De todo como en botica
Non deixaremos de congratularnos da variedade que nos últimos tempos caracteriza o libro galego, aínda que vaia acompaña dunha certa perda de visibilidade da edición literaria. Pero esa variedade é premisa básica para ampliar a base lectora na nosa lingua, e de aí que a nosa aspiración sexa a que en galego haxa de todo, como en botica.
Unha ollada aos andeis de calquera librería revela que esa aspiración é xa una realidade que acolle produtos moi diferentes, como Parir a liberdade, un libro bipolar asinado por Elvira Fente e concibido dende unha perspectiva xornalística co obxectivo de "recoller, recompoñer e crear unha achega á historia do feminismo en Galicia desde os primeiros anos de democracia". Para iso, a autora elabora una primeira aproximación histórica que complementa cunha serie de entrevistas a unha decena de mulleres pioneiras do feminismo galego: esa dualidade estrutural, que o fai susceptible de lecturas diversas, é a que me leva a cualificalo como bipolar. Máis alá de quen se poida sentir agraviada polas inevitables ausencias ou desenfoques que unha obra desta natureza sempre padece, máis alá das críticas, coma suscitaron outras contribucións recentes ao metadiscurso sobre o feminismo galego, o certo é que moita xente se congratula de que por fin se abordara esa tarefa que contribuirá a visualizar o labor calado de tantas galegas e, aínda máis importante, todo o que queda aínda por facer. Os debates colaterais axudarán ao rigor histórico, pero tamén deben ser valorados como un estímulo no proceso de recuperación do espazo público por parte das mulleres e os seus discursos.
En 'To the Wind Our Sails', poetas irlandesas traducen autoras galegas
Baixeras ofrece un texto impecable e de madurez en 'Deserto diamantino'
Nos últimos tempos diferentes axentes culturais teiman en poñer as voces galegas en diálogo coas doutras linguas, ás veces falando esoutras linguas. A profesora Manuela Palacios é unha desas axentes, que xa promoveu no 2003 a tradución ao galego dun grupo de poetas irlandesas, e que agora se alía cunha delas, Mary O'Donnell, para afortalar a relación entre dous sistemas literarios que presentan numerosas concomitancias. Así xurde To the Winds Our Sails, una escolma de dez poetas galegas, que vai de Luz Pozo a María Lado (das históricas ás novísimas); outras tantas poetas irlandesas encárganse de traducir ao inglés e ao irlandés os textos das galegas. Publicado pola editorial Salmon Poetry, a obra posúe, ademais do valor derivado da súa utilidade como vehículo de exportación da nosa poesía, un alto valor inmanente como antoloxía.
E non podemos deixar de celebrar que por fin vaiamos facendo realidade algo que reclamamos en tantas ocasións: que os autores de best-sellers infantís e xuvenís non se vexan obrigados, pola racanería e a incomprensión dos e das axentes literarias, a retrasar a aparición da versión galega. Non puido ser cos Harry Potter, nin coas novelas de Maite Carranza, mais semella que a cousa se vai encarreirando: que os fans de Cornelia Funke non teñan que agardar para ler Reckless en galego é boa proba.
- Narrativa para todos os públicos. Manuel Rivas está a presentar polo noso país Todo é silencio, a súa nova novela, que se abre cunha impactante frase bíblica: "A boca non é para falar. É para calar". A partir de aí, semella que tal máxima goberna a escrita de Rivas, na que impera un altísimo nivel de sobriedade e eficacia. Todo está pautado, todo está medido, nada sobra. O texto impón un ritmo de lectura no que cada palabra, cada expresión, ten espazo de seu, unha densidade que cómpre ponderar para deixar lugar, como na música, ao silencio.
Todo é silencio é moito máis ca unha de tantas novelas de contrabando, aínda que non pasa desapercibido que o autor manexa información privilexiada. Acerta Rivas en demorar o desenvolvemento da trama, e ao apostar con alto risco por crear paseniño un clima poético que permite o lucimento duns personaxes recoñecibles para todos nós entre os que salienta Mariscal. Esta é una desas figuras chamadas a pasar á historia da nosa memoria colectiva, como Herbal, malia ser (ou quizais por iso mesmo) un deses personaxes nefastos que remata por seducirnos, diría Joyce Carol Oates.
Tamén co mal como algo inherente á condición humana nos enfronta Randea do alento, de Herta Müller, Premio Nobel de Literatura 2009 e que, como outras voces galardoadas pola Academia sueca, tamén fala en galego. Randea do alento é un libro estarrecedor, que nos mergulla nunha realidade da que pouco se ten falado: os campos de traballo soviéticos. Herta Müller traballa coas lembranzas alleas, espiña dorsal da súa identidade, para construír un texto que nos atrae e nos repele a un tempo, para convidarnos a descender a un inferno que ela eleva á categoría humana por medio dunha escrita ás veces libérrima e transgresora como a mellor poesía, e outras ferozmente precisa. Traer ao noso idioma este asombroso e persoalísimo exercicio estilístico é un reto do que a tradutora e (re)creadora Marga do Val sae moito máis que airosa: a versión galega é un modelo do que debería ser a tradución literaria e, dende xa, firme candidata a calquera premio de tradución.
Nun rexistro máis lixeiro, e para amosar que a novela policial non é incompatible coa ambición literaria, velaí o Asasinato no Consello Nacional de Diego Ameixeiras. Máis alá da ficción política, Ameixeiras subverte determinadas convencións da fórmula para construír un texto no que outra volta exhibe capacidade discursiva, que desta lle vale tamén para a parodiar sutil.
No capítulo de reedicións, salienta a das Vidas post-it de Iolanda Zúñiga, rescatada con xustiza da colección Abismos de Xerais para a máis canónica de Narrativa. Supomos que o libro pretende servir de tarxeta de presentación da autora, nas vésperas da aparición da novela coa que gañou o Xerais 2010. Máis alá da función mediática que a reedición poida ter, estas Vidas post-it manteñen intacto o seu poder de impactar a quen le, e quizais teñan así oportunidade de entrar como lectura recomendadas para a mocidade, necesitado ás veces de renovación.
- Libros como alfaias. Así, como una xoia, merece ser considerado o Deserto diamantino co que Xavier Rodríguez Baixeras obtivo o VIII Premio Caixanova de poesía. Aparentemente inspirado no contraste entre as vizosas paisaxes da rexión da Chapada Diamantina e as do ermo Sertão, ambas no Brasil, o poeta válese da proxección simbólica deses espazos para enfrontarnos cun presente de soidade existencial. Rematado o pasado, inexistente o futuro, os poemas falan da convicción de quen é "rancor e nunca máis ofrenda, / ira senil, desequilibrio agónico". Implacable e impecable Baixeras neste texto de madurez, que ofrece rigor formal e sólido dominio do metro.
E xa como libro obxecto, ideal para un agasallo, e froito da militancia das asociacións galegas pro lactancia materna, Fedegalma (asociación que agrupa moitas delas) e Galaxia recollen en Pel con pel máis de 40 fotografías presentadas ao II concurso de fotos sobre a lactancia materna. As imaxes van acompañadas de textos de escritores como Dores Tembrás, Iolanda Castaño ou Román Raña. Máis alá da postura que cada quen poida ter sobre a importancia do aleitar, cuestión de novo na actualidade por mor da crise económica, a sensibilidade das imaxes e o xeitoso feitío do volume non deixan de engaiolarnos.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.