. "Aínda moitos anos despois de morto Fermín [en marzo de 1981], Blanca continuou á procura de libros para a fundación", lembra Alonso Montero. Igual que recorda que, alén da bibliofilia, Penzol tamén achegou cartos concretos para publicar libros. Un deles foi a obra completa de Manuel Leiras Pulpeiro, quen fora o seu médico na tempada que a familia Penzol pasou en Mondoñedo a comezos do século XX. Outro, a contribución ao dicionario de galego do lingüista Aníbal Otero.
"Un home máis ben grande, todo ao contrario da fachenda, un pouco encurvado, coma en posición de escoitar coas súas grandes orellas e os seus ollos abertos", descríbeo Isaac Díaz Pardo no texto incluído na publicación homenaxe, "enchido de producencia mais sempre cun sorriso cordial cheo de amor por todo". Novoneyra, Bouza-Brey, Cunqueiro ou Blanco Amor tamén escribiron sobre este home na sombra pero ao cabo no vórtice do galeguismo do interior e da resistencia culturalista. "Por Fermín Penzol agardan nos horizontes e racntos da súa biblioteca de Vigo queixumes e cantigas de augas e arboredos, chamadas de vieiros, intimismos ardentes, doces", colocaba no papel Ramón Otero Pedrayo.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.